Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 20 de maio de 1999 Páx. 6.073

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 1999 pola que se convoca concurso de méritos para a provisión dun posto de traballo vacante no Consello de Contas de Galicia.

Este Consello, en uso das facultades conferidas polo artigo 10.2º d) do Regulamento de réxime interior (DOG nº 138, do 17 de xullo de 1992), e tralo acordo da Comisión de Goberno adoptado na sesión do 8 de abril deste ano, convoca este concurso de méritos para a provisión dun posto de traballo vacante e dotado orzamentariamente, conforme as seguintes bases:

Primeira.

1.1. Poderán tomar parte no concurso os funcionarios de carreira de calquera Administración pública petencentes ó grupo D ós que se refiren os artigos 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e 19 da Lei 4/1988, do 26 de maio, agás o persoal docente, investigador e sanitario, en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

1.2. Será necesario para participar neste concurso que os funcionarios, na data do remate do prazo de presentación de instancias, permanecesen un mínimo de dous anos, contados desde a data de toma de posesión, no último destino definitivo, agás que se producise a supresión do posto de traballo.

Segunda.

As características do posto de traballo convocado, segundo a relación de postos aprobada polo Pleno do Consello, son as seguintes:

Denominación: auxiliar administrativo.

Número de prazas: unha.

Grupo: D.- Nivel: 12.

Tipo de posto: N.S.

Complemento específico: 442.944 ptas.

Localidade de destino: Santiago de Compostela.

Requisitos indispensables: estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou titulación equivalente e pertencer ó corpo auxiliar da Administración do Estado, Comunidades Autónomas, corporacións locais, organismos autónomos ou Seguridade Social.

Terceira.

Esta convocatoria será resolta pola Comisión de Goberno do Consello, logo da proposta da Comisión de Valoración constituída para o efecto.

A valoración dos méritos para a adxudicación das prazas efectuarase segundo o seguinte baremo:

1. Valoración do grao persoal: pola posesión de grao persoal consolidado adxudicarase ata un máximo de catro puntos, segundo a distribución seguinte:

1.1. Por ter consolidado o mesmo grao có nivel do posto ó que se concursa, ou ós inmediatos superior ou inferior: 4 puntos.

1.2. Por ter consolidado un grao distante en dous ou tres niveis ó do posto ó que se concursa: 3 puntos.

1.3. Por ter consolidado calquera outro grao: 1,5 puntos.

Para os únicos efectos deste punto, e cando o funcionario careza de grao consolidado, entenderase que concursa desde o correspondente ó nivel mínimo do corpo ou escala de procedencia.

2. Valoración do traballo desenvolvido: adxudicarase ata un máximo de cinco puntos, segundo a distribución seguinte:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos cinco anos.

Computaranse os traballos desenvolvidos en comisión de servicios por un prazo máximo de dous anos.

a) Por cada ano de traballo desenvolvido nun ou varios postos de traballo de nivel igual ou inferior ó do posto ó que se concursa: 1 punto.

b) Por cada ano de traballo desenvolvido nun ou varios postos de traballo de nivel superior ó do posto ó que se concursa.

-0,7 puntos se o nivel está comprendido entre o 13 e o 16.

-0,3 puntos nos restantes casos.

A acreditación do desempeño dos postos de traballo anteriormente relacionados realizarase mediante certificación dos responsables das respectivas unidades de persoal.

3. Cursos de formación: adxudicarase ata un máximo de cinco puntos, segundo a distribución seguinte:

3.1. Pola realización de cursos relacionados cos programas Windows e o seu contorno, 0,75 puntos se a duración do curso foi superior ou igual a 30 horas e 0,35 puntos se a duración foi inferior.

3.2. Pola realización de cursos relacionados con sistemas informáticos de tratamento de textos:

3.2.1. Por cada curso relacionado co sistema informático de tratamento de textos Microsoft Word nas súas versións 6.0 ou 7.0: 1 punto se a duración foi igual ou superior ás 30 horas e 0,5 se foi inferior.

3.2.2. Por cada curso relacionado con calquera outro sistema informático de tratamento de textos: 0,6 puntos se a duración do curso foi igual ou superior ás 30 horas e 0,4 se foi inferior.

3.3. Por cada curso relacionado co manexo de follas de cálculo ou bases de datos: 0,4 puntos se a duración do curso foi igual ou superior ás 30 horas e 0,15 se foi inferior.

3.4. Pola realización de cursos non relacionados coa informática a valoración realizarase segundo os seguintes criterios:

3.4.1. Por cada curso con aproveitamento superior a 40 horas: 0,75 puntos.

3.4.2. Por cada curso con aproveitamento inferior a 40 horas: 0,5 puntos.

3.4.3. Por cada curso con diploma de asistencia: 0,15 puntos.

Só se concederá validez, no que á acreditación de cursos realizados se refire, a títulos ou certificacións expedidas por centros oficiais de formación de funcionarios.

4. Coñecemento da lingua galega: adxudicarase un máximo de catro puntos.

4.1. Polo curso de iniciación con aproveitamento: 2 puntos.

4.2. Polo curso de perfeccionamento con aproveitamento: 4 puntos.

5. Antigüidade: adxudicarase ata un máximo de dous puntos, a razón de 0,25 puntos por ano completo de servicios, computándose para estes efectos os servicios recoñecidos que se prestasen con anterioridade á adquisición da condición de funcionario. Non se computarán servicios que fosen prestados simultaneamente con outros igualmente alegados.

Cuarta.

1. Os requisitos de participación, méritos e calquera outro dato deberán estar referidos á data de remate do prazo de presentación de instancias.

2. Os méritos xerais dos funcionarios que tomen parte neste concurso deberán ser acreditados mediante certificación, segundo o modelo que figura como anexo II desta resolución. A certificación deberá ser expedida pola unidade de persoal de que dependa o funcionario.

A Comisión de Valoración poderá solicitar formalmente dos participantes as aclaracións ou, se é o caso, a documentación adicional que coide necesaria para a comprobación dos méritos alegados.

3. Os concursantes que procedan da situación administrativa de suspensión de funcións xuntarán á súa solicitude a documentación acreditativa de que remataron o período de suspensión.

4. Os funcionarios procedentes da situación de suspensión de funcións, de excedencia voluntaria recollida nos artigos 29.3 letra c da Lei 30/1984 e 55 c) da Lei 4/1988, e de excedencia para o coidado de fillos, xuntarán á súa solicitude declaración de non ter sido separados do servicio de calquera das administracións públicas nin estaren inhabilitados para cargo público.

5. Os funcionarios con algunha discapacidade debidamente acreditada poderán solicitar na propia instancia a adaptación do posto, sempre que non supoña unha modificación exorbitante no contexto da organización. A Comisión de Valoración poderá reclamar do interesado en entrevista persoal a información que coide necesaria para a adaptación requirida, así como o dictame dos órganos técnicos da Administración competente respecto da procedencia da adaptación e da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións do posto en concreto.

Quinta.

As puntuacións outorgadas, así como a valoración final, deberán reflectirse na acta que se levantará para o efecto.

A valoración máxima total non poderá ser superior a 20 puntos.

Sexta.

A orde de prioridade para a adxudicación do posto de traballo virá dada pola suma da puntuación obtida segundo a valoración expresada na base terceira desta convocatoria. No caso de empate, este dirimirase pola maior puntuación obtida nos méritos enunciados pola orde expresada, e de persistir este atenderase

ó maior tempo de servicios prestados en calquera Administración pública.

Publicada a resolución do concurso, o destino é irrenunciable, agás que con anterioridade ó remate do prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, podendo o funcionario optar por un dos dous e quedando obrigado a comunicar por escrito a este consello a opción realizada nos tres días seguintes a ela.

Sétima.

O traslado que se derive da resolución deste concurso terá a consideración de voluntario.

Oitava.

As solicitudes para tomar parte no concurso dirixiranse ó conselleiro maior do Consello de Contas, axustadas ó modelo que se publica no anexo I, xunto coa fotocopia do DNI, e presentaranse no prazo de 15 días, contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral do Consello de Contas, sito na rúa Ramón Piñeiro, nº 29, Santiago de Compostela ou de calquera das formas previstas na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Novena.

A Comisión de Valoración estará integrada polo conselleiro maior en calidade de presidente ou persoa en quen delegue, 3 vocais designados pola Comisión de Goberno, 2 vocais en representación do persoal e un secretario con voz pero sen voto.

Tódolos membros da Comisión deberán pertencer a un grupo igual ou superior ó esixido para os postos convocados e, ademais, posuír grao persoal consolidado ou desempeñar postos de igual ou superior nivel ó convocado.

Décima.

O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se o posto de traballo está na mesma localidade, ou dun mes se radica en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso no servicio activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licencias que, se é o caso, fosen concedidos ós interesados.

Nos supostos de baixa temporal ou transitoria o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

Décimo primeira.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada perante o Pleno do Consello de Contas no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 1999.

Carlos G. Otero Díaz

Conselleiro Maior do Consello de Contas