Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 10 de maio de 1999 Páx. 5.583

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira denominada Villalba I, número 5511, 2ª fracción.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do

impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira denominada Villalba I nº 5511, 2ª fracción, segundo acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente do 30 de setembro de 1997, sita en terreos do termos municipais de Guitiriz e Vilalba, provincia de Lugo, promovido pola empresa Erimsa, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 18 de novembro de 1997.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega de Medio Ambiente establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva e coas excepcións incluídas no punto 2 da presente DIA, ás actuacións mineiras de explotación dentro das áreas xeográficas que, reflectidas nos planos do proxecto, se definen como: polígono A (Vega Sta. Mariña), polígono B (Porto), polígono C (Mouzón) e polígono D (Vilagarbín).

Para outras zonas ou áreas que explotar precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Adoptaranse as medidas necesarias de forma que nas zonas habitadas máis próximas ás parcelas ocupadas pola explotación se garanta o cumprimento dos niveis de inmisión que, para partículas sedimentables, establece o Decreto 833/1975, do 6 de febreiro.

2. Protección do sistema hidrolóxico.

2.1. As zonas nas que se especifica que a capa freática é moi superficial segundo o plano 4 do proxecto, manteranse sen explotar, dada a vulnerabilidade do acuífero, ou ben, en caso contrario, deberá realizarse un estudio hidroxeolóxico co fin de avalia-la afección da explotación sobre este.

2.2. Deberanse construír diques ou estructuras similares co fin de impedir que posibles desbordamentos do río Ladra cheguen á zona de explotación, co fin de previ-los serios impactos que sobre o devandito río puideran causarse.

2.3. Se a propia actividade require a necesidade de captar ou derivar augas para o seu uso, deberase solicitar ante o organismo competente a preceptiva concesión administrativa.

2.4. En ningún caso se producirán bombeos, tal e como se sinala no proxecto, como consecuencia do desenvolvemento dos labores de extracción.

2.5. Os cambios de combustible e aceites da maquinaria levarán consigo a súa recollida en bidóns preparados para o efecto e a súa retirada por xestor autorizado, co que se debera establece-lo pertinente contrato.

2.6. Os residuos existentes na zona de explotación deberán ser retirados e levados a vertedoiros autorizados antes do comezo dos traballos, e non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos, ou calquera outro material que se xere na explotación diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

3. Protección da vexetación e da paisaxe.

3.1. Procederase a interceptar con pantallas vexetais, formadas con especies autóctonas e implantadas naquelas zonas nas que, sendo compatibles coa explotación, resulte necesario, as concas visuais que, segundo o proxecto, partan de poboacións e vías de comunicación.

3.2. Así mesmo, respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente nos límites das zonas que se vaian explotar e que sirva como pantalla visual ou acústica ou como barreira contra o po.

4. Restauración.

No referente ó Plan de Restauración presentado, teranse en conta as seguintes consideracións:

4.1. A remodelación dos ocos creados realizarase de xeito que a morfoloxía e pendentes sexan o máis próximas ás orixinais do terreo en cada zona. A totalidade dos estériles xerados serán empregados na remodelación dos terreos afectados polos labores, non admitíndose, en ningún caso, a formación de entulleiras permanentes.

4.2. No caso de que non se obteñan os resultados na restauración que a empresa promotora asume como axeitado e posibles, deberá variarse o enfoque e asumi-la restauración das lagoas que se formen como consecuencia dos labores extractivos.

5. Documentación adicional.

O promotor da explotación remitirá á Comisión Galega de Medio Ambiente, a través do órgano substantivo e nos prazos sinalados, a documentación que a continuación se relaciona:

5.1. Nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificada a presente DIA:

* Prospección arqueolóxica superficial intensiva de toda a zona directamente afectada pola explotación.

* Estudio hidroxeolóxico das zonas nas que estea previsto explotar por debaixo do nivel freático co fin de avalia-la afección da explotación sobre o acuífero.

* Novo Plan de Restauración, se é o caso, xunto co seu correspondente orzamento, en consonancia co exposto no punto 4.2 da presente DIA.

5.2. Nun prazo non superior a 3 meses a partir do comezo dos traballos de explotación: un mapa de ruídos coa actividade en pleno funcionamento que incluirá os núcleos habitados máis próximos.

5.3. Anualmente e ata a finalización dos traballos de explotación:

* Informe sobre a calidade das augas, conforme a normativa vixente, tanto dos leitos como do sistema acuífero, baseado na análise de mostras de auga por laboratorio autorizado.

* Informe, xunto cunha reportaxe fotográfica, tanto do estado actual da explotación como das medidas correctoras e protectoras levadas a cabo e cronograma das accións de restauración previstas para o vindeiro ano, de acordo coa planificación prevista.

6. Condicións adicionais.

6.1. Para calquera actuación, consecuencia da actividade, no DPH, zona de servidume e policía de leitos, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola CPTOPV, que deberá ser tramitada polo Servicio de Xestión do DPH.

6.2. Para efectos de seguimento da presente DIA, o promotor comunicará o órgano ambiental, a través do órgano substantivo, o comezo da explotación.

6.3. O órgano substantivo fixará un aval para garanti-lo cumprimento do Plan de Restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Este aval será renovado en función do cumprimento por parte do promotor do Plan de Restauración e o Plan de Labores Anual.

6.4. As condicións indicadas nesta DIA son obrigado cumprimento para o promotor. Sen embargo, a empresa promotora poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentaran graves deficiencias para a súa implantación ou implicaran modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao á Comisión Galega de Medio Ambiente, presentando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

6.5. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega de Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

6.6. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos, será causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.7. Este acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitarlles tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela.

6.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1997.

Visto e prace

José Francisco Alonso Picón

Secretario da Comisión Galega de Medio Ambiente

José Luis Aboal García-Tuñón

Vicepresidente da Comisión Galega de Medio Ambiente, presidente en funcións

ANEXO

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, a través da súa Subdirección Xeral de Xestión e Calidade Medioambiental, considera necesario incluí-la implantación, no momento do inicio da actividade e utilizando especies vexetais presentes na zona, dunha pantalla visual arbórea ó longo da zona este da explotación, respectando a vexetación que se encontra nos seus límites, e a través da Subdirección Xeral de Urbanismo, informa que a plena legalidade da explotación require a autorización previa do órgano competente en materia urbanística, de acordo co establecido na Lei 1/1997 do solo de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa desfavorablemente, mentres non se tomen en consideración as seguintes cuestións:

* No caso de que non se obteñan os resultados na restauración que a empresa promotora asume como axeitados e posibles, debería variarse o enfoque e asumi-la restauración das lagoas que quedasen.

* En relación coas zonas nas que se especifica que a capa freática é moi superficial, considérase máis axeitado renunciar á súa explotación, dada a vulnerabilidade do acuífero, ou ben en caso contrario, realizar un estudio máis preciso sobre o tema.

* Deberanse construír diques ou estructuras similares co fin de impedir que posibles desbordamentos do río Ladra cheguen á zona de explotación, co fin de previ-los serios impactos que sobre o devandito río puideran causarse.

* Debe sinalarse, aínda que vén recollido no proxecto, que en ningún caso se producirán bombeos para proceder á explotación de certas zonas nin se producirán afeccións no acuífero.

A Dirección Xeral de Saúde Públcia non presenta obxeccións ó devandito proxecto.

A Dirección Xeral de Industria presenta informe favorable do estudio ambiental establecendo, non obstante, as seguintes condicións:

* No referente á calidade do aire: os niveis de emisión de partículas sólidas non superarán os límites establecidos no Decreto 833/1975.

* Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente e que sirva como pantalla visual e acústica, con respecto a núcleos de poboación e concas visuais, implantando as pantallas arbóreas necesarias.

* No referente ás pistas e vías, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.O7.1.03.

* Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes, prestando especial coidado nas operacións de cambio de aceite da maquinaria.

* A remodelación dos ocos creados realizarase cos propios estériles producidos.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural solicita a realización dunha prospección arqueolóxica dos terreos afectados, de acordo co establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 62/1989, do 31 de marzo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

3637