Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 06 de maio de 1999 Páx. 5.400

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 120/1999, do 23 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Monterroso (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de pavimentación e servicios nas rúas da vila de Monterroso.

O Concello de Monterroso (Lugo), en sesión celebrada o día 30 de xullo de 1996, aprobou o proxecto de pavimentación e servicios nas rúas da vila de Monterroso e na sesión celebrada o día 19 de decembro de 1997 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 16 de febreiro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de marzo de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque é necesario dota-la rúa do largo necesario para o acceso de calquera tipo de vehículo, estando a rúa recollida nas vixentes normas subsidiarias de planeamento do Concello de Monterroso, e tendo en conta que a obra se encontra incluída no Plan de cooperación de obras e servicios municipais de 1996.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Monterroso (Lugo) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de pavimentación e servicios nas rúas da vila de Monterroso.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais