Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 06 de maio de 1999 Páx. 5.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 119/1999, do 23 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Paradela (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto modificado número 1 de colectores xerais e EDAR de Paradela.

O Concello de Paradela (Lugo), en sesión celebrada o día 26 de decembro de 1998, aprobou o proxecto de modificado nº 1 de colectores xerais e EDAR de Paradela e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 8 de abril de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de abril de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a situación actual da rede de saneamento da vila de Paradela, provoca o vertido de augas residuais en diferentes puntos, de maneira indiscriminada e sen ningún tipo de tratamento, situación claramente contradictoria coa legalidade vixente e cos criterios de protección ambiental.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Paradela (Lugo) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo

instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de modificado nº 1 de colectores xerais e EDAR de Paradela.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C.Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais