Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 13 de maio de 1999 Páx. 5.808

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de maio 1999 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, mediante o nomeamento de persoal interino, catorce postos de traballo de inspectores de turismo (grupo B), vacantes na Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Estando vacantes catorce postos de traballo de inspectores de turismo (grupo B) na Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e sendo urxente a súa cobertura por razón das necesidades do servicio, apreciada pola comisión de persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o 22 de marzo de 1999, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A finalidade da convocatoria de probas selectivas é a cobertura de catorce postos de inspectores de turismo, tres nos servicios centrais e once nos servicios periféricos, vacantes na Consellería de Cul

tura, Comunicación Social e Turismo, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que cesará no seu posto cando a súa praza sexa cuberta por un funcionario de carreira.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título ou acreditar ser enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de 3º grao ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Posuír o permiso de conducir da clase B1.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.

Encoméndaselle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a elaboración da relación de aspirantes admitidos e excluídos e a realización e cualificación das probas.

Cuarta.-Probas.

A selección constará das seguintes probas:

Primeiro exercicio: escrito. Consistirá en contestar a un cuestionario de oitenta preguntas sobre o temario descrito no anexo I. Cada pregunta constará de catro respostas posibles.

Este exercicio, que terá carácter eliminatorio, cualificarase de cero a trinta puntos e terá unha duración máxima de noventa minutos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de quince puntos. Correspóndelle ó tribunal determina-lo número de respostas correctas esixidas para alcanza-la puntuación mínima, tendo en conta que por cada tres respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Segundo exercicio: escrito.

a) Primeira proba: consistirá na traducción dun texto en castelán para o galego.

b) Segunda proba: consistirá na traducción dun texto en galego para o castelán.

Este exercicio, que tamén será eliminatorio, cualificarase de apto ou non apto e terá unha duración máxima de vinte minutos para cada proba.

Para a realización do segungo exercicio, os aspirantes serán convocados polo tribunal, cunha antelación mínima de 48 horas á data de celebración deste, mediante un anuncio que se exporá no mesmo lugar de celebración do primeiro exercicio e por aqueles outros medios que o tribunal considere oportuno.

Os aspirantes presentaranse para a realización de cada un dos exercicios provistos do DNI ou documento fidedigno que acredite a súa identidade a xuízo do tribunal.

Os exercicios celebraranse a porta pechada sen máis asistencia que a dos aspirantes, membros do tribunal e os colaboradores designados por el. A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación acadada no primeiro exercicio.

De producirse empate, resolverase alfabeticamente de acordo co resultado do sorteo ó que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia celebrado o 23 de febreiro de 1999 (DOG nº 43, do 3 de marzo).

Non poderá aprobar nin ser declarados aptos un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

Quinta.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar instancia, segundo o modelo que figura como anexo II á presente orde, no rexistro xeral das consellerías da Presidencia e Administración Pública, Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá xuntarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 8.770 ptas. e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral das consellerías da Presidencia e Administración Pública, Cultura, Comunicación Social e Turismo, e nos das súas delegacións provinciais, debendo encherse cos códigos que figuran no referido anexo III.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo elaborará unha relación de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios da mesma consellería e nos das súas delegacións provinciais, e poderase formular contra ela reclamación no prazo de cinco días a partir do seguinte ó da publicación. Transcorrido o dito prazo a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio do dito anuncio convocarase os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase día, hora e lugar de celebración.

Sétima.-Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e formará parte del un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública, proposto polo director xeral da Función Pública, e un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma proposto polas organizacións sindicais presentes na mesa sectorial dos funcionarios. A súa composición farase pública por medio do anuncio que se cita na base anterior.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría segunda.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas, que será comunicado á Dirección Xeral da Función Pública.

Oitava.-Resolución.

No prazo máximo de un mes a partir do remate das probas o tribunal cualificador elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de aspirantes que superaron as probas, que será publicada no DOG e a partir da dita publicación os aspirantes seleccionados disporán do prazo de 10 días naturais para achegar á Dirección Xeral da Función Pública os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia cotexada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

d) Fotocopia cotexada do permiso de conducir clase B1.

e) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Novena.-Nomeamento.

Entregada e comprobada a documentación, os aspirantes seleccionados serán convocados para escolleren as prazas segundo a orde de puntuación, e serán nomeados persoal interino do grupo B, escala de inspectores de turismo por orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que será publicada no DOG.

Os aspirantes que no prazo establecido na base anterior non presenten a documentación ou o fagan de xeito incompleto, perderán tódolos seus dereitos, agás en casos de forza maior.

Décima.-Toma de posesión.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da orde do nomeamento do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

ANEXO I

TEMARIO DAS PROBAS SELECTIVAS PARA A COBERTURA MEDIANTE PERSOAL INTERINO, DE 14 POSTOS DE TRABALLO DE INSPECTORES DE TURISMO PERTENCENTES Á ESCALA TÉCNICA DA INSPECCIÓN TURÍSTICA DA XUNTA

1. A Constitución española de 1978: caracteres, estructura e contido: Os principios xerais do título preliminar. Dereitos fundamentais e liberdades públicas. A súa garantía e suspensión. O Tribunal Constitucional. O Defensor do Pobo.

2. Funcións constitucionais do Rei. As Cortes Xerais: composición organización e funcións. Elaboración das leis. Os tratados internacionais. O Goberno. A Administración xeral do Estado: organización e funcionamento. O Poder Xudicial. As comunidades autónomas e a Administración local. A Administración institucional. Os organismos autónomos.

3. A Constitución como norma xurídica. A lei: concepto e clases. Disposicións con forza de lei. O regulamento: concepto e clases. Límites da potestade regulamentaria. O principio de legalidade na Administración. O principio de autotutela. O administrado: concepto e situacións xurídicas.

4. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro: o acto administrativo. Eficacia e validez dos actos administrativos. A súa motivación e notificación. O silencio administrativo. Execución dos actos administrativos. A revisión de oficio.

5. Principios da actuación administrativa. Os interesados. Dereitos e deberes dos administrados. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción e terminación. Os recursos administrativos. As reclamacións previas. Breve referencia ó recurso contencioso-administrativo.

6. As formas de acción administrativa. O fomento. A policía. O servicio público: teoría xeral. Formas de xestión dos servicios públicos: especial referencia ás autorizacións e concesións.

7. A sociedade mercantil: concepto, clases, caracteres. O contrato de sociedade civil. As sociedades colectivas e comanditarias: requisitos de constitución. Sociedades de responsabilidade limitidada. Sociedades anónimas: características xerais.

8. O Estatuto de autonomía de Galicia: estructura e contido. O territorio, os símbolos. A lingua e a cultura galegas. A condición de galego. Os dereitos e deberes dos cidadáns galegos. As institucións de autogoberno: descrición. Sede. A Xunta de Galicia e o seu presidente. O Parlamento. O Valedor do Pobo.

9. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Supletoriedade do dereito estatal. As leis marco, de transferencias e de delegación. A Admi

nistración pública de Galicia. As consellerías: organización e estructura. A Administración periférica. A Administración institucional.

10. O municipio: territorio, poboación, organización e competencias. A provincia: territorio, organización e competencias. Outras entidades locais: especial referencia á comarca e á parroquia.

11. A Lei de medidas para a reforma da función pública e normas posteriores. A función pública galega: organización e réxime xurídico.

12. O persoal funcionario ó servicio da administración pública galega. Sistemas de selección. Provisión de postos e promoción profesional. Situacións dos funcionarios. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos e deberes. Sistema de retribucións e indemnizacións. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

13. A Seguridade Social. Réxime xeral. Afiliación e cotización. Acción protectora: continxencias e prestacións. Réximes especiais: enumeración. As entidades xestoras. Servicios comúns: enumeración. Natureza, organización e funcións. Colaboración na xestión.

14. Administración turística do Estado: estructura orgánica. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de turismo: regulación e análises. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo: estructura e competencias. A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

15. A Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia: estructura e contido. Obxecto e suxeitos da lei. Dereitos e deberes en materia turística. Requisitos xerais para o establecemento de actividades empresariais turísticas: autorizacións, rexistro de empresas, comunicación de prezos. A documentación obrigatoria.

16. O Consello Galego de Turismo. Plans de ordenación e promoción do turismo e programas específicos de protección. O municipio turístico galego. Declaración de festas de Galicia de interese turístico.

17. As empresas de aloxamento turístico: concepto e clases. Requisitos mínimos de infraestructura. O principio de unidade de explotación. Calidade dos servicios e instalacións. Sobrecontratación da capacidade. Réxime de prezos e reservas nos aloxamentos turísticos. As pousadas.

18. Ordenación dos establecementos hoteleiros: concepto, clasificación, condicións e réxime de autorizacións.

19. Ordenación dos apartamentos turísticos e cidades de vacacións: concepto, clasificación, condicións e réxime de autorizacións. Os aloxamentos en réxime de aproveitamento por quenda. As vivendas turísticas vacacionais.

20. Ordenación dos acampamentos públicos de turismo: concepto, categorías, requisitos e réxime de instalación e apertura. Os establecementos de turismo rural: concepto, categorías, características e réxime administrativo.

21. As empresas de restauración. Ordenación de restaurantes, cafeterías e bares: concepto, clasificación, características e réxime administrativo.

22. A intermediación turística. Ordenación das axencias de viaxes: concepto, obxecto, clasificación, réxime de autorizacións, exercicio das actividades e garantías. As viaxes combinadas.

23. As profesións turísticas. Ordenación da profesión de guía de turismo especializado de Galicia. O turismo activo: regulación.

24. A promoción e fomento do turismo en Galicia. As diferentes medidas de promoción e fomento do turismo: obxecto, requisitos e principais características.

25. O Estatuto galego do consumidor e usuario. O sitema arbitral. Breve referencia ás regulamentacións técnico-sanitarias e de hixiene sobre comedores colectivos, productos alimenticios, manipulación de alimentos e uso de productos de limpeza e substancias perigosas, nos establecementos de restauración.

26. As infraccións en materia de turismo. Suxeitos responsables. As sancións. A potestade sancionadora: principios. O procedemento sancionador: principios e regulación. Fases e desenvolvemento do procedemento sancionador por infraccións en materia de turismo. Órganos competentes.

27. A Inspección turística de Galicia. O Regulamento da Inspección turística. Obxecto e funcións. Planificación e ordenación da inspección. A actuación inspectora e a súa documentación. A escala técnica da Inspección turística.

28. As actas da inspección como medio de proba: natureza xurídica e efectos probatorios. Requisitos: obxectivos, materiais e formais. Ámbito da presunción de veracidade das actas. Exclusións da presunción. Valor e efectos dos informes da inspección.

29. Medicións: superficies e volumes. Triangulacións. A norma básica de edificación-Condicións de protección de incendios (NBE-CPI-96). Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. As licencias municipais de obra e as licencias de apertura: nocións xerais.

30. Nocións xerais sobre a Lei do patrimonio cultural de Galicia. A protección do Camiño de Santiago: regulación. O Camiño Francés e outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.