Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 141/1999, do 7 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Ourense, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de C.V. 112 Ganceiros-Lobios número 43/PB/98 (RVL) en Lobios.

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión celebrada o día 27 de novembro de 1998, aprobou o proxecto de C.V. 112 Ganceiros-Lobios nº 43/PB/98 (RVL) en Lobios e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de marzo de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por tratarse o ben que se vai expropiar dun terreo que interrompe o trazado da estrada, provocando un perigoso estreitamento, sendo necesaria a súa urxente expropiación para os efectos de evita-lo perigo que isto supón para o tráfico rodado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de C.V. 112 Ganceiros-Lobios nº 43/PB/98 (RVL) en Lobios.

Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais