Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 13 de maio de 1999 Páx. 5.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de abril de 1999 pola que se convoca a VIII Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 99.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude desenvolve, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Industria e Comercio a través da súa Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que ten entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do mundo da industria téxtil, así como na promoción de moda galega, e de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca cada ano unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca a VIII Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

A mostra obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio.

Artígo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

VIII Mostra Galega de Novos Creadores

de Moda Xuventude 99

I. Participantes.

Xoves deseñadores de moda galegos ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, cumpridos durante o ano 1999, en grupo ou individualmente.

II. Condicións xerais.

1. As coleccións versarán sobre Primavera-Verán 2000.

2. As coleccións deben ser orixinais e non ter sido seleccionadas para a fase final noutros certames ou mostras.

3. Os participantes presentarán os seus deseños en láminas DIN A-3 (297 mmx420 mm), con deseño de fronte e de costas.

4. Poderanse presentar un máximo de tres coleccións, constando cada unha de 10 a 15 modelos, que levarán por detrás o nome da colección á que corresponde. Xuntaranse unha descrición dos materiais e complementos da colección.

5. Xunto coas obras deberá entregarse un sobre pechado co pseudónimo no seu exterior, e no interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III debidamente cuberto, fotocopia do seu DNI por ámbalas dúas caras e currículo do/s autor/es.

6. En ningún caso nos deseños pertencentes á/s colección/s presentadas deberán figurar datos que identifiquen os deseñadores, para garanti-lo anonimato en todo momento.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso de solicitude que se indica no anexo II.

Os participantes deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

r/ Ronda da Muralla, s/n -27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20-entreplanta 36203 Vigo.

r/ Benito Corbal 47-2º, 36001 Pontevedra.

Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 2 de setembro de 1999.

IV. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará 10 participantes cunha colección de cada un deles.

Os seleccionados confeccionarán catro modelos que serán elixidos polo xurado, para o pase que se vai realizar na cidade de Vigo, no Centro Cultural Caixa Vigo, o día 10 de novembro de 1999.

V. Premios.

Establécense os seguintes premios e axudas:

Para cada un dos dous primeiros clasificados, un premio de 250.000 pesetas e unha bolsa de 500.000 pesetas, para cubri-los gastos de formación e aloxamento con modistos galegos de renome internacional. As bolsas serán outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio dentro do convenio para a promoción do téxtil galego.

Axudas: 100.000 ptas. por cada un dos 10 seleccionados como apoio á confección dos modelos.

Así mesmo farase entrega a cada un dos participantes na fase final dun diploma que acredite a súa participación nesta Mostra Galega de Novos Creadores de Moda.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado pola delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola delegada provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra respectivamente, e estará formado por persoas cualificadas do mundo da moda, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.

Contra a decisión do xurado non caberá recurso.

VII. Destino e devolución das obras.

Os dossieres dos xoves premiados e seleccionados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude durante o período das actividades que se desenvolvan con motivo da presente convocatoria, e posteriormente, co consentimento do/s autor/es.

A documentación dos participantes que non fose retirada por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, poderá ser destruída ou utilizada pola dita dirección xeral na forma que coide oportuna.

Queda implícita a autorización do/s autor/es das obras participantes á reproducción e publicación da imaxe ou contido delas por parte da consellería, por calquera medio que considere oportuno.