Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 129/1999, do 23 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Caldas de Reis no río Umia. (Clave OH.136.306-CH).

Con data do 23 de marzo de 1999, o presidente do organismo autónomo Augas de Galicia aprobou o proxecto de construcción para a explotación como aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Caldas de Reis no río Umia e outorgoulle o 27-3-1998 á sociedade Cortizo Hidroeléctricas, S.A., adxudicataria do concurso público convocado por Resolución do 15-10-1997 do dito organismo, a preceptiva concesión administrativa.

O aproveitamento con fins hidroeléctricos intégrase dentro das obras do encoro de Caldas de Reis, as cales aparecen previstas nas directrices do Plan Hidrolóxico das Concas de Galicia-Costa.

A Lei 2/1998, do 8 de abril, declarou a utilidade pública para os efectos do artigo 9 da Lei de expropiación forzosa das obras do encoro de Caldas de Reis para a regulación do río Umia e entre as que se inclúe como parte constitutiva delas, ademais do proxecto do encoro, a explotación e utilización deste con destino á producción de enerxía eléctrica para uso e servicio público.

Considérase xustificada a urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización do proxecto técnico sinalado, pola vinculación existente entre a execución do encoro de Caldas de Reis e a solución constructiva deseñada para o seu aproveitamento hidroeléctrico e, en suma, pola perentoria necesidade de prosegui-la execución das obras de regulación do río Umia mediante a construcción e explotación do encoro ata o seu remate na súa totalidade, o que permitirá satisfacer coa celeridade debida o fin público a que aquelas se destinan.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación figuran coa súa valoración no expediente, que se someteu no seu día ó trámite de información pública na forma e datas que constan nel.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente formulou, por Resolución do 3 de marzo de 1999, a correspondente declaración de efectos ambientais do proxecto constructivo hidroeléctrico referido.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia polo artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1956 e concordantes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar en concreto a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación, do proxecto de construcción promovido por Augas de Galicia do aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Caldas de Reis no río Umia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda