Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de abril de 1999 pola que se convocan subvencións a universidades galegas para a organización de congresos, simposios e xornadas que favorezan a proxección universitaria, tanto no ámbito local como nacional e internacional.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere levar a cabo unha política de axudas e subvencións a organismos e institucións que organicen actividades de proxección universitaria.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse subvencións a universidades galegas para a organización de congresos, simposios e xornadas que favorezan a proxección universitaria, tanto no ámbito local como no nacional e internacional.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das subvencións convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 8.210.000 ptas., para o que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 07.05.322C.440.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as universidades galegas a través dos seus centros, departamentos, institutos ou órganos, individuais ou colexiados, que realicen as actividades obxecto deste subvención na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan excluídos aqueles proxectos que anteriormente recibiran algunha outra subvención, para o mesmo concepto, por parte da Xunta de Galicia. Se a subvención é concedida por outro organismo, non poderá supera-lo custo total do montante da organización.

3. As subvencións concedidas consideraranse individualmente por proxectos presentados, nunca por universidade solicitante, de tal xeito que cada universidade pode recibir máis dunha subvención segundo o número de proxectos aprobados e subvencionados.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas a partir da data da publicación desta orde no DOG e estarán rematadas antes do 30 de novembro de 1999. Non se financiarán accións realizadas fóra do prazo establecido.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo á presente orde e que está á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Memoria explicativa do programa de actividades que se pretenden realizar indicando o ámbito territorial e social destas, na que conste a relación prevista de conferenciantes invitados.

-Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Circular ou circulares do congreso.

-Documento facilitado pola entidade bancaria na que conste o código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG.

4. As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Artigo 6º.-Comisión de evaluación.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Un representante por cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.

Un representante da Dirección Xeral de Universidades.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria e emendada, en caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a comisión avaliadora elaborará unha relación de institucións beneficiarias, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

a) Importancia e interese científico e universitario das actividades propostas no proxecto presentado, con especial valoración dos proxectos que contribúan á proxección universitaria.

b) Ámbito territorial do proxecto.

2. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Pagamento e xustificación.

Unha vez concedida a subvención librarase a cantidade adxudicada de acordo co disposto no artigo 35.2º A) da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1999:

1. Se a subvención concedida non supera o importe de 1.000.000 de ptas., poderá acordarse un primeiro pagamento do 80% no momento da concesión e un segundo pagamento do 20% restante, no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e condicións establecidas na presente orde.

2. Se a subvención concedida supera o importe de 1.000.000 de ptas., poderá acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, ata un máximo do 80% da subvención concedida.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos e deben comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades o lugar, o día e a hora da actividade subvencionada, así como comunicar calquera modificación da actividade. A Dirección Xeral de Universidades poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Universidades, utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria