Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.174

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 1999 de modificación do prego de cláusulas administrativas particulares que rexerán na adxudicación polo procedemento aberto, trámite de urxencia, mediante concurso dun contrato de obras para a realización do selado e clausura de explotacións mineiras subterráneas antigas abandonadas nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante resolución da Consellería de Industria e Comercio do 3 de maio de 1999 publicada no DOG nº 87 do 7 de maio, convocouse concurso, polo procedemento aberto, de tramitación urxente, dun contrato de obras para a realización do selado e clausura de explotacións mineiras antigas abandonadas nas catro provincias da Comunidade Autónoma galega, no que se establecía a división en dous lotes dos traballos correspondentes ó obxecto do contrato, correspondendo o lote A ás provincias da Coruña e Lugo, e o lote B ás provincias de Ourense e Pontevedra.

No punto 9.3 do prego de cláusulas administrativas que se modifica, correspondente á oferta económica da citada resolución pola que se convoca o concurso, establecíase que a citada oferta económica tería que ser única para ámbolos dous lotes.

Dada a dispersión xeográfica, nun total de 100 municipios, e a localización en zonas moitas veces inaccesibles para a maquinaria que se ten que utilizar para a realización desta obra, sendo necesario nalgúns casos roza-los accesos, prodúcese unha repercusión económica elevada.

Realizar esta obra adxudicándolla só a unha empresa podería supor unha maior dificultade técnica da empresa adxudicataria, un maior tempo na realización da obra, e polo tanto un maior custo na realización dos traballos obxecto deste contrato.

Considérase polo tanto necesario establece-las dúas posibilidades de realiza-la obra:

1. De modo conxunto para toda a Comunidade Autónoma

2. División do contrato en dous lotes: lote A, A Coruña e Lugo e lote B, Ourense e Pontevedra, divididos desta maneira pola similitude de volume

de traballo que hai que realizar en cada un dos lotes citados.

Como consecuencia de todo o anterior

RESOLVO:

Primeiro.-Modifica-lo prego de cláusulas administrativas no seguinte sentido:

Cláusula 8 parágrafo segundo.-Garantía provisional.

Os empresarios estranxeiros, que non dispoñan da clasificación requirida, acreditarán a constitución dunha garantía provisional equivalente ó 2% do orzamento do contrato, de cada un dos lotes ós que presente proposición; (lote A: 2.856.100; lote B: 3.039.328).

Cláusula 9.-Proposicións dos interesados.

Os licitadores poderán presentar ofertas económicas referidas a calquera dos dous lotes ou a ámbolos dous. En todo caso, deberán indicalo no sobre da proposición económica.

9.1. Sobre «A» (documentación administrativa).

10. Os empresarios estranxeiros que non dispoñan de clasificación deberán presentar xustificante de ter constituída a garantía provisional do 2% do orzamento do contrato de cada un dos dous lotes ós que presente proposición; (lote A: 2.856.100; lote B: 3.039.328).

9.3. Sobre «C» (proposición económica).

Debe conte-las ofertas económicas referidas a calquera dos dous lotes ou a ámbolos dous realizadas de acordo co modelo que se xunta como anexo II ó prego.

Cláusula 13.-Obrigas previas á formalización do contrato.

13.1. Documento que acredite a constitución e posta a disposición da Consellería de Industria e Comercio a garantía definitiva por importe do 4% do orzamento do contrato (lote A: 5.712.200; lote B: 6.078.656) en calquera das modalidades descritas no artigo 37 da LCAP.

Segundo.-Amplíase o prazo de presentación de ofertas establecido na cláusula 7 do prego de cláusulas administrativas, que será de trece días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente resolución no DOG.

Terceiro.-Como consecuencia da modificación da cláusula 9 do prego de cláusulas administrativas, os licitadores que presentaron as súas ofertas entre os días 8 e 20 de maio, ambolos dous incluídos, poderán optar por manter estas ou presentar novas ofertas de acordo coas cláusulas modificadas pola presente resolución.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

P.D. (Orde 18-5-1999, DOG 100)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Industria

e Comercio