Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de abril de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas ó estudio para accións de apoio económico ós estudiantes universitarios e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ó curso académico 1998-1999.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferíulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

Para garanti-lo desenvolvemento do sistema universitario de Galicia, a Xunta de Galicia elaborou un plan de financiamento que foi aprobado pola Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, o día 17 de outubro de 1989, establecéndose, no punto 5 do dito plan, unha partida de axudas para os alumnos galegos. Este plan rematou no ano 1996, pero co fin de manter e consolida-lo nivel de calidade acadado no sistema universitario de Galicia, a Xunta de Galicia incluíu nos orzamentos de 1999 unha partida orzamentaria destinada, do mesmo xeito que nos exercicios precedentes, a accións de apoio económico ós estudiantes universitarios.

A consellería está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por esta orde, procédese a convoca-las accións referentes ás asociacións de estudiantes, á mobilidade estudiantil, a favorecer novas oportunidades de formación e á incentivación do rendemento escolar.

Cómpre subliñar que estas accións non son incompatibles coas accións do MEC, senón que nalgúns casos son complementarias entre si e desempeñan unha función moi peculiar dentro do sistema de axudas ó estudio. As accións complementarias cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio; nalgúns casos, e polas súas propias bases permiten aumenta-la cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC, e noutros permiten o aumento do número de solicitantes financiados, ou a posta en marcha de novas axudas para novos solicitantes.

Por outra banda, o feito de estar a falar, nalgún caso, de accións complementarias, supón un condicionamento nas datas de convocatoria, pois esas accións han de supeditarse, nese caso, ás resolucións polas que se adxudican as bolsas de carácter nacional que complementan.

Este condicionamento aconsella que se convoque unha acción complementaria ás bolsas do MEC dirixida a estudiantes con residencia en Galicia pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia.

A experiencia de anos anteriores respecto das listas de bolseiros Erasmus presentados polas universidades, as suxestións feitas pola comisión avaliadora e as universidades, e a posta en marcha do programa Sócrates aconsella amplia-las condicións de solicitude.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas ó estudio para accións de apoio económico ós estudiantes universitarios matriculados nunha das tres universidades galegas durante o curso 1998/1999, así como para os estudiantes galegos que cursen estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia e no territorio español nos supostos recollidos na presente convocatoria, e bolsas de residencia destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes que queiran cursar estudios nunha das tres universidades galegas no curso 1999-2000. Tamén se aproban as bases polas que se rexerán as axudas que están incluídas como anexos na presente orde, e que son:

1. Axudas a asociacións de estudiantes das universidades galegas, (anexo I).

2. Axudas de desprazamento para a realización de prácticas de campo recoñecidas nos plans de estudios correspondentes ás titulacións universitarias autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas, (anexo II).

3. Axudas a estudiantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico, (anexo III).

4. Axudas complementarias ás bolsas de carácter xeral de estudios universitarios convocadas polo MEC (curso 1998-1999) dirixidas a estudiantes con residencia en Galicia pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia, (anexo IV).

5. Financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñece-la lingua dese país, (anexo V).

6. Axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudiantes (Sócrates-Erasmus), (anexo VI).

7. Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para alumnos universitarios que rematen os estudios no ano 1999, (anexo VII).

8. Bolsas de residencia para a realización de estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, no curso 1999-2000, en centros da Comunidade Autónoma destinadas ós galegos que residan fóra de Galicia e ós seus descendentes, (anexo VIII).

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, nas aplicacións orzamentarias e nas contías que se especifican:

AplicaciónContía

07.05.322C.482.0 8.000.000 (para as accións do anexo I)

07.05.322C.441.0 5.500.000 (para as accións do anexo II)

07.05.322C.483.0117.881.000 (para as accións dos anexos III ó VIII)

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 1998-1999, a excepción das do anexo VIII que será para o curso 1999-2000.

Non se financiarán accións realizadas fóra do prazo establecido no parágrafo anterior nin tampouco accións que xa foron financiadas na convocatoria anterior.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, nos modelos que se xuntan como anexos, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

Para os efectos de información os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, para as accións especificadas nos anexos I ó VI; e ata o 31 de outubro de 1999 para os anexos VII e VIII, xunto coa documentación esixida para cada unha das accións detalladas no correspondente anexo.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria exporanse, as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As listas provisionais correspondentes ós anexos I, II, III, IV, V e VI estarán expostas desde o día 21 ata o día 30 de xuño de 1999 (ámbolos dous incluídos), e as correspondentes ós anexos VII e VIII estarán expostas desde o día 12 ó día 22 de novembro de 1999. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 6º.-Selección.

Para os efectos de selección a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media= suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media= (N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1= número de créditos de cada materia.

P1= puntuación de cada materia.

C1= número de convocatorias empregadas en cada materia.

No caso dos premios fin de carreira a comisión avaliadora poderá ter tamén en conta, para matiza-la proposta, o currículum vitae dos solicitantes e os méritos acreditados. Naqueles casos en que a comisión avaliadora o considere oportuno poderá propoñe-la concesión de accésit (sen dotación económica), ou deixa-lo premio deserto.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vocais: vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña. Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela. Vicerrector de Estudiantes e Docencia da Universidade de Vigo. Un representante do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 4 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo (DOG do 26 de agosto), polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Universidades

ANEXO I

AXUDAS A ASOCIACIÓNS DE ESTUDIANTES DAS UNIVERSIDADES GALEGAS

1. Obxecto e solicitudes:

As asociacións de estudiantes das universidades galegas, legalmente constituídas, poderán solicitar axuda económica para algunha das accións seguintes:

a) Fomento das actividades de carácter científico e informativo, así como de formación e mellora das condicións de estudio.

b) Organización e asistencia a congresos científicos, certames e reunións de estudiantes.

c) Fomento dos servicios de axuda e información ós estudiantes en temas de ámbito académico.

d) Fomento das actividades universitarias que faciliten información e favorezan a relación dos estudiantes co mundo do traballo e co primeiro emprego.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo modelo ED 403A, que figura como anexo IX desta orde, asinada polo presidente ou representante legal da asociación.

b) Datos identificativos da asociación solicitante acompañado de nomes, DNI e datos universitarios de cando menos 3 membros responsables da proposta pola que é solicitada a axuda, entre os que debe figurar, en todo caso, o presidente.

c) Certificación da súa condición de asociación legalizada.

d) Copia dos estatutos da asociación.

e) Cotas e número de estudiantes asociados.

f) Programa de actividades do presente curso xunto cun informe, no que debe incluírse xustificación, interese, obxectivos e alcance da actividade, data de realización, orzamento detallado de ingresos e gastos que comporta.

No caso de solicita-la axuda por vez primeira ou no caso de que non se lle concedese na convocatoria anterior, deberán xuntar á solicitude unha memoria na que quede constancia das actividades desenvolvidas pola asociación no curso anterior á convocatoria.

g) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome da asociación e de dous dos seus representantes legais, na que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. Contía:

A cantidade máxima da axuda concedida a cada asociación non poderá exceder de 430.000 ptas.

4. Aboamento:

Para os efectos de pagamento, o presidente ou representante legal da asociación deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 15 de outubro de 1999, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Descrición das actividades realizadas.

b) Resumo económico acompañado das facturas orixinais, no que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida.

O presidente ou representante legal da asociación de estudiantes será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades, asinará a solicitude e asumirá tódalas responsabilidades do destino da axuda.

A asociación beneficiaria fará consta-la colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia nas actividades subvencionadas.

ANEXO II

AXUDAS DE DESPRAZAMENTO PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS DE CAMPO RECOÑECIDAS NOS PLANS DE ESTUDIOS CORRESPONDENTES ÁS TITULACIÓNS AUTORIZADAS POLA XUNTA DE GALICIA NAS UNIVERSIDADES GALEGAS

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os decanos ou directores de centros universitarios das tres universidades galegas: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que teñan recollidas nos plans de estudios das titulacións autorizadas e impartidas no seu centro, como mínimo un 20% de horas prácticas de campo para realizar polos alumnos. Para estes efectos, os plans de estudios deberán estar vixentes.

Igualmente, poderán solicitar estas axudas os decanos e directores de centros cando se trate de prácticas institucionais recoñecidas polo órgano colexiado correspondente (xunta de sección ou xunta de facultade) aínda que non estean no plan de estudios homologado.

2. Documentación:

a) Solicitude cuberta, segundo o modelo ED425A, que figura no anexo X desta orde, asinada polo responsable.

b) Certificado, de se-lo caso, expedido polo secretario da facultade, escola técnica superior, escola universitaria ou da xunta de sección, do acordo polo que se autorizan as prácticas institucionais que non estean nos plans de estudios homologados.

c) Memoria breve, cun máximo de dous folios, na que se indique o tipo de prácticas que se vaian realizar, a súa importancia na formación dos alumnos, o lugar onde se realizarían e unha estimación dos custos para os que se solicita a axuda, así como a especificación do período de tempo (inicio e remate) de realización das prácticas.

3. Contía:

A contía das axudas será repartida en subvencións individualizadas por centros para cada titulación que se solicite, non podendo superar en ningún caso cada

subvención individualizada o teito de 320.000 pesetas.

4. Aboamento:

Para os efectos de aboamento o decano, director do centro universitario ou persoa competente, deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 15 de outubro de 1999, os documentos xustificativos nos que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida.

ANEXO III

AXUDAS A ESTUDIANTES DAS UNIVERSIDADES GALEGAS PARA A REALIZACIÓN DE VIAXES CULTURAIS DE CARÁCTER PEDAGÓXICO

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas grupos de estudiantes universitarios de facultades, escolas universitarias ou escolas técnicas superiores de calquera das tres universidades da Comunidade Autónoma: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que estean matriculados no derradeiro ou no penúltimo curso dos seus estudios e teñan programada a realización, como grupo, dunha viaxe conectada realmente cos devanditos estudios.

En ningún caso se poderá conceder máis dunha axuda por facultade, escola universitaria ou escola técnica superior, para cada unha das titulacións que teña albergadas como efectivos estudios autorizados nese centro, con carácter oficial e validez nacional.

Para os efectos de solicita-la axuda, e tendo en conta as características dos plans de estudios reformados e a liberdade de progreso que outorgan, o grupo deberá estar constituído, polo menos, por 10 estudiantes que estean no derradeiro ou no penúltimo curso dos seus estudios universitarios no ano académico 1998/1999. Así mesmo, o grupo deberá designar un coordinador que será o responsable do obxecto da axuda ante a Administración autonómica.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo modelo ED418A, que figura como anexo XI desta orde, asinada polo coordinador do grupo.

b) Breve memoria, de dous folios como máximo, do obxecto da viaxe. Nesta memoria especificarase a relación real da viaxe coa carreira estudiada.

c) Certificación expedida pola secretaría da facultade, escola técnica superior ou escola universitaria de que os alumnos que compoñen o grupo solicitante están matriculados, no curso 1998/1999, no derradeiro ou no penúltimo ano de carreira.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do grupo solicitante e do seu coordinador, na que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. Contía:

A contía máxima da axuda concedida por alumno será de 21.000 ptas., destinada a sufragar parte dos gastos do desprazamento ata o lugar de destino.

4. Aboamento:

Para os efectos de cobramento, o coordinador do grupo deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades antes do 15 de outubro de 1999, un informe cun máximo de 4 páxinas no que se acreditará o cumprimento na viaxe do establecido para a percepción da axuda e un resumo económico xunto coas facturas orixinais, no que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida.

O coordinador será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades, asinará a solicitude e asumirá tódalas responsabilidades do destino da axuda.

ANEXO IV

AXUDAS COMPLEMENTARIAS ÁS BOLSAS DE CARÁCTER XERAL DE ESTUDIOS UNIVERSITARIOS CONVOCADAS POLO MEC (CURSO 1998-1999) DIRIXIDAS A ESTUDIANTES CON RESIDENCIA EN GALICIA PERO QUE REALIZAN ESTUDIOS DE CARÁCTER OFICIAL E VALIDEZ NACIONAL NAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DE FÓRA DE GALICIA

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas bolsas complementarias tódolos alumnos universitarios con residencia familiar en Galicia, que cursen estudios en universidades públicas de fóra de Galicia durante o curso 1998-1999, nunha titulación ou especialidade recoñecida desa titulación de carácter oficial e validez nacional que non sexa impartida nalgunha das universidades desta Comunidade Autónoma, ou que veñan cursando eses estudios con continuidade noutra universidade pública de fóra de Galicia desde antes de que se comezara a impartición deles na Comunidade, e teñan, ademais, en ámbolos dous supostos, concedida unha bolsa de estudios do MEC convocadas para o curso 1998-1999 por Orde do 15 de xuño de 1998, (BOE do 2 de xullo).

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED424A, que figura como anexo XII desta orde, asinada polo interesado ou polos pais ou titores legais del.

b) Copia do DNI e do NIF do solicitante.

c) Documento acreditativo de estar censado en Galicia.

d) Certificado municipal de convivencia.

e) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1997, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso selado pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existir ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

f) Credencial de bolseiro do MEC no curso 1998/1999.

g) Certificación académica ou copia compulsada dela, con especificación das convocatorias.

No caso de validación deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe.

No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) conforme é considerado apto para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FP II e módulos de Nivel III que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la nota media de acceso.

h) Certificado de matrícula da Universidade de fóra da Comunidade Autónoma con especificación dos estudios nos que está matriculado no curso 1998-1999. No caso da UNED deberá especificarse o centro asociado de fóra de Galicia no que estea integrado o solicitante e cumpri-los demais requisitos.

i) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. Selección:

A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función do módulo económico por persoa e, en caso de empate, por expediente académico.

A adxudicación destas bolsas farase segundo a ordenación establecida empezando polas rendas máis baixas, ata onde o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

4. Contía:

Convócanse un máximo de 35 bolsas. A contía delas determinarase en función da área xeográfica na que estea situado o centro universitario onde realiza os seus estudios, de acordo coa seguinte estructuración:

Área xeográfica A: abrangue as comunidades autónomas de Asturias, Castela-León e Cantabria. (Contía: 62.000 pesetas).

Área xeográfica B: abrangue as comunidades autónomas de Euskadi, Navarra, Aragón, A Rioxa, Madrid, Castela-A Mancha e Estremadura. (Contía: 72.000 pesetas).

Área xeográfica C: abrangue as comunidades autónomas de Andalucía, Murcia, Valencia, Cataluña e Illes Balears. (Contía: 93.000 pesetas).

Área xeográfica D: abrangue a Comunidade Canaria. (Contía: 130.000 pesetas).

5. Pagamentos:

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado.

ANEXO V

FINANCIAMENTO DE VIAXES PARA ESTADÍAS NALGÚN ESTADO MEMBRO DA UNIÓN EUROPEA CO OBXECTO DE COÑECE-LA LINGUA DESE PAÍS

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que reúnan os requisitos seguintes:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da UE.

b) Estar matriculado, no curso 1998-1999, en calquera dos centros pertencentes ás universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, cursando estudios regrados de 1º ou 2º ciclo.

c) Ter aprobado como mínimo o primeiro curso, con anterioridade á data da orde pola que se convocan estas accións.

d) Estar matriculado de tódalas materias dun curso completo, agás unha delas como máximo, nos plans de estudios estructurados por materias; e nos plans de estudios estructurados por créditos estar matriculado, polo menos, en 50 créditos.

e) Realizar un curso de idiomas cunha duración igual ou superior a 2 semanas.

Non se concederán bolsas ós alumnos que estean desfrutando do Programa Sócrates-Erasmus, sempre e cando a estadía que se pretenda facer sexa para perfecciona-la mesma lingua na que se desenvolve o devandito programa.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED416A, que figura como anexo XIII desta orde, asinada polo interesado ou polos pais ou titores legais del.

b) Copia do DNI e NIF do solicitante.

c) Certificación municipal de convivencia.

d) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1997, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso selado pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existir ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

e) Certificación académica ou copia compulsada dela con especificación das convocatorias. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou créditos no que se atopa matriculado o alumno no curso 1998/1999.

No caso de validación deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe.

f) Xustificante da matricula correspondente ó curso 1998/1999.

g) Orixinal ou copia do programa do curso de idiomas ó que desexa asistir, especificando o período de duración e o lugar de destino.

i) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta

cliente comprensivo dos códigos que identifican ó banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. Contía:

As axudas comprenderán unha dotación económica para subvenciona-los gastos de desprazamento ó país de destino e poderán acadar unha contía máxima de 325.000 pesetas.

A contía exacta determinarase en función da duración da estadía, do país no que se realice, do expediente académico, e dos ingresos familiares.

4. Aboamento:

Para os efectos do aboamento o interesado deberá entregar na Dirección Xeral de Universidades, antes do 15 de outubro de 1999, os documentos xustificativos seguintes:

a) Copia compulsada do certificado de asistencia ó curso no que se especifiquen as datas de realización.

b) Billetes orixinais ou factura na que se especifique o importe dos gastos de locomoción.

ANEXO VI

AXUDAS COMPLEMENTARIAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN DA UNIÓN EUROPEA DE MOBILIDADE DE ESTUDIANTES (SÓCRATES-ERASMUS)

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar matriculado no curso 1998-1999, en calquera das universidades desta Comunidade Autónoma: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, cursando estudios regrados de 1º ou 2º ciclo.

c) Ter concedida unha bolsa do programa Sócrates-Erasmus.

d) Non ter desfrutado desta bolsa en convocatorias anteriores.

2. Documentación:

a) Solicitude cuberta, segundo o modelo ED417A, que figura no anexo XIV desta orde, asinada polo interesado ou polos pais ou titores legais del.

b) Copia do DNI e NIF do solicitante.

c) Certificación municipal de convivencia.

d) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1997, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso selado pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existir ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

e) Certificación académica ou copia compulsada dela con especificación das convocatorias. Así mes

mo especificaranse tamén as materias ou créditos no que se atopa matriculado ó alumno no curso 1998/1999.

No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.

f) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 1998/1999.

g) Orixinal ou copia compulsada da credencial de bolseiro do programa Sócrates-Erasmus para o curso 1998/1999.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta no que se aboará o importe da axuda.

3. Contía:

A contía máxima que poderán acadar estas axudas será de 375.000 pesetas como cantidade única que percibirá, para o curso académico 1998-1999.

4. Selección:

A determinación da contía de cada axuda, establecerase en función da duración da estadía, do país no que se realice, do expediente académico, e dos ingresos familiares.

ANEXO VII

PREMIOS FIN DE CARREIRA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA ALUMNOS UNIVERSITARIOS QUE REMATEN OS ESTUDIOS NO ANO 1999

1. Obxecto e solicitudes:

O obxecto desta acción é facer un recoñecemento expreso da excelencia académica daqueles estudiantes matriculados no curso 1998-1999 en calquera dos centros pertencentes a algunha das tres universidades galegas.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da UE.

b) Ter unha puntuación media no seu expediente académico superior a 2,7 puntos, para alumnos de facultades e escolas universitarias, e a 2 puntos, para alumnos de escolas universitarias técnicas e escolas técnicas superiores.

c) Ter rematada a carreira no ano 1999.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED415A, que figura como anexo XV desta orde, asinada polo interesado.

b) Copia do DNI ou NIF do solicitante.

c) Certificación académica persoal con especificación das convocatorias ou copia compulsada dela. En caso de validacións deberá presentar tamén, a certificación da institución de orixe. Os que acceden ó segundo ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren rea

lizado o primeiro ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico, deberán achegar ademais da certificación académica correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º cursos, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

d) Breve currículum vitae, no que se indique, se é o caso, os premios, bolsas, etc., que lle foran concedidos e outros méritos que queiran alegar, xunto coa documentación correspondente.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, no que conste o código da conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. Selección:

A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función do expediente académico e do currículum presentado.

4. Contía:

Concederase un premio ó mellor expediente académico por cada carreira cursada en escolas universitarias, facultades ou seccións, se é o caso, ou escolas técnicas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os que resultasen premiados recibirán:

-Un diploma acreditativo desta distinción.

-Unha contribución en metálico de 380.000 ptas.

ANEXO VIII

BOLSAS DE RESIDENCIA PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDIOS UNIVERSITARIOS DE 1º, 2º OU 3º CICLO, NO CURSO 1999-2000, EN CENTROS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DESTINADAS ÓS GALEGOS QUE RESIDAN FÓRA DE GALICIA E ÓS SEUS DESCENDENTES

1. Obxecto e solicitudes:

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que reúnan os requisitos seguintes:

a) Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais-fillos-netos) e ter residencia fóra da Comunidade Autónoma no momento da publicación da convocatoria.

b) Estar en condicións de inicia-los estudios universitarios para os que se solicita a bolsa ó comezo do curso 1999-2000.

c) Acredita-la súa admisión nun centro dunha das tres universidades galegas para segui-los estudios regrados de primeiro ou segundo ciclo, e, cando se trate do terceiro ciclo, estar matriculado nun programa de doutoramente impartido nalgún departamento desas universidades.

2. Documentación:

a) Solicitude debidamente cuberta, segundo o modelo ED428A, que figura como anexo XVI desta orde, asinada polo interesado.

b) Copia do DNI/NIF ou pasaporte do solicitante.

c) Documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega (copia libro de familia, partida de nacemento...).

d) Copia completa compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó exercicio do ano 1998, dos membros que constitúen a unidade familiar á que pertence o/a solicitante, xunto coa folla de liquidación do ingreso selado pola entidade bancaria ou Delegación de Facenda na que foi presentada. No caso de existiren ingresos non suxeitos á declaración ante Facenda, deberán facerse constar expresamente no impreso de solicitude.

e) Certificación académica, ou copia compulsada, dos estudios realizados polo solicitante, na que consten a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas. No caso de estudios validados, deberá presentar tamén certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) conforme é considerado apto para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FP II e módulos de nivel III que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la nota media de acceso.

f) Resgardo de matrícula correspondente ó curso 1999-2000.

No suposto de que non puidera formaliza-la matrícula por estar pendente da:

-Asignación de praza no procedemento de ingreso ó sistema universitario de Galicia, certificado da Comisión Interuniversitaria (CIUG), conforme se atopa incluído na lista de espera.

-Matrícula no curso de doutoramento, carta de aceptación do director do curso que quere realizar.

g) Certificado de validación de estudios cursados no estranxeiro polos equivalentes españois, cando proceda, ou xustificante de telo solicitado, se así o requiren os estudios que vaia realizar en Galicia.

Se a documentación estivese escrita en lingua diferente das que son oficiais en Galicia, xuntarase traducción do documento en cuestión en calquera das dúas linguas oficiais: galego ou castelán.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do solicitante, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta na que se aboará o importa da axuda.

3. Contía:

A contía máxima que poderán acadar estas axudas para estudios regrados de 1º e 2º ciclo serán 425.000 ptas., e cando se trate de 3º ciclo, de 640.000 ptas.

A determinación da contía de cada axuda establecerase en función do expediente académico e dos ingresos familiares.