Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 05 de maio de 1999 Páx. 5.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Aldeas Infantiles SOS de Galicia.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Aldeas Infantiles SOS de Galicia, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-3-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos

delegados de persoal, en data 26-2-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de marzo de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

I convenio colectivo Asociación de Aldeas Infantiles SOS de Galicia

Capítulo I

Ámbitos

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é aplicable na aldea de Ventosela, nas residencias xuvenís, centro de atención de día, oficinas e demais servicios da Asociación Aldeas Infantiles SOS de Galicia, implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as condicións económicas e laborais dos traballadores de aldeas, residencias xuvenís, centro de atención de día, oficinas e demais servicios da Asociación Aldeas Infantiles SOS de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afectará a todo o persoal que preste os seus servicios retribuídos por conta allea nos centros de traballo da asociación.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación do presente convenio aquelas relacións laborais de carácter especial que sinala o artigo 2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e, en especial, o persoal relixioso e facultativo non vinculado laboralmente coa asociación.

Ademais dos mencionados, quedarán excluídos do ámbito de aplicación do presente convenio, os traballadores e traballadoras ós que, téndolles aplicado

outro convenio desde o comezo da súa relación laboral, este sexa máis beneficioso para eles/as.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O ámbito temporal do dito convenio estenderase desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do 2000.

Os efectos económicos aplicaranse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 1999.

No ano 2000 incrementaranse tódolos conceptos salariais co IPC do ano inmediatamente anterior.

Capítulo II

Denuncia, prórroga e revisión

Artigo 5º.-Denuncia, prórroga e revisión.

No caso de non ser denunciado o convenio por algunha das partes asinantes, cunha antelación mínima de dous meses ó termo da súa vixencia, prorrogarase por anos naturais e incrementaranse tódolos conceptos salariais co IPC do ano inmediatamente anterior.

Denunciado o convenio colectivo, as partes asinantes comprométense a dar comezo á negociación nun prazo non superior a un mes antes da data de vencemento do convenio ou da súa prórroga.

Capítulo III

Cláusula ad personam

Artigo 6º.-Cláusula ad personam.

A retribución total que, á entrada en vigor deste convenio, veña percibindo o persoal afectado por el, non poderá ser reducida, en ningún caso, pola aplicación das normas que neste se establecen.

En tódolos casos serán respectadas aquelas situacións de que viñesen gozando os traballadores e traballadoras, individual ou colectivamente, e que no seu conxunto resulten máis beneficiosas cás establecidas neste convenio.

Capítulo IV

Comisión paritaria

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Constitución.

Constituirase unha comisión paritaria para a vixilancia, interpretación, mediación e arbitraxe do presente convenio colectivo. Esta comisión paritaria estará formada por seis vocais, tres en representación de Aldeas Infantiles SOS de Galicia e os outros tres do sindicato asinante en representación dos traballadores e traballadoras.

Na primeira reunión procederase ó nomeamento do presidente ou presidenta e do secretario ou secretaria. O presidente ou presidenta ten como tarefa fundamental convocar e modera-la reunión e o secretario ou secretaria rexistrará e arquivará os asuntos pactados e redactará a acta da reunión.

Acordos.

Os acordos adoptaranse por unanimidade ou, de non existir esta, por maioría simple e quedarán manifestados na acta que subscribirán os asistentes á reunión. Para a validez dos acordos requirirase a presencia de, polo menos, dous membros por cada unha das partes.

Funcións.

As funcións da comisión son as seguintes:

-Emiti-los informes que lle sexan requiridos pola autoridade laboral sobre cantas cuestións se susciten en relación coa interpretación do convenio.

-Vixia-lo correcto cumprimento do pactado.

-Exerce-las funcións de arbitraxe.

Tódalas resolucións que esta comisión deba emitir sobre as consultas que se lle presenten deberán producirse nun prazo máximo de 30 días.

Ás reunións da comisión poderán asistir asesores, se ben non terán dereito a voto.

As resolucións da comisión serán vinculantes para tódolos efectos nos asuntos da súa competencia.

Convocatoria.

Se fose preciso, a comisión paritaria reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ó trimestre, e con carácter extraordinario cando o solicite a maioría dunha das partes. Nos dous casos, a convocatoria farase por escrito cunha antelación mínima de cinco días con indicación da orde do día e a data da reunión. Só no caso de urxencia, recoñecida por ámbalas dúas partes, o prazo poderá ser inferior.

A dita comisión paritaria fixa o seu domicilio na oficina da asociación, sita na rúa 2ª Travesía do Barrio de Ribadavia de Vigo.

Capítulo V

Organización do traballo

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade e responsabilidade específica da empresa e do seu persoal directivo, e axustarase ó previsto no texto refundido do Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

Capítulo VI

Composición de centros

Artigo 9º.-Composición de centros.

Aldea Infantil SOS.

A Aldea Infantil SOS está formada polos fogares funcionais. Cada fogar SOS está integrado por unha nai SOS e un número aproximado de ata oito nenos e nenas.

Estes fogares, coa intención de proporcionaren un ambiente o máis estable posible, teñen unha nai SOS que vive permanentemente neles. Será substituída nos seus días libres por unha tía SOS que realiza a suplencia, procurando que sexa sempre a mesma persoa.

A coordinación das familias SOS é realizada por un director que é persoa de referencia para os/as menores e que representa a máxima responsabilidade na aldea.

Cada fogar SOS conta co asesoramento dun equipo técnico que é o encargado de valorar cada situación concreta.

Residencias xuvenís.

Nas residencias xuvenís aténdese os mozos da asociación que conviven nestas de xeito comunitario, como etapa previa á súa emancipación total dentro do proceso de aprendizaxe e de formación persoal.

Os educadores e educadoras e coidadores e coidadoras apoian co seu traballo a consecución dos obxectivos das residencias xuvenís.

Centro de atención de día.

É un centro que atende nenos e nenas durante o día, procedentes de familias nas que existen dificultades e conflictos que impiden ou dificultan o seu desenvolvemento normalizado, favorecendo a integración e recuperación do equilibrio familiar con apoio, terapias e sempre en coordinación cos servicios sociais.

Obxectivos.

-Evita-lo internamento dos menores e garantir así o dereito destes a permaneceren no seo da súa familia.

-Ser elemento de integración sociofamiliar dos menores en risco, ata a súa reintegración no fogar.

-Realiza-las tarefas compensatorias das deficiencias socioeducativas durante o tempo que os familiares non estean en condicións de asumilas.

Punto de encontro (centro de atención a mozos).

Neste centro facilitaráselles ós mozos e mozas, xa independizados, o apoio e o asesoramento para o mantemento da súa autonomía persoal e económica, así como a colaboración na axuda á familia biolóxica.

Capítulo VII

Clasificación profesional e definicións

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

O persoal afectado por este convenio, de conformidade co traballo desenvolvido, clasificarase nos seguintes grupos:

Grupo 1: persoal directivo.

Grupo 2: persoal educativo.

Grupo 3. persoal titulado non directivo.

Grupo 4: persoal administrativo.

Grupo 5: persoal auxiliar.

Atendendo á función que desempeñe o persoal, clasificarase nalgún dos seguintes grupos e categorías:

Grupo 1: persoal directivo.

1.1. Director de aldea infantil e residencias xuvenís.

Grupo 2: persoal educativo.

2.1. Nai SOS.

2.2. Tía SOS.

2.3. Coidador/a de residencias xuvenís.

2.4. Educador/a de aldea infantil.

2.5. Educador/a de residencias xuvenís.

Grupo 3: persoal titulado non directivo.

3.1. Psicólogo/a.

3.2. Pedagogo/a.

3.3. Traballador/a social.

3.4. Logopeda.

3.5. Profesor/a.

Grupo 4: persoal administrativo.

4.1. Xefe de administración.

4.2. Oficial administrativo/a.

4.3. Auxiliar administrativo/a.

4.4. Relacións públicas.

Grupo 5: persoal auxiliar.

5.1. Chofer/mantedor.

5.2. Empregado/a do servicio de limpeza.

Artigo 11º.-Definicións.

Grupo 1: persoal directivo.

1.1. Director de aldea infantil e residencias xuvenís.

a) Como coordinador.

É a persoa que realiza a coordinación das familias SOS e representa a máxima responsabilidade na aldea, baixo as directrices dos órganos da asociación.

Asume a garda dos/as menores acollidos na aldea en representación da asociación.

É o xestor dos recursos económicos que, para o perfecto funcionamento da aldea, das residencias e doutros dispositivos SOS, lle son asignados pola asociación. Para levar a cabo este cometido proporá o orzamento anual da aldea e velará polo seu cumprimento, unha vez aprobado polos órganos competentes.

Así mesmo, é o responsable de xestiona-la contratación económica asignada ós/ás menores acollidos pola Comunidade Autónoma correspondente, segundo convenio de colaboración entre ámbalas entidades, así como dos demais recursos económicos que lle son asignados para o perfecto funcionamento da aldea.

É o superior directo de todo o persoal da aldea, das residencias xuvenís, punto de encontro, centro de atención de día e outros dispositivos que poidan poñerse en funcionamento. Entre as súas funcións están as da xestión educativa, organizativa e administrativa.

Fomentará un clima de respecto, cordialidade e bo trato entre o persoal ó seu cargo.

Velará pola consecución dos obxectivos propostos no proxecto educativo, no proxecto do fogar e nos proxectos individuais.

Favorecerá a formación permanente do persoal que traballa na aldea, residencias xuvenís e outros dispositivos da asociación, e dotará os recursos necesarios para a dita formación.

Coordinará as relacións entre a Asociación Aldeas Infantiles SOS de Galicia, os servicios sociais da Comunidade Autónoma e a Asociación Aldeas Infantiles SOS de España.

b) Respecto dos servicios sociais.

Favorecerá unha boa relación entre os servicios sociais das comunidades autónomas e a Asociación Aldeas Infantiles SOS de Galicia.

Negociará e revisará o convenio de colaboración coas comunidades autónomas.

Ofertará as prazas dispoñibles para acoller novos menores.

É o responsable na decisión derradeira da admisión dos menores propostos.

c) Respecto da Asociación Aldeas Infantiles SOS de España.

Informará dos cambios e situacións que se produzan.

Establecerá canles de comunicación permanentes para favorece-lo apoio e o asesoramento que se recibe dos diferentes departamentos especializados en tódolos ámbitos de actuación.

Participará nas reunións que a Asociación Aldeas SOS de España estableza para optimiza-lo seu traballo.

Avaliará o cometido profesional na aldea, co asesoramento do equipo técnico, tratando en todo momento de optimiza-lo rendemento e o desenvolvemento individual.

Grupo 2: persoal educativo.

Está constituído por aqueles profesionais que manteñen unha relación inmediata e cotiá cos menores/-as, e son responsables directos da súa atención, educación e coidado xunto co director.

2.1. Nai SOS.

É a persoa responsable do fogar no que vive, de xestionalo de xeito que favoreza o desenvolvemento integral de cada un dos menores que o compoñen.

É responsable directa do mantemento e desenvolvemento harmónico das normas de convivencia dentro do fogar. Creará nos menores hábitos necesarios para o cumprimento desas normas, establecidas conxuntamente co equipo técnico que comparte tal responsabilidade.

Promoverá nos menores, xunto co equipo técnico, valores éticos e morais así como a aprendizaxe de pautas de conducta e adquisición de hábitos.

Administrará o orzamento asignado atendendo os/as menores nas súas necesidades cotiás de saúde, alimentación, hixiene, escolaridade e administración de coidados especiais en caso de precisalos. O director autorizará a súa xestión.

Facilitaralles, conxuntamente co equipo técnico, ós menores do seu grupo familiar o acceso ós recursos normalizados da sociedade co fin de abrirlles posibilidades de mellora nas súas relacións co contorno da vida cotiá: escola, recursos, compañeiros, etc., de xeito que vaian incorporando esas pautas no seu comportamento habitual.

Participará na realización do proxecto de fogar e nos programas de desenvolvemento individualizados dirixidos ós menores, para consegui-los obxectivos integradores e educativos propostos polo equipo técnico.

Coordinarase con tódolos profesionais que, desde as distintas áreas, teñan relación cos e coas menores: equipo de apoio, escola, asociacións de tempo libre, etc.

Realizará o seguimento do/da menor no ámbito escolar, sanitario, do tempo libre e da convivencia cotiá no fogar; así mesmo facilitará a comunicación coa familia biolóxica e con outros grupos dentro da aldea. Observará o seu comportamento e actitudes para poder dar resposta ás súas demandas.

Avaliará este seguimento xunto co equipo educativo, técnico e o director.

2.2. Tía SOS.

É a persoa que realiza funcións asistenciais, domésticas e educativas apoiando as nais SOS cando sexa necesario; tamén substitúe a responsable do fogar nos seus días libres e noutras ausencias.

Exerce as funcións desta aplicando os mesmos criterios de actuación no desenvolvemento do seu traballo cos/coas menores.

Realizará igualmente o seguimento do/da menor no ámbito do fogar, observando o seu comportamento e actitudes para informa-la nai SOS.

Participará na realización do proxecto de fogar xunto coa nai SOS e participará igualmente nos programas de desenvolvemento individual dos menores para acada-los obxectivos propostos.

Na medida en que exercen un traballo complementario ó das nais SOS, as tías SOS son, conxuntamente coas nais SOS, responsables directas da atención, a educación e o coidado do/da menor así como do desenvolvemento harmónico das normas de convivencia dentro do fogar e fomentarán tamén nos menores hábitos necesarios para o cumprimento das ditas normas.

2.3. Coidador/a de residencias xuvenís.

É a persoa que centra o seu traballo na convivencia cos mozos e mozas e os atende nas súas necesidades cotiás de saúde, alimentación e educación tratando

de formalos. Contribúe a que sexan responsables, críticos, positivos e tolerantes cos demais.

Potenciará sempre unha boa convivencia mediante a estimulación da súa autoestima. Colaborará co equipo técnico para unha maior coherencia nas intervencións.

2.4. Educador/a de aldea infantil.

É a persoa que terá como responsabilidade básica apoia-los fogares SOS no proceso de adaptación ó fogar SOS, á aldea e á integración social facilitando as relacións do neno e o adolescente co seu contorno.

Entre outras, ten as seguintes responsabilidades:

-Participar na elaboración do proxecto de fogar, xunto coa nai e as tías SOS e demais membros do equipo.

-Colaborar na dinámica da casa nas tarefas asistenciais e educativas.

-Participar na elaboración, intervención e seguimento do proxecto de desenvolvemento individual.

-Fomenta-lo tempo libre.

-Realizar funcións de socialización apoiando as nais e as tías SOS no cumprimento das normas dentro e fóra da casa.

2.5. Educador/a de residencias xuvenís.

É a persoa que cumpre as mesmas funcións cós/cás educadores/as de aldea, incidindo o seu traballo preferentemente na intervención técnica do seguimento e a avaliación do proxecto educativo individual.

Grupo 3: persoal titulado non directivo.

3.1. Psicólogo/a.

É a persoa que exerce as funcións propias da súa titulación e especialidade. Entre outras ten as seguintes responsabilidades:

-Asesorar, diagnosticar e realiza-las intervencións psicolóxicas, así como o seguimento dos/das menores que o precisen.

-Participar na elaboración, seguimento e avaliación dos proxectos educativo do fogar e individual.

3.2. Pedagogo/a.

É a persoa que asesora en materia técnico-pedagóxica os educadores, as nais e tías SOS, os profesores e o equipo educativo.

Avalía, diagnostica e realiza as intervencións pedagóxicas necesarias cos/coas menores.

Asesora sobre a elección de centros escolares e apoios extraescolares.

Participa na elaboración, seguimento e avaliación do proxecto educativo, do fogar e individual.

3.3. Traballador/a social.

É a persoa que, coa titulación axeitada, realiza entre outras as seguintes funcións:

-Asesora-lo equipo educativo coas súas contribucións profesionais desde o punto de vista social.

-Valora-las demandas de acollida de menores abrindo os seus expedientes sociais e planificando intervencións.

-Realiza-la intervención social co/coa menor facilitando a relación coa familia biolóxica.

-Dinamizar recursos.

-Coordinarse cos diferentes sistemas de protección social, servicios sociais, etc.

-Participar na elaboración, seguimento e avaliación dos proxectos do fogar e individual.

3.4. Logopeda.

É a persoa que, coa titulación axeitada, realiza as intervencións oportunas na fala e a linguaxe dos/das menores que o precisen.

3.5. Profesor/a.

É a persoa que reúne as condicións e o título esixidos pola lexislación para exerce-la súa actividade educativa para o axeitado desenvolvemento dos programas, dentro do marco pedagóxico e didáctico establecido pola asociación.

Participa tamén na elaboración, seguimento e avaliación do proxecto educativo.

Grupo 4: persoal administrativo.

4.1. Xefe/a de administración.

É aquela persoa que ten ó seu cargo a dirección administrativa, exerce funcións burocráticas e contables que esixen iniciativa e responsabilidade (con ou sen empregados ás súas ordes), executa algúns traballos tales como: transcrición de libros de contabilidade de cobramento ou pagamento, facturas, cálculos e redacción de correspondencia. Non ten sinatura nin fianza. Daralle conta da súa actuación á asociación.

4.2. Oficial administrativo/a.

É a persoa que, ás ordes do seu inmediato superior, exerce as funcións burocráticas, contables que requiran tamén iniciativa e responsabilidade. Ademais das funcións anteriores organiza arquivos e ficheiros.

4.3. Auxiliar administrativo/a.

É a persoa que, baixo a dirección do seu inmediato superior, realiza funcións administrativas de contabilidade, arquivo, clasificación e admisión de cantos documentos lle sexan requiridos ou encomendados e realiza funcións de atención persoal telefónica.

4.4. Relacións públicas.

É a persoa que, en nome da asociación, ten como obxectivo principal do seu labor dar a coñece-las actividades desta, así como obter todo tipo de axudas que redunden en beneficio de Aldeas Infantiles SOS de Galicia.

Grupo 5: persoal auxiliar.

5.1. Chofer/mantedor.

É a persoa que, coa suficiente cualificación, se dedica ó coidado, reparación e conservación integral

dos edificios e xardíns. Así mesmo, encoméndaselle a conducción de vehículos e o mantemento do seu normal funcionamento e limpeza. Ademais destas funcións encárgase da recepción de mercadorías e do almacenamento e distribución destas ás diferentes instalacións de aldeas.

5.2. Empregado/a de servicios de limpeza.

É a persoa que atende a función de limpeza das dependencias que lle sexan encomendadas.

Capítulo VIII

Contratación

Artigo 12º.-Forma de contrato.

Todo contrato subscrito no ámbito do presente convenio deberá formalizarse por escrito, calquera que sexa a súa modalidade; quedará cun exemplar cada parte, e adecuarase ó previsto na normativa sobre control de contratación. O persoal será contratado mediante algunha das modalidades de contratación abranguidas na lexislación vixente.

Artigo 13º.-Contrato a tempo parcial.

O persoal contratado a tempo parcial é aquel que realiza unha xornada inferior á máxima pactada neste convenio. Estes traballadores e traballadoras terán preferencia, no caso de existiren horas libres ou vacantes, a amplia-la súa xornada ata o máximo establecido, sempre e cando reúna os requisitos de titulación e idoneidade a xuízo da asociación.

Capítulo IX

Promoción interna, ingresos, período de proba

Artigo 14º.-Promoción interna.

A dirección de Aldeas Infantiles SOS de Galicia fomentará a promoción interna do persoal.

Debe garanti-la axeitada organización e estabilidade dos servicios. Consideraranse ofertables aquelas situacións que presuman un desempeño continuo no posto en promoción interna de, polo menos, un mes.

En todo caso, o acceso por promoción deberá cumpri-los requisitos de titulación e idoneidade requiridos.

Artigo 15º.-Ingresos.

Formalizarase o correspondente contrato de traballo no momento en que se produza o ingreso do persoal contratado en calquera dos centros da asociación.

Artigo 16º.-Período de proba.

A partir da data de ingreso, o persoal contratado quedará sometido ó período de proba que para cada grupo profesional se establece a continuación:

Persoal de dirección e persoal titulado non directivo: 6 meses.

Resto do persoal: 2 meses.

Capítulo X

Cesamento voluntario e vacantes

Artigo 17º.-Cesamento voluntario.

Os traballadores e traballadoras que desexen cesar voluntariamente estarán obrigados a poñelo por escrito en coñecemento da asociación, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

Persoal de dirección: 3 meses.

Resto do persoal: 1 mes.

Se a asociación recibe o aviso previo en tempo e forma, estará obrigada a aboarlles ós traballadores/as a liquidación correspondente ó termo da relación laboral.

No suposto de non avisar en tempo e forma, a asociación poderá descontar da liquidación dos traballadores o importe correspondente a 2 días de salario por cada día de atraso no aviso previo.

O incumprimento desta obriga por parte da asociación, levará emparellado o dereito do traballador a ser indemnizado co importe do salario de 2 días por cada día de atraso no aboamento da liquidación.

Se o persoal que cesa en Aldeas Infantiles SOS de Galicia utiliza transitoriamente os fogares e a casa comunitaria, deberá abandonalos o máis axiña posible e deixalos libres e ó dispor da asociación.

Os afectados por esta norma, e no suposto de non cumpri-lo anteriormente exposto, autorizarán expresamente a asociación para que traslade o enxoval da súa propiedade ó almacén da aldea.

Artigo 18º.-Vacantes.

Enténdese por vacante a situación producida nos centros de traballo da Asociación Aldeas Infantiles SOS de Galicia por baixa dun traballador/a como consecuencia da extinción da súa relación laboral.

As vacantes que se produzan será cubertas polo persoal que reúna os requisitos, ou mesmo por categorías inferiores, combinando titulación, capacidade e actitude coa antigüidade na asociación.

No caso de nova contratación ou producción de vacante, e sempre que non puidera acceder a estes postos o persoal fixo, terá preferencia o persoal con contrato temporal ou a tempo parcial.

Capítulo XI

Xornada de traballo

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

Xornada.

A xornada de traballo para todo o persoal afectado por este convenio será a legalmente vixente. Todo o persoal que non teña tratamento distinto de xornada terá dereito a un descanso semanal mínimo de 36 horas ininterrompidas.

Xornada especial.

Os traballadores contratados para os postos de director, nai SOS, tías SOS e coidadora de residencias xuvenís teñen unha xornada especial en aplicación das horas nas que están en constante dedicación ós menores que se lles asignen ó seu coidado, debido á peculiaridade das funcións que realizan como responsables da atención e a educación nos fogares funcionais e residencias xuvenís.

Posto que polas necesidades dos menores e as características da asociación, as nais SOS non poden ter descanso semanal en sábado e domingo, gozarán de 2 días durante o resto da semana, de acordo co director. En compensación das festividades laborais, as nais SOS gozarán durante o ano de 7 días de descanso, sen seren susceptibles de compensación económica.

Evitarase, no posible, a acumulación de descansos, salvo particularidade individual ou necesidades da asociación.

As funcións que desenvolve a nai SOS veñen ser fundamentalmente o ser cabeza de familia na educación de nenos e nenas, coma se dun fogar familiar se tratase.

A xornada laboral pactada das ditas traballadoras, vocacionalmente conscientes do labor tutelar e humano que se lles encomenda, será aplicada ás horas nas que realmente teñan que estar en constante dedicación ós e ás menores que se lles asignen ó seu coidado; o resto da xornada dedicarana ás súas propias ocupacións. Polo tanto, as horas de mera presencia voluntaria destas traballadoras no fogar familiar ou centro de traballo non se considera traballo efectivo dentro da súa xornada.

As tías SOS gozarán de 2 días de descanso á semana, preferentemente en sábado e domingo.

Xornada do persoal administrativo.

Durante o ano será a xornada legalmente vixente e durante os meses de xullo e agosto este persoal realizará xornada continuada cun máximo de sete horas.

Artigo 20º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que realice funcións de categoría superior ás que lle corresponden pola categoría profesional que tivera recoñecida, por un período superior a 6 meses durante un ano e 8 meses durante 2 anos, reclasificarase profesionalmente no posto que está desempeñando, sempre e cando cumpra os requisitos esixidos.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior, pero non proceda legalmente o ascenso, o traballador/a terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Artigo 21º.-Traballo de inferior categoría.

Se por necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade da asociación se precisase que un traballador/a realice tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, só poderá facelo polo tempo imprescindible, que non será superior a 15 días; manteráselle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional e notificaráselle esta situación ó representante legal dos traballadores e traballadoras.

Capítulo XII

Vacacións

Artigo 22º.-Vacacións.

As vacacións, pola súa natureza, son irrenunciables e deben desfrutarse, sen que se poidan acumular nin compensar en metálico, salvo acordo entre as partes.

Todo o persoal afectado por este convenio ten dereito a gozar, cada ano completo de servicio activo, dunhas vacacións retribuídas dun mes preferentemente nos meses de xullo ou agosto, tendo en conta as necesidades que nesas datas demanden os menores acollidos en cada aldea ou residencia xuvenil. Esta vacación gozarase preferentemente de maneira ininterrompida sen prexuízo de fraccionamento, atendendo as características da asociación e as situacións persoais de cada traballador/a.

O persoal que non teña traballado o ano completo terá dereito á parte proporcional das vacacións que por disposicións legais lle corresponda, segundo o tempo traballado durante ese ano.

De conformidade coa dirección e por instancia do delegado de persoal ou do delegado de prevención de riscos laborais, a nai SOS poderá gozar dalgún día de descanso complementario con independencia do mes de vacacións regulamentarias. Todo isto en función do número de nenos e nenas e a dificultade do grupo que teña encomendado ó seu coidado, ou ben por se atopar a nai SOS nunha situación persoal que o precise.

O período de vacacións será fixado no primeiro trimestre do ano natural pola dirección da asociación. De non ser posible, o persoal coñecerá as datas con dous meses de antelación ó comezo delas.

Cando durante as vacacións sobreveña unha situación de baixa médica (IT), estas gozaranse a continuación da alta médica ou cando acorden as partes.

Capítulo XIII

Enfermidades e permisos

Artigo 23º.-Incapacidade temporal.

Tódolos traballadores e traballadoras en situación de incapacidade temporal derivada de enfermidade común, enfermidade profesional, accidente de traballo e accidente común recibirán o complemento

necesario ata completa-lo 100% da súa retribución salarial total durante os 3 primeiros meses.

Artigo 24º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores e as traballadoras, tralo aviso e a xustificación previos, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

-15 días en caso de matrimonio.

-3 días en caso de nacemento ou falecemento dun fillo ou en caso de enfermidade grave, operación cirúrxica ou falecemento do cónxuxe ou parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por algún destes motivos o traballador necesite facer un desprazamento fóra da provincia, o permiso será de 5 días.

-1 día por traslado de domicilio habitual.

-1 día por voda dun fillo ou dun irmán.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, rexerá o que esta dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica.

-Polo tempo indispensable para a preparación de exames prenatais e técnicas de preparación do parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

-Polo tempo indispensable para asistir ó médico ou acompañar un familiar ata o segundo grao por afinidade.

-Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legalmente.

Artigo 25º.-Maternidade, adopción e lactación.

As traballadoras, por maternidade ou adopción, terán dereito á retribución total durante os permisos fixados na lexislación vixente.

Os traballadores e traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións a vontade do traballador. Poderase substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser usado pola nai ou polo pai en caso de que os dous traballen.

Artigo 26º.-Permisos non retribuídos.

Todo o persoal poderá solicitar ata 15 días de permiso sen soldo, por ano, que deberá ser concedido se se fai cun aviso previo de 15 días de antelación. No caso de coincidiren varias solicitudes que puideran ocasionar dificultades no funcionamento da asociación, estableceranse quendas destes permisos tendo en conta a orde de solicitude.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe ningunha outra acti

vidade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Capítulo XIV

Formación

Artigo 27º.-Formación.

A asociación fomentará a formación do persoal de xeito que cando organice cursos de perfeccionamento e o/a traballador/a os realice voluntariamente, os gastos de matrícula, desprazamento e aloxamento correrán por conta daquela. De igual xeito, a asociación facilitará o acceso a cursos para o persoal contratado que desexe a aprendizaxe da lingua da Comunidade Autónoma.

O persoal que asista a cursos de formación e perfeccionamento, tralo permiso previo da asociación, terá dereito a percibi-la súa retribución mentres dure.

Artigo 28º.-Exames oficiais.

Para realizar exames oficiais, terase a correspondente licencia con retribución e deberase xustificar tanto a formulación da matrícula como que se asistiu ós ditos exames.

Incluirase neste capítulo a ausencia por exames do carné de conducir.

Capítulo XV

Excedencias e xubilacións

Artigo 29º.-Clases.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa nos termos previstos nos artigos seguintes.

Artigo 30º.-Excedencia forzosa.

Serán causas de excedencia forzosa as seguintes:

a) Por designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Por enfermidade, unha vez transcorridos os 18 primeiros meses de incapacidade laboral, e por todo o tempo que o traballador permaneza nesta situación, aínda que a empresa deixara de cotizar.

c) Por invalidez permanente total para a profesión habitual, por invalidez absoluta para todo traballo ou por grande invalidez, durante 2 anos a partir da data da resolución que a declarou, se a xuízo do órgano de cualificación a situación de incapacidade do traballador vai ser previsiblemente obxecto de revisión por mellora que permita a súa reincorporación ó posto de traballo.

d) Pola prestación do servicio militar ou social substitutorio durante o tempo mínimo obrigatorio de duración de cada un deles segundo o caso.

e) Polo exercicio de funcións sindicais, de ámbito provincial ou superior sempre que a central sindical

á que pertenza o/a traballador/a teña representatividade legal suficiente no ámbito do presente convenio.

f) No caso de enfermidade grave do cónxuxe ou dun familiar en primeiro grao de consanguinidade. Neste caso a excedencia non será superior a 12 meses.

g) Durante un ano, para aqueles traballadores/as que desexen dedicarse ó seu perfeccionamento profesional despois de 8 anos de servicio activo na asociación. Cando este perfeccionamento sexa consecuencia da adecuación da asociación á renovación educativa, o período esixido do exercicio activo quedará reducido a 4 anos.

h) Excedencia especial para o traballador/a por nacemento dun fillo ou filla, que dará dereito a incorporarse ó centro de traballo computándose para os efectos de antigüidade o primeiro ano. Cando o pai e a nai traballen na asociación só un deles poderá gozar desta excedencia especial.

O persoal que goza de excedencia forzosa ten dereito á reserva do posto de traballo, ó cómputo da antigüidade adquirida durante o tempo en que aquela dure e a reincorporarse ó mesmo centro de traballo unha vez rematado o período de excedencia.

Desaparecida a causa que motivou a excedencia, os traballadores terán 30 días naturais para incorporárense ó centro de traballo e, no caso de non o faceren, causarán baixa definitiva na asociación.

A excedencia forzosa deberá ser automaticamente concedida, trala presentación previa da correspondente documentación acreditativa.

Artigo 31º.-Excedencia voluntaria.

A excedencia voluntaria poderáselles conceder ós traballadores e traballadoras, logo de o pediren previamente por escrito, e pode solicitala todo o persoal que teña, polo menos, un ano de antigüidade na asociación e que non gozara de excedencia durante os 4 anos anteriores.

O permiso de excedencia voluntaria concederase por un mínimo dun ano e un máximo de cinco anos.

O traballador que goza de excedencia voluntaria conservará o dereito ó reingreso se no centro de traballo houbese unha vacante da súa especialidade, grupo profesional similar ou categoría laboral equivalente. Durante o prazo de excedencia non se computará a antigüidade.

O traballador deberá solicita-lo posible reingreso polo menos cun mes de antelación á data de finalización da excedencia, salvo acordo coa asociación.

Artigo 32º.-Xubilacións.

Establécese a xubilación forzosa ós 65 anos para tódolos traballadores e traballadoras afectadas por este convenio. Non obstante, aqueles traballadores e traballadoras que non teñan cuberto o prazo legal

mínimo de cotización que lles garanta a xubilación, poderán continuar na asociación ata que se cumpra o dito prazo ou tal requisito.

A asociación e os seus traballadores e traballadoras, de mutuo acordo, poderán tramita-los sistemas de xubilacións anticipadas previstos na lexislación vixente. Tamén se establece a fórmula de relevo a teor da lexislación vixente.

A Asociación Aldeas Infantiles SOS de Galicia e as nais SOS, de mutuo acordo, poderán establece-la posibilidade de xubilación anticipada ó cumpri-los 55 anos e 20 de servicio, de tal xeito que a asociación satisfará o 100 % do salario que lles correspondería se estivesen en activo.

Capítulo XVI

Saúde laboral

Artigo 33º.-Saúde laboral e recoñecemento médico.

Os traballadores e traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo. O citado dereito supón o deber de protección dos traballadores/as fronte ós riscos laborais por parte da asociación.

No cumprimento do citado deber de protección, Aldeas Infantiles SOS deberá garanti-la seguridade e a saúde dos traballadores/as ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Para estes efectos, no marco das súas responsabilidades, a asociación realizará a prevención de riscos laborais mediante a adopción de cantas medidas sexan necesarias para a protección, a seguridade e maila saúde dos traballadores/as.

O/a traballador/a ten dereito a someterse ás revisións médicas que levarán a cabo os servicios técnicos dos organismos públicos competentes ou a mutua que teña relación contractual con Aldeas Infantiles SOS de Galicia. Realizaranse as revisións periódicas que sexan aconselladas ou propostas tanto pola asociación como polos organismos oficiais competentes, que se realizarán polo menos unha vez ó ano. Tamén terán dereito a someterse ós medios profilácticos ou de vacinación que sexan obrigatoriamente indicados por aqueles, con salvagarda sempre do seu dereito constitucional á intimidade.

Tódolos traballadores serán informados de xeito conveniente e confidencial dos resultados dos exames de saúde ós que foran sometidos.

Capítulo XVII

Seguro de responsabilidade civil e accidentes

Artigo 34º.-Seguros de responsabilidade civil e accidentes.

Aldeas Infantiles SOS de Galicia deberá contar coas pólizas de seguros que garantan as coberturas de responsabilidade civil e accidentes individuais de todo o persoal afectado por este convenio.

A asociación notificará ós representantes legais dos traballadores os pormenores destas e os procedementos que se seguirán en caso de sinistros.

Deberá estar asegurado todo o persoal da asociación que figure dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social mediante credencial polos boletíns TC2. Así como nominalmente tódolos traballadores en situación de excedencia forzosa, incluso cando non figure no TC2, agás no caso de excedencia forzosa por designación ou elección para un cargo público.

Artigo 35º.-Garantías e coberturas.

No extracto, as garantías e coberturas das pólizas sinaladas serán as seguintes:

Responsabilidade civil: na que poidan incorre-los asegurados con motivo das súas actuacións exclusivamente profesionais, coa inclusión de fianza e defensa criminal e exclusión:

-Dos riscos que poidan ser asegurados polo ramo de automóbiles.

-De calquera dano material que non sexa consecuencia directa dos danos materiais e/ou corporais garantidos por esta póliza.

-Dos riscos excluídos por imperativo legal.

-Dos riscos excluídos polas compañías aseguradoras.

Prestación mínima por sinistro, 5.000.000 de pesetas.

Accidentes individuais: no caso de accidentes sufridos polos asegurados tanto no exercicio da profesión coma na vida privada, en calquera parte do mundo e sen máis exclusión que as previstas legalmente e as comunmente consideradas polas compañías aseguradoras, cubrirá:

Capital asegurado en caso de falecemento: 5.000.000 de pesetas.

Capital asegurado en caso de invalidez absoluta e permanente: 5.000.000 de pesetas. Existe unha porcentaxe sobre esta última cifra para a perda ou inutilidade absoluta de membros.

Non hai indemnización diaria por perda de horas de traballo. Os dereitos deste seguro son compatibles con calquera outro.

Capítulo XVIII

Retribucións

Artigo 36º.-Pagamento de salarios.

Tódalas retribucións salariais constarán no correspondente recibo mensual de salarios. Tódalas cantidades en concepto de salario base, antigüidade e demais complementos cotizarán á Seguridade Social. Os salarios do persoal quedan establecidos nas táboas salariais que se achegan.

O pagamento do salario efectuarase por meses vencidos dentro dos 5 primeiros días do mes seguinte.

Artigo 37º.-Anticipo de salarios.

O traballador/a ten dereito a percibir anticipos a conta do seu traballo, sen que poida exceder do 90 % do importe do salario mensual.

Artigo 38º.-Trienios e cómputo de antigüidade.

Por cada trienio vencido o traballador/a terá dereito a percibi-la cantidade que para tal efecto se indica na táboas salariais. O importe íntegro de cada trienio farase efectivo na nómina do mes do seu vencemento.

A data inicial do cómputo da antigüidade será a de ingreso do traballador/a na asociación.

Artigo 39º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores/as comprendidos no ámbito de aplicación do presente convenio terán dereito a dúas gratificacións extraordinarias ó ano que se aboarán antes do día 15 dos meses de xullo e decembro.

O importe das dúas gratificacións extraordinarias será equivalente cada unha delas a unha mensualidade do salario, antigüidade e complementos.

O persoal que cese ou ingrese na asociación no transcurso do ano percibirá as gratificacións extraordinarias e ratearase o seu importe en proporción ó tempo de servicio.

Artigo 40º.-Retribución de xornadas parciais.

Os traballadores e traballadoras contratadas para a realización dunha xornada inferior á pactada neste convenio percibirán a súa retribución en proporción ó número de horas semanais contratadas.

Capítulo XIX

Dereitos sindicais

Artigo 41º.-Dereitos sindicais.

Os e as membros do comité de empresa, os delegados e delegadas de persoal e os delegados e delegadas sindicais, tralo aviso e xustificación previos, poderán ausentarse do traballo, con dereito a remuneración para realizar funcións sindicais ou de representación de persoal.

Ningún traballador ou traballadora poderá ser discriminada por razón da súa afiliación sindical, e poderán expresar con liberdade as súas opinións sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo.

Os e as membros do comité de empresa, os delegados e delegadas de persoal e os delegados e delegadas sindicais terán tódalas competencias, dereitos e garantías que establece o texto do Estatuto dos traballadores, a Lei orgánica de liberdade sindical e demais disposicións legais aplicables.

Garántese o dereito que os traballadores/as teñen a reunírense no seu centro de traballo sempre que non se perturbe o desenvolvemento normal das actividades.

Nos centros de traballo haberá taboleiros de anuncios para coloca-los avisos e comunicacións de carácter sindical e informativo que se consideren pertinentes.

Capítulo XX

Faltas, sancións e infracción

Artigo 42º.-Tipos de faltas.

Establécense 3 tipos de faltas: leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

-3 faltas de puntualidade inxustificadas no posto de traballo durante 30 días hábiles.

-1 falta inxustificada de asistencia durante 30 días hábiles.

-Non cursar no tempo oportuno a baixa correspondente cando se falta ó traballo por mor de enfermidade ou accidente, salvo cando sexa evidente a imposibilidade de facelo.

-Non avisar da ausencia ó traballo por causa xustificada.

Son faltas graves:

-Máis de 3 e menos de 10 faltas inxustificadas de puntualidade cometidas nun prazo de 30 días hábiles.

-Máis de 1 e menos de 4 faltas inxustificadas de asistencia ó traballo nun prazo de 30 días hábiles.

-As discusións públicas con compañeiros no centro de traballo que menosprecen a imaxe pública destes.

-Faltar gravemente á persoa de calquera traballador do centro ou ós seus familiares.

-A reincidencia nas faltas leves.

-Expresións, actos ou actitudes que comprometan de forma grave a reputación ou os intereses de Aldeas Infantiles SOS de Galicia.

-A ausencia inxustificada e reiterada ó posto de traballo durante a xornada laboral.

Son faltas moi graves:

-Máis de 9 faltas inxustificadas de puntualidade cometidas nun prazo de 30 días hábiles.

-Máis de 3 faltas inxustificadas de asistencia cometidas no prazo de 30 días hábiles.

-As faltas de respecto e os malos tratos de palabra ou de feito a calquera membro da comunidade integrante do centro de traballo.

-A falta de respecto e os malos tratos de palabra ou de feito a visitantes ou invitados ó centro de traballo.

-A reincidencia en faltas graves se fosen cometidas dentro dos 6 meses seguintes a terse producido a primeira infracción.

-Neglixencia moi grave na atención ós menores que lle foron confiados á organización.

-Abandono do fogar por parte da nai SOS, a tía SOS ou a persoa que estea ó cargo deste.

Artigo 43º.-Prescrición.

As infraccións anteriormente descritas prescribirán:

As faltas leves, ós 10 días hábiles.

As faltas graves, ós 20 días hábiles.

As faltas moi graves, ós 60 días hábiles.

A prescrición comezará a contar desde o momento no que a asociación teña coñecemento da comisión da falta e, en todo caso, ós 6 meses de terse cometido.

Artigo 44º.-Clases de sancións.

Por faltas leves: amoestación verbal ou escrita.

Por faltas graves: amoestación por escrito; se existise reincidencia, suspensión de emprego e soldo de 5 a 15 días.

Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de 16 a 30 días, apercibimento de despedimento que poderá ir acompañado da suspensión de emprego e soldo. Despedimento.

Tódalas sancións serán comunicadas por escrito indicando a data do feito que as motivaron, que previamente se comunicará ós representantes dos traballadores e trabaladoras.

Capítulo XXI

Melloras sociais

Artigo 45º.-Roupa de traballo.

A asociación proporcionaralle ó persoal de servicios de limpeza e mantemento roupa de traballo unha vez ó ano.

Artigo 46º.-Vivendas de temporada.

Aldeas Infantiles procurará contar con algunha vivenda de temporada para o gozo de vacacións das nais coa súa familia SOS. As peticións deberán formularse solicitándoas con antelación á oficina de coordinación e serán concedidas discrecionalmente atendendo á proximidade xeográfica e á orde de presentación de solicitudes.

Artigo 47º.-Axudas de transición e reinserción profesional. Premio de permanencia.

A nai SOS poderá recibi-las chamadas axudas de transición e reinserción profesional que se indican a continuación, cando se dean algúns destes supostos:

Cando a nai SOS desexase causar baixa voluntaria na asociación e transcorresen polo menos 8 anos de actividade nela.

Cumprindo co requisito anterior e se atende os últimos 1 ou 2 menores, confiados ó seu coidado fóra da aldea infantil como acollidos, ata a súa independencia.

Se se cumpren algúns dos exemplos citados, a nai SOS recibirá unha axuda por transición, premio de permanencia, cun importe que será, para os primeiros 8 anos de traballo como nai, 30 días por ano traballado, e por cada ano adicional de traballo como nai SOS, 2 mensualidades brutas por ano, ata

un máximo de 18 mensualidades brutas, sempre e cando sexa desexo expreso a súa vontade de non continuidade na asociación.

O cálculo do premio de permanencia realizarase sobre conceptos salariais e non se tomará en consideración o tempo de nai SOS durante o cal tivera só un menor que viva na familia de xeito permanente e non estimara acoller novos menores.

A asociación, con independencia do premio de permanencia, colaborará coa nai SOS en presta-la axuda técnica necesaria para a súa integración profesional.

Cando conclúa a relación laboral de mutuo acordo coa asociación seguirase apoiando a nai SOS para que continúe mantendo unha relación cos mozos e mozas que estiveran ó seu cargo.

Artigo 48º.-Vivenda, aloxamento e manutención.

Xa que as necesidades do servicio e o traballo impoñen que, para a mellor atención dos menores, sexa requisito que o persoal se aloxe nas vivendas que para estas fins teña a asociación -as nais SOS nos fogares funcionais, as tías SOS na casa comunitaria e os coidadores/as nas residencias xuvenís, etc.-, a asociación cederá a título gratuíto o seu uso e gozo, sendo por conta de Aldeas Infantiles SOS de Galicia os gastos que se orixinen por manutención, combustible, auga e luz.

O uso e gozo desta casa é un dereito dos nenos e nenas do que se benefician as nais SOS. A casa estará dotada de tódolos mobles e utensilios que sexan necesarios para o desenvolvemento normal de tipo medio.

A nai SOS ten a obriga de coida-lo mellor posible a casa, o enxoval que lle sexa confiado, mantendo unha correcta hixiene e coidadosa presencia do fogar e transmitindo estes valores ós menores e mozos e mozas.

As tías SOS percibirán en concepto de manutención a cantidade establecida pola asociación, independentemente do lugar no que se realicen as comidas.

Táboas salariais

CategoríaSalario

base

ComplementosTotalTrienio

Dedicación

especial

Complem.

convenio

Director aldea69.27080.000101.875251.1455.000

Nai SOS69.27055.000124.2705.000

Tía SOS69.27027.50096.7705.000

Coidador

residencia

69.27042.000111.2705.000

Educador69.27068.000137.2705.000

Psicólogo69.27087.000156.2705.000

Pedagogo69.27087.000156.2705.000

Traballador social69.27070.000139.2705.000

CategoríaSalario

base

ComplementosTotalTrienio

Dedicación

especial

Complem.

convenio

Logopeda69.27070.000139.2705.000

Profesor69.27070.000139.2705.000

Chofer/mantedor69.27060.000129.2705.000

Xefe

administración

69.27075.000144.2705.000

Oficial Admtvo.69.27060.000129.2705.000

Auxiliar Admtvo.69.27040.000109.2705.000

Relacións

públicas

69.27010.00079.2705.000

Empreado servicio

limpeza

69.2705.00074.2705.000

Vigo, 26 de febreiro de 1999.

En representación de Aldeas Infantiles SOS Galicia:

Rita Regojo Otero.

Rosa Freire Pichin.

María José Piñeiro Amigo.

En representación dos traballadores:

Milagros Portabales Vázquez (CC.OO).

Rosa Rivas Bouzón (CC.OO).