Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 21 de maio de 1999 Páx. 6.111

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 28 de abril de 1999 pola que se regulan as tarifas de referencia para os transportes reguladores de uso especial.

O dereito de preferencia que a favor dos servicios regulares de uso xeral ou especial establece a normativa vixente, fai preciso artellar un sistema que faga compatible o seu exercicio co da autonomía de vontade das partes, que se manifesta no proceso de contratación dos servicios regulares de uso especial.

A experiencia acadada neste terreo pon de manifesto que baixo o amparo desta autonomía contractual se ocultan de cotío actuacións deseñadas co único fin de impedi-lo lexítimo dereito de preferencia mediante o recurso a técnicas de competencia desleal (venda de servicios por debaixo do seu custo de producción) e mesmo a contratos fraudulentos en canto que non reflicten fielmente os pactos acordados, especialmente no referente ó prezo do servicio.

O mercado do transporte, polas particularidades da súa actividade, é especialmente fráxil e, ó mesmo tempo, un carácter estratéxico en canto garante a mobilidade do sector da poboación máis desprotexido.

Neste sentido, cómpre adoptar medidas que eviten que se rompa o delicado equilibrio que neste momento sustenta as concesións de transporte regular de viaxeiros de débil tráfico e que garante un sistema universal de transporte dentro da nosa comunidade sen precisar de subvencións públicas.

Para os ditos efectos o elemento clave é establecer mecanismos para evita-las fraudes de lei e os abusos de dereito que se veñen detectando neste campo a través da baixada artificial e moitas veces irreal do prezo nominal dos servicios.

Por isto artéllase un sistema baseado na determinación das tarifas de referencia que corresponden ós custos medios dunha empresa xestionada coa dilixencia esixible que impón a normativa vixente.

Noutra orde de cousas, debe sinalarse que a regulación que se contén na presente orde se refire unicamente ós transportes regulares de uso especial non contratados pola Consellería de Educación.

A dita exclusión fundaméntase, en primeiro lugar, no feito de que a regulación do réxime xurídico do exercicio do dereito de preferencia varía en función de que o contratante do servicio sexa a Consellería de Educación ou non, e obviamente, porque na contratación que realiza a dita consellería non se dan os supostos que se queren evitar coa presente normativa.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 27.8º, a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía para Galicia, e en uso das competencias conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e visto o informe do Consello Galego de Transportes,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Á presente orde aplicaranse os servicios regulares de uso especial con itinerario comprendido integra

mente dentro de Galicia ou que, no caso de exceder do dito límite, non efectúen paradas para deixar ou coller usuarios fóra de Galicia, agás aqueles contratados pola Consellería de Educación que se rexen polo Decreto 160/1998 e a modificación operada polo Decreto 342/1998, do 27 de novembro.

Artigo 2º.-Definición de tarifa de referencia.

Para os efectos do disposto na presente orde entenderase por tarifa de referencia aquela que veña determinada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo do informe do Comité Galego de Transportes, como referente do prezo dun servicio público regular de uso especial que cubra, de conformidade co establecido no artigo 19 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, os custos reais do servicio en condicións normais de productividade e organización e permita unha adecuada amortización, un razoable beneficio empresarial e unha correcta prestación do servicio.

Artigo 3º.-Determinación da tarifa de referencia.

As tarifas de referencia dos servicios de transporte regular de uso especial serán determinadas por resolución motivada da Dirección Xeral de Transportes, baseada en estudios de custos medios de explotación de empresas de transporte, logo de informe do Comité Galego de Transportes.

As tarifas de referencia refírense a pagamento ó contado, sen incluí-lo IVE ou calquera outro imposto directo ou indirecto que lle sexa de aplicación.

Artigo 4º.-Inadecuación ás tarifas de referencia.

Non se outorgará autorización nos supostos nos que a contraprestación económica sexa inferior nun 20% á que correspondería por aplicación da tarifa de referencia de transporte regular de uso especial.

Excepcionalmente, logo do informe do Comité Galego de Transportes, poderán autorizarse os ditos servicios cando se xustifique, mediante un estudio individualizado, a compatibilidade da prestación do servicio co cumprimento do establecido no artigo 19 da Lei 16/1987, do 30 de xullo.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 1999.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda