Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 13 de maio de 1999 Páx. 5.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de abril de 1999 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas e intercambio de alumnos.

A realización de viaxes colectivas de interese formativo-cultural e o intercambio entre alumnos de diferentes comunidades e países permiten coñecer experiencias profesionais levadas a cabo noutros ámbitos xeográficos, ter unha maior convivencia e sentido da cooperación, amplia-los coñecementos técnicos e a súa formación integral ó coñecer diferentes lugares, xentes, terras, recursos, costumes e culturas.

Para facilitar estas actividades, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo destinadas a alumnos que cursen ensinanzas de formación marítimo e náutico-pesqueira en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

As axudas concederanse ós centros para financia-los proxectos de viaxes colectivas de interese formativo-cultural e intercambio entre alumnos de diferentes comunidades ou países.

Artigo 2º.-Tipos e contía das axudas.

2.1. As axudas ás que se refire a presente orde comprenderán:

a) O transporte desde o centro formativo ata o punto de destino e viceversa.

b) O transporte dentro das áreas de visita sempre que respondan e complementen os obxectivo técnicos, profesionais e pedagóxicos previstos.

c) Os gastos de aloxamento e mantenza nos lugares ou centros de acollida.

2.2. Os profesores acompañantes disporán de transporte, mantenza e aloxamento nos mesmos termos que os indicados para os alumnos e dunha gratificación diaria equivalente a unha axuda de custo. A percepción deste importe é incompatible coa indemnización por razón de servicios prevista no Decreto 21/1994.

2.3. A contía da axuda nunca poderá supera-lo 75% do custo real da actividade.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes.

3.1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través da dirección do centro ó que pertenzan os alumnos.

3.2. Á solicitude, que irá informada e asinada polo director do centro, xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Data e programa da viaxe.

b) Breve memoria dos obxectivos previstos.

c) Relación nominal de asistentes.

d) Autorización do pai, nai ou titor legal, sempre que se trate de menores de idade.

e) Orzamento total da viaxe.

f) Número de profesores do centro que participan como responsables do grupo.

3.3. As solicitudes presentaranse cun mínimo de 30 días de anticipación á viaxe.

3.4. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de outubro de 1999.

Artigo 4º.-Comisión e criterios de adxudicación.

4.1. Para o estudio das solicitudes nomearase unha comisión de valoración, que estará integrada por:

-O xefe de Servicio de Ensinanzas Náutico e Marítimo-Pesqueiras.

-O xefe de sección de Ensinanzas Náutico e Marítimo-Pesqueiras.

-O xefe de sección de Centros, que pola súa vez actuará de secretario.

4.2. Ademais dos que complementariamente decida a citada comisión, serán criterios de valoración positiva da solicitude os seguintes:

-Que exista unha clara relación entre a actividade demandada e a especialidade formativa.

-Que haxa unha proporción entre o gasto e o potencial beneficio formativo e profesional que pode reporta-la actividade desenvolvida.

-En igualdade de condicións favorecerase aqueles solicitantes que menos teñan participado en ocasións anteriores neste tipo de actividades.

Artigo 5º.-Concesión e denegación.

5.1. Por proposta da Comisión de valoración, as solicitudes de axudas serán resoltas polo director xeral de Formación Pesqueira e Investigación no prazo de 10 días naturais.

5.2. A concesión ou denegación das axudas seralle notificada ós centros solicitantes.

Artigo 6º.-Reclamacións.

Contra a resolución de concesión ou denegación poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 7º.-Pagamento.

7.1. Aprobada a axuda, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura contratará, se é o caso, e unha vez realizada a viaxe, aboaralle o servicio directamente á empresa adxudicataria.

7.2. O pagamento da axuda farase unha vez realizada a viaxe e presentados os xustificantes dos gastos aprobados.

7.3. Cada grupo participante, no prazo máximo dun mes desde o remate da viaxe, remitirá á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación unha memoria da actividade realizada, na que se recollerán as actividades realizadas e un diario da viaxe, reflectindo se os obxectivos finais responderon á actividade programada.

Artigo 8º.-Financiamento.

As axudas económicas establecidas na presente orde terán vixencia no exercicio orzamentario de 1999 e imputaranse, ata un límite de 4.000.000 de ptas., á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. «Formación Profesional FSE».

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións precisas para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura