Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.121

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A., para os traballadores do servicio de limpeza do porto da Coruña.

Visto o expedeinte do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A. para os traballadores do servicio de limpeza do porto da Coruña que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-3-1999, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social polo delegado de persoal o día 23-3-1999 de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 31 de marzo de 1999.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de aplicación para os traballadores adscritos ó servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo aplicarase a todo o persoal adscrito ó servicio de limpeza do porto da Coruña, subcontratados á autoridade portuaria da Coruña.

Artigo 2º.-Duración, vixencia, prórroga e revisións.

Con independencia da súa publicación no BOP, este convenio iniciará a súa vixencia o 1 de xaneiro de 1999 con carácter indefinido, podendo ser denunciado para os efectos de negociación e revisión no último mes de cada ano natural; seguirá vixente en tódolos seus contidos e será de plena aplicación ata que sexa substituído por outro convenio negociado entre as partes.

No caso de prórroga por un ou máis períodos, ó vixente convenio colectivo incrementaránselle anualmente tódolos conceptos económicos do IPC previsto, máis 1 punto.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas vinculan á totalidade dos productores do centro de traballo o día da súa sinatura ou que no futuro puidesen contratarse.

Artigo 4º.-Garantía ad personam.

Calquera mellora que viñesen desfrutando os traballadores superior ó aquí pactado, garantirase estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións económicas establecidas neste convenio compensarán e absorberán as existentes no momento da súa sinatura, respectando o estipulado no artigo 4º.

Os aumentos de retribucións que se puidesen producir no futuro por disposicións de xeral aplicación só poderán afecta-lo pactado, se consideradas en cómputo anual, superasen ás aquí pactadas. No caso contrario serán absorbidas e compensadas por estas, substituíndo o presente convenio nos termos do seu capítulo III.

Artigo 6º.-Cláusula de remisións.

Será de inmediata aplicación o convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña, e se é o caso o que substitúa en todo o aquí non pactado, ou o que estándoo sexa máis beneficioso para os traballadores, é dicir, que non se realizará unha comparación global, senón conceptual, o que implica que cada mellora que exista naquel convenio será automaticamente de aplicación ós traballadores afectados por este, tanto se neste non existe a cláusula de referencia como, aínda existindo, se mellorase. Non será de aplicación o convenio colectivo antes mencionado no relativo ó previsto no capítulo III (condicións económicas), deste convenio.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Como órgano de interpretación, vixilancia e solución de conflictos do pactado neste convenio colectivo, créase unha comisión mixta paritaria integrada polo representante legal da empresa e o represntante legal dos traballadores.

As partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), nos propios termos neste formulados.

Capítulo II

Condicións de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 39 horas semanais, de luns a sábado, dispoñendo os traballadores de 10 minutos diarios para aseo persoal ó rematar cada unha das xornadas laborais de mañá e tarde, que contarán como xornada para tódolos efectos, e non poderán ser descontados dela no caso de non lle da-la utilidade mencionada.

Establécese o Sábado Santo e o 16 de xullo (Virxe do Carme), como festivos non recuperables.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal adscrito a este convenio desfrutará anualmente de 31 días de vacacións retribuídas, ou a parte proporcional que lle corresponda en función da data da súa incorporación á empresa.

O desfrute das vacacións será rotatorio, e ningún traballador estará obrigado a desfruta-las vacacións no inverno durante dous anos consecutivos, entendéndose como meses de inverno tódolos do ano, menos xullo, agosto e setembro.

As vacacións retribuiranse cunha mensualidade, agás a gratificación de transporte.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base do persoal afectado por este convenio será o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa, devengándose este por días naturais.

Artigo 11º.-Antigüidade.

A antigüidade consistirá en tres bienios do 5% e posteriores quinquenios do 7%, calculados sobre o salario base de cada un dos productores.

Artigo 12º.-Gratificación de asistencia.

Establécese unha gratificación de asistencia anual da contía de 74.750 ptas., que se aboará por días efectivos de traballo, dividíndose para estes efectos entre 299 días.

Artigo 13º.-Incentivos.

A actual gratificación de incentivos mensual para todo o persoal queda fixada en 42.049 ptas. mensuais.

Artigo 14º.-Gratificación de conductor.

Percibirá esta gratificación mensual o operario que efectúe este cometido e será de 10.674 ptas./mensuais.

Artigo 15º.-Gratificación de varredora.

Percibirá esta gratificación mensual o operario que efectúe este cometido, e será de 3.337 ptas./mensuais.

Artigo 16º.-Gratificación de transporte.

Para supli-los gastos ocasionados polo transporte ó centro de traballo, establécese unha gratificación extrasalarial na contía anual de 56.992 ptas. que se aboará por día efectivo de traballo, dividíndose para estes efectos entre 274 días.

Artigo 17º.-Anticipos.

Os traballadores terán dereito a percibir, sen que chegue o día sinalado para o cobro, anticipos á conta do traballo xa feito, non podendo ser superior ó 90% do salario mensual realmente devengado ata o día en que solicite o anticipo.

Artigo 18º.-Pagamento de salarios.

A empresa aboará as retribucións mensuais o último día de cada mes, e se este cadrase en festivo, farao o día anterior. A empresa concederá unha hora para o cobramento cando o pagamento se faga mediante cheque.

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Establécense 3 pagas extraordinarias: beneficios, xullo e decembro.

As pagas de xullo e decembro devengaranse semestralmente. A paga de xullo devengarase do 1 de xaneiro ó 30 de xuño, e aboarase coa mensualidade de xuño. A paga de decembro devengarase do 1 de xullo ó 31 de decembro, e aboarase o día 15 de decembro.

A paga extraordinaria de beneficios devengarase do 1 de xaneiro ó 31 de decembro, e aboarase o día 15 de marzo do ano seguinte.

As pagas extraordinarias aboaranse a razón de 30 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Cláusula de revisión. Incremento salarial.

O incremento salarial para o ano 1999 será o do IPC máis 1 punto en tódolos conceptos económicos.

No caso de que o IPC, publicado polo INE ou organismo que o substitúa, superase o 31 de decembro de 1999, un incremento superior ó 1,4% con respecto ó 31 de decembro de 1998, efectuarase unha revisión salarial automática sobre tódolos conceptos económicos no exceso da mencionada cifra. Tal incremento aboarase con efectos do 1 de xaneiro de 1999. No caso de prórroga de acordo co artigo 2º do convenio, por un ou máis anos, efectuarase unha revisión anual automática sobre tódolos conceptos económicos, que garanta ós traballadores o IPC real máis un punto.

Capítulo IV

Melloras sociais

Artigo 21º.-Incapacidade transitoria.

No caso de IT, por enfermidade común, a empresa complementará as prestacións da Seguridade Social ou organismo que a substitúa ata o 100% de tódolos conceptos económicos desde o día da enfermidade, agás horas extraordinarias.

No caso de que a IT requira hospitalización, aboarase o 100% desde o primeiro día.

No caso de IT por accidente, a empresa complementará ata o 100% de tódolos conceptos económicos desde o primeiro día.

Artigo 22º.-Fondo de anticipos.

Ó inicio da vixencia deste convenio créase pola parte económica e pola súa conta un fondo de anticipos para os traballadores afectados por este convenio colectivo, na contía de 700.000 ptas. anuais, que se concederán por solicitude individual de acordo co que segue:

1. Os anticipos concederanse por rigorosa orde de solicitude.

2. A contía máxima do anticipo será de 100.000 ptas. por traballador.

3. A amortización da cantidade solicitada será do 10% mensual a partir da mensualidade seguinte á súa adxudicación.

4. Non se terá dereito a novos anticipos ata que se amortice o anterior.

5. Estes anticipos concederanse con independencia do previsto no artigo 8º do presente convenio.

6. No caso de discrepancia esta será resolta pola comisión paritaria.

Artigo 23º.-Roupa de traballo e complementos.

A empresa entregaralle a cada productor anualmente dous traxes de verán e dúas camisas, dúas fundas, un traxe de augas, un anorak cada dous anos, botas de seguridade e botas de auga, segundo as necesidades, dúas toallas, xabrón para ducha e papel hixiénico.

Artigo 24º.-Revisión médica.

Anualmente realizarase como mínimo unha revisión médica a tódolos traballadores, en horas de traballo, e por conta da empresa. A través da mutua de accidentes e enfermidade profesional que a empresa teña concertada.

Artigo 25º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores terán dereito a permisos retribuídos nos seguintes supostos:

a) 18 días naturais no caso de matrimonio.

b) 5 días no caso de enfermidade grave de familiares en primeiro grao.

c) 4 días no caso de falecemento dalgún familiar en primeiro grao.

d) 2 días no caso de falecemento ou enfermidade grave de familiares en segundo grao.

d) 1 día por falecemento de familiares de terceiro grao.

f) 6 días por nacemento de fillos.

g) 1 día por traslado de domicilio habitual.

h) Desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando curse estudios para obtención dun título académico ou profesional; deberá acreditarse a concorrencia ós ditos exames.

i) Tempo necesario para asistencia a consulta médica.

j) Tempo necesario para o cumprimento dun deber público ou persoal.

k) Tempo necesario para a renovación do carné de conducir ou de identidade.

Artigo 26º.-Licencias non retribuídas.

Durante o ano concederanse ata un máximo de 6 días de licencias non retribuídas por petición e segundo as necesidades dos traballadores.

Artigo 27º.-Seguro de vida.

A empresa subscribirá unha póliza de seguro colectivo a favor de todos e cada un dos traballadores

afectados por este convenio, por un capital de 3.000.000 de ptas., para as continxencias de morte, incapacidade permanente total, incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivados calquera deles de accidente laboral, incluído o accidente in itinere.

A empresa, así mesmo, aboará como axuda, no caso de morte dos traballadores, 500.000 ptas. para sufraga-los gastos do enterro.

Artigo 28º.-Xustificantes médicos.

A empresa confeccionará un modelo de xustificantes de asistencia a consulta médica para uso dos traballadores. No caso de enfermidade, este volante, selado ou asinado polo médico, será xustificante suficiente do tempo de ausencia do traballador.

Artigo 29º.-Dereitos sindicais.

O crédito horario dos representantes legais dos traballadores será acumulable anualmente.

Capítulo V

Outras condicións

Artigo 30º.-Subrogación do persoal.

Apartado 1. Subrogación do persoal.

Co obxecto de contribuír e garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción de persoal entre os que se sucedan, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, na realización do servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña, levarase a cabo nos termos indicados no presente apartado e nos seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade, neste caso o servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña, que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

a) En tódolos supostos de finalización, perda, rescisión, cesión ou rescate da contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade xa descrita anteriormente, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realiza-lo servicio, respectando esta os dereitos e obrigas que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación do persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva desta pola empresa saínte, sexa cal sexa a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores con dereito a reserva de posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses nela e se encontren enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan a algún dos traballadores mencionados no suposto nº 2, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por esixencia do cliente se incorporasen á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores á finalización desta.

5. Traballadores que substitúan a outros que se xubilen, tendo cumprido sesenta e catro anos dentro dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata e teñan unha antigüidade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que esta estea pactada no convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

b) Tódolos supostos anteriormente recollidos, deberán ser acreditados fidedigna e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no apartado 5 do presente artigo e no prazo de 10 días hábiles contados desde o momento no que, ben a empresa entrante ou a saínte, comunique fidedignamente á outra empresa o cambio de adxudicación do servicio.

c) Os traballadores que non desfrutasen as súas vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación, desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio; que só aboará a parte proporcional do período que a ela lle corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde ó anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

d) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes ás que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria e traballador.

Apartado 2. División de contratas.

No suposto de que unha ou varias contratas nas que a actividade veña sendo desempeñada por unha ou distintas empresas ou entidades públicas, se fragmenten ou dividan en distintas partes, zonas ou servicios co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a estar adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servicios resultantes da división producida, cun perídoo mínimo dos catro últimos meses, sexa cal sexa a súa modalidade de contrato de traballo, todo isto aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.

Subrogaranse, así mesmo, os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do apartado 1 do presente artigo e que realizaran o seu traballo nas zonas, divisións ou servicios resultantes.

Apartado 3. Agrupación de contratas.

No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou divisións daqueleas, se agrupen nunha ou varias, a subrogación de persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, teñan realizado o seu traballo nas que resulten agrupadas, cun tempo mínimo dos catro meses anteriores, e todo isto aínda cando con anterioridade prestasen servicios en distintas contratas, zonas ou servicios.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se encontren nos supostos 2 a 5, ambos inclusive do apartado 1 do presente artigo e que realizaran o seu traballo nas zonas, divisións ou servicios agrupados.

Apartado 4. Obrigatoriedade.

A subrogación do persoal, así como os documentos que se facilitarán, operarán en tódolos supostos de substitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división destas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas e entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e isto aínda cando a relación xurídica se estableza só entre quen adxudica o servicio por un lado e a empresa que resulte adxudicataria por outro, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación do persoal, nos termos indicados, todo isto con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas ás que son obxecto de sucesión.

Apartado 5. Documentos que facilitará a empresa saínte á entrante.

A empresa saínte deberá facilitarlle á entrante os seguintes documentos:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento coa Seguridade Social.

-Fotocopia dos catro últimos recibos de salarios dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal, especificando: nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o seu período de mandato.

-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, nos que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente ningunha cantidade. Estes documentos deberán estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido na letra b) do apartado 2 da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, ambas partes acordan que durante a vixencia deste convenio será posible a conversión de tódolos contratos temporais en contratos indefinidos de acordo co regulado nos Reais decretos 8/1997 e 9/1997, do 17 de maio.

Segunda.-No caso de realización de conversións de contratos temporais en indefinidos ó amparo dos R.D. 8 e 9 do 17 de maio de 1997, de acordo co establecido na cláusula adicional primeira do presente convenio, o documento de comunicación de conversión de contrato de traballo a indefinido garante por sí mesmo os dereitos e obrigas adquiridos polo traballador derivados do contrato orixinal, tales como xornada, antigüidade, salario, categoría e fixeza do seu contrato.

Terceira.-Páctase no presente convenio colectivo que nos supostos de extinción dos contratos de traballo do persoal adscrito ó centro de traballo de aplicación deste convenio, ben por causas obxectivas ó amparo do establecido no artigo 52 do Estatuto dos traballadores, ou ben por despedimento disciplinario de acordo co establecido no artigo 54 do xa citado Estatuto dos traballadores, a indemnización que se é o caso corresponda por despedimento, e no suposto de que este sexa declarado improcedente calcularase a razón de 45 días de salario por ano de servicio, cun máximo de 42 mensualidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente convenio é de ámbito de centro de traballo e afecta a tódolos traballadores e empresa que presten os seus servicios no servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña, adxudicado por concesión administrativa. Do mesmo modo todo o seu articulado permanecerá en vigor durante a vixencia e sucesivas prórrogas, se é o caso, da actual concesión administrativa.

Así mesmo o presente convenio vinculará e afectará a empresa, sociedade, ou entidade pública ou privada, que se é o caso sucedan á actual adxudicataria na concesión administrativa, de acordo co disposto nos artigos 49 a 53 (ambos incluídos) do convenio xeral do sector de limpeza pública, viaria, regos, recollida, tratamento e eliminación de residuos e limpeza e conservación da rede de sumidoiros publicado no BOE do 7 de marzo de 1996, nos artigos 42 e 44 do Estatuto dos traballadores, e no artigo 30º do presente convenio.

Segunda.-Non operará no presente convenio a mobilidade xeográfica prevista no artigo 40 do Estatuto dos traballadores, estando o persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación deste convenio suxeito á prestación de servicios dentro do obxecto da concesión administrativa, neste caso a limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña.

Terceira.-De acordo coa cláusula na que se define o centro de traballo nos contratos subscritos entre empresa e traballador, así como polo exposto no artigo 1º do presente convenio, os contratos de traballo subscritos, vinculan os traballadores afectados ó centro de traballo do porto da Coruña para a realización do servicio de limpeza e recollida de residuos. O disposto anteriormente tamén é de aplicación para os traballadores que no seu día foron subrogados ás anteriores empresas adxudicatarias, e que no 1 de xaneiro de 1998 xa estivesen desempeñando o seu traballo no servicio de limpeza e recollida de residuos do porto da Coruña.

Cuarta.-En todo o non previsto neste convenio colectivo aplicarase o disposto no convenio provincial de limpeza da Coruña, ordenanza laboral do sector, Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente que poida resultar de aplicación.

Quinta.-Os atrasos salariais derivados da aplicación deste convenio colectivo aboaranse na mensualidade da súa sinatura ou, no caso de ser isto imposible, na seguinte.

ANEXO I

Táboa salarial convenio Urbaser, S.A. ano 1999 para o centro de traballo portos da Coruña

Rateos segundo o concepto

CategoríaSalario base

Mensual

Salario base

Diario

Gratificación de

asistencia

Diario

Gratificación de

transporte

Diario

Gratificación de

incentivos

Diario

Encargado porto da Coruña116.019025020842.049
Encargado03.55425020842.049
Oficial 1ª/conductor03.55425020842.049
Oficial 1ª/varredor03.55425020842.049
Peón03.198250208

x meses ano

12x días ano

365x días ano

299x días ano

274x días ano

12

Desagregación anual por conceptos

CategoríaSalario base

Anual

Salario base

Anual

Gratificación de

asistencia

Anual

Gratificación de

transporte

Anual

Gratificación de

incentivos

Anual

3 pagas extrasTotal bruto anual

Encargado porto da Coruña1.392.228074.75056.992504.588348.0572.376.615
Encargado01.297.21074.75056.992504.588319.8602.253.400
Oficial 1ª/conductor01.297.21074.75056.992504.588319.8602.253.400
Oficial 2ª/varredor01.297.21074.75056.992504.588319.8602.253.400
Peón01.167.27074.75056.992504.588287.8202.091.420

Gratificación de conductor: 10.674 ptas./mensuais (para o persoal que efectúe este servicio).

Gratificación de varredor: 3.337 ptas./mensuais (para o persoal que efectúe este servicio).