Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 13 de maio de 1999 Páx. 5.794

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de abril de 1999 pola que se convoca o XIII Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 99.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o XIII Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artígo 2º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas

orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211.A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

XIII Certame Galego de Artes Plásticas

Xuventude 99

I. Participantes.

Establécense as seguintes modalidades:

Pintura.

Escultura.

Debuxo.

Cerámica.

Poderán participar xoves artistas galegos ou residentes en Galicia, establecéndose as seguintes categorías para cada modalidade.

Pintura e debuxo:

Categoria A: ata os 12 anos.

Categoria B: dos 13 ós 17 anos.

Categoria C: dos 18 ós 30 anos.

Cerámica:

Categoría B: ata os 17 anos.

Categoría C: dos 18 ós 30 anos.

Escultura:

Categoría C: ata os 30 anos.

Tódalas idades considéranse cumpridas o 31-12-99.

II. Condicións xerais.

1. Cada autor poderá presentar, como máximo, tres obras en cada modalidade.

2. As obras presentadas serán orixinais e non poderán ter participado en ningún concurso.

3. O tema e as técnicas serán libres.

4. Os debuxos deberán levar cristal protector ou arraglass, e as pinturas marco ou bastidor, e virán presentadas co embalaxe ou enfardamento protector.

5. A organización non se responsabiliza das posibles roturas ou extravíos das obras, se ben a Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que as asegure, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

6. a) As obras premiadas nas distintas categorías quedarán en poder da Dirección Xeral de Xuventude.

b) As obras con mención de honra poderán ser cedidas á Dirección Xeral de Xuventude para poder, como as premiadas, engrosa-los fondos do museo de arte xuvenil Esteban Rosa situado no albergue xuvenil de Gandarío-Sada-A Coruña.

III. Inscricións.

1. Os participantes deberán envía-lo impreso de inscrición que se indica no anexo II ó Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente:

r/ Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo.

Avda. de La Habana, 81-baixo 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.

r/ María Berdiales 20-entreplanta- 36203 Vigo-Pontevedra.

Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será ata o día 15 de outubro de 1999 inclusive.

2. A solicitude irá acompañada dun sobre pechado no que figurará o boletín de inscrición que se indica no anexo III, cos seguintes datos de identificación:

-Título da obra

-Modalidade.

-Categoría.

-Lema.

-Nome e apelidos do autor.

-Enderezo e teléfono.

-Localidade.

Así como unha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras ou da folla correspondente do libro de familia.

3. No exterior do sobre figurará o lema do autor, títulos das obras, modalidade e categoría na que participa.

IV. Desenvolvemento.

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Formación do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña, coa colaboración da delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O xurado seleccionará, de entre as obras recibidas, aquelas que, pola súa calidade e orixinalidade, ó seu xuízo o merecesen.

A selección farase nun só acto, levantando acta o secretario do xurado. Concederanse tres premios por categoría e modalidade.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

Pintura:

ABC

1º30.00060.000125.000

2º20.00040.000 75.000

3º15.00025.000 50.000

Debuxo:

ABC

1º25.00050.000 80.000

2º15.00035.000 35.000

3º10.00020.000 30.000

Escultura:

ABC

1º--125.000

2º-- 75.000

3º-- 50.000

Cerámica:

ABC

1º-60.000100.000

2º-40.000 75.000

3º-25.000 50.000

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

As obras seleccionadas serán expostas na provincia da Coruña, en localidade por determinar, no mes de novembro de 1999.

A organización poderá montar unha exposición itinerante con elas.

VI. Xurado.

A xuízo do xurado, e segundo a calidade das obras, poderanse deixar desertos algúns premios.

As contías dos premios serán únicas e indivisibles.

O xurado será nomeado pola delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola delegada provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo artístico, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

A decisión do xurado será irrecorrible.