Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 6 de maio de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polos médicos internos residentes durante a folga que se levará a efecto nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde desde as 8 horas do día 11 ata as 8 horas do día 14, desde as 8 horas do día 18 ata as 8 horas do día 21, desde as 8 horas do día 25 ata as 8 horas do día 28 de maio de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais

fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Analizados os servicios esenciais afectados, nalgún centro resulta imprescindible a colaboración dos médicos internos residentes no mantemento da asistencia sanitaria prestada fóra da xornada ordinaria. Nestes centros, tanto polo seu sistema de organización das urxencias como polo número de médicos residentes que prestan servicios neles, precisan desa colaboración necesaria, xa que doutro xeito non quedarían debidamente garantidos os servicios de indubidable transcendencia na sanidade como son as urxencias nos hospitais. Por iso, convocada a folga que afecta ós médicos internos residentes, farmacéuticos internos residentes, químicos internos residentes e psicólogos internos residentes que se levará a efecto desde as 8 horas do día 11 de ata as 8 horas do día 14, desde as 8 horas do día 18 de ata as 8 horas do día 21, desde as 8 horas do día 25 de ata as 8 horas do día 28 de maio de 1999, oído o comité de folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 8 horas do día 11 ata as 8 horas do día 14, desde as 8 horas do día 18 ata as 8 horas do día 21, desde as 8 horas do día 25 ata as 8 horas do día 28 de maio de 1999, que afecta ós médicos internos residentes, farmacéuticos internos residentes, químicos internos residentes e psicólogos internos residentes enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo I desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura das urxencias nos hospitais que se relacionan no anexo I desta orde, que pola demanda asistencial que reciben así como polo sistema organizativo dos servicios, requiren tal prestación. O feito de que nalgúns centros non se determine a fixación dos servicios mínimos vén motivado, nunha parte deles, polas razóns organizativas e asistencias expostas e noutros, polo escaso ou nulo número de médicos residentes vinculados a estes centros.

Á vista do desenvolvemento da folga das mesmas características nas pasadas datas, recollida en canto á fixación de servicios mínimos pola orde desta con

sellería do 30 de abril de 1999, e na procura de conciliar ó máximo posible o dereito de folga coa atención á saúde dos cidadáns interprétanse os criterios para a determinación dos servicios mínimos e a conseguinte fixación dos efectivos nos hospitais afectados do modo máis restrictivo posible. Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible na atención urxente ós usuarios na súa acepción máis estricta e precisa, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

O criterio rector para a determinación dos servicios mínimos que se recollen no anexo I desta orde é a asistencia médica na cobertura da actividade urxente que se realiza fóra da xornada ordinaria de traballo polos médicos internos residentes, nos servicios de urxencias hospitalarios, naqueles centros que o requiren. Xa que logo, exclusivamente cubrirase esta actividade de carácter urxente por tratarse de atención indefectible e que a súa omisión podería causar prexuízos irreparables ós usuarios. Ademais, só se asignarán naqueles hospitais que se relacionan, nos que resulta absolutamente indispensable.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo I desta orde serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais