Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de maio de 1999 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Dr. Vidal Ríos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Dr. Vidal Ríos, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Pablo Vidal-Ríos Vázquez, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito de 24 de xullo de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 26 de xullo de 1998, ante o notario Federico Maciñeira Teijeiro, co número mil seiscentos seis do seu protocolo por Ovidio Vidal Ríos, Eva Castro Caridad, Pablo Vidal-Ríos Vázquez e Antonio Castro González, interveñen no seu propio nome; esta escritura foi emendada por outra posterior con data do 26 de abril de 1999 outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo novecentos trinta e un.

3. Segundo consta no artigo dous dos seus estatutos o obxecto da fundación é o afondamento no coñe

cemento e tratamento da diabete e outras patoloxías endocrino-metabólicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O padroado da fundación estará constituído por Ovidio Vidal Ríos como presidente, Pablo Vidal-Ríos Vázquez como secretario, Antonio Castro González como xerente e Eva Castro Caridad como tesoureira.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Dr. Vidal Ríos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de maio de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Dr. Vidal Ríos e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública