Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 6 de maio de 1999 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos na cesión de vehículos, especialmente preparados, para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, determina que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (Art. 22.2º. parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, nos concellos carentes dos medios necesarios para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 227/1998, do 10 de xullo, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 378/1998, do 4 de decembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para misións de protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para aumenta-la eficacia dos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cun medio necesario a protección civil, cederalles en propiedade vehículos todoterreo ós concellos galegos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, sexa municipal ou teña subscrito un convenio co concello e ademais estean inscritas no Rexistro da Dirección Xeral de Protección Civil, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galega para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Dispoñer de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, de agrupación de voluntarios de protección civil.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil.

c) Que carezan de medios de titularidade municipal suficientes, para facer fronte ós riscos existentes no seu concello.

Excepcionalmente, por concorreren causas motivadas debidamente xustificadas no correspondente expediente, poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que, sen cumpri-los requisitos sinalados, precisen dun vehículo destas características.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de corenta e dous millóns de pesetas (42.000.000 de ptas.), con cargo a aplicación orzamentaria 13.05.231A.624.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999, que se dedicarán á adquisición de vehículos todoterreo para cedérllelos en propiedade ós concellos que conten con Servicio Municipal de Protección Civil, ou no seu defecto, con Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ou convenio de colaboración coa agrupación de voluntarios de protección civil existente no concello.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera dos medios previstos no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

a) Certificado, expedido polo secretario do concello, que acredite a existencia de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, dispoñer de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Municipal ou a existencia dun convenio de colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil existente no concello.

b) Certificado expedido polo secretario do concello dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais de 1999 destinados ás funcións de seguridade e protección civil.

c) Certificado expedido polo secretario do concello relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Acórdase solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, no caso de resolución favorable da consellería.

d) Copia da inscrición da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil no Rexistro da Dirección Xeral de Protección Civil.

e) Memoria asinada polo alcalde como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:

-Os riscos potenciais existentes no ámbito territorial do concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

-Ter ou estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

-Medios que, sendo de titularidade do concello, se cederon en uso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

-Actividades realizadas no concello anteriores a esta orde, en temas relacionados directa ou indirectamente coa protección civil.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendar erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

As solicitudes recibidas e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Protección Civil, que emitirán o correspondente informe.

O director xeral de Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta o seguinte:

* Riscos potenciais existentes no concello.

* Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello poida mobilizar ante unha emerxencia.

* Cantidade destinada polo concello, nos seus orzamentos anuais, para cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade e protección da súa comunidade de veciños.

* Colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112-SOS Galicia, e no ano actual no Plan de Protección Civil de Atención ó Peregrino.

* Ter creada a Xunta Local de Protección Civil.

* Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).

* Dispoñer de servicio de 24 horas na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes, ós que se lles concedese a cesión en propiedade dun vehículo todoterreo, na forma prevista no Art. 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de 6 meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante:

a) Aboar en concepto de achega compensatoria polos gastos derivados do procedemento de cesión e inherentes á utilización do ben cedido, a cantidade resultante de aplica-la porcentaxe do 10% ó importe unitario de licitación dos vehículos no correspondente procedemento de contratación.

b) Serán por conta dos concellos os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Os concellos peticionarios comprométense a que os vehículos sexan destinados a misións de protección civil e, se é o caso, a cederllos en uso á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello ou a aquela Agrupación de Voluntarios de Protección Civil coa que teña asinado un con

venio de colaboración en materia de protección civil.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese un vehículo, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior e facer efectivo o pagamento da cantidade correspondente na entidade financeira que lle indique a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e non se presente o resgardo xustificativo do depósito, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

A cesión formalizarase mediante convenio no que constará o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 10º.-Control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan no artigo 7.2º b) desta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión, e de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 7.2.a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e na adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais