Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 13 de maio de 1999 Páx. 5.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de maio de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Xoán Piñeiro e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Xoán Piñeiro, con domicilio en Tollo 108, Goián-Tomiño. Pontevedra.

Supostos de feito

Primeiro.-Mª Cruz Piñeiro Álvarez, na súa calidade de secretaria da fundación, en escrito do vintetrés de febreiro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Vigo, o día vinteún de novembro de mil novecentos noventa e oito, ante o notario do Colexio da Coruña, Gerardo García-Boente Sánchez, co número tres mil douscentos corenta e nove do seu protocolo, por María del Carmen Álvarez Carrera, María Cruz Piñeiro Álvarez, Carmen Gloria Piñeiro Álvarez, María Belén Piñeiro Álvarez e Marta María Piñeiro Álvarez que interveñen no seu propio nome; modificada por outra complementaria de emenda, o día cinco de abril de mil novecentos noventa e nove, perante o mesmo notario e co número oitocentos trinta e nove do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xoán Piñeiro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 20 de abril de 1999 (DOG do 3 de maio), clasificouse como de interese cultural a Fundación Xoán Piñeiro, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é protexer, defender e divulga-la obra do artista Xoán Piñeiro, promove-la actividade escultórica, intercambiar experiencias con fundacións e asociacións da mesma índole, crear un museo de escultura e destina-los seus recursos a axudar á creación artística.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Xoán Piñeiro, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Carmen Álvarez Carrera como presidenta, Jesús Vázquez González como vicepresidente, Mª Cruz Piñeiro Álvarez como secretaria, Carmen Piñeiro Álvarez, Belén Piñeiro Álvarez, Marta Piñeiro Álvarez, Ricardo Fernández Castro, Blanca Caamaño González, Xavier Pousa Carrera, Manuel Ricardo Eusebio García de Buciños Vázquez e Xosé Luis Méndez Ferrín como vocais.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27. 26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Xoán Piñeiro, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21. 2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura,

Comunicación Social e Turismo, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Xoán Piñeiro.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo