Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 30 de abril de 1999 Páx. 5.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de abril de 1999 pola que se convoca a realización, con carácter experimental, de proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) no capítulo segundo, artigo 14.1, establece a lingua estranxeira como área obrigatoria para a educación primaria.

No desenvolvemento deste artigo, o Real decreto 1006/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación primaria, no anexo II dispón, con carácter xeral, o inicio da aprendizaxe da lingua estranxeira no segundo ciclo desta etapa. Igualmente, o Decreto 245/1992, do 30 de xullo, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón, no seu artigo 8º, a lingua estranxeira como área do 2º ciclo, é dicir, ós 8 anos, outorgándolle tres horas semanais.

Estudios recentes subliñan a importancia dunha introducción temperá do contacto coa lingua estranxeira como medio para mellora-lo dominio desta durante o período da escolaridade. Hai que considerar tamén que estamos inmersos nun proceso de integración nun contexto europeo plurilingüe e multicultural, polo que cómpre que os nenos e nenas, xa desde as primeiras idades, vaian adquirindo unha progresiva sensibilización cara a outras linguas, distintas ás da súa comunidade, e cara a outras culturas, co fin de desenvolver actitudes de respecto e tolerancia.

O contacto con outras culturas a través da lingua favorece a comprensión doutras formas de pensar e actuar, e comporta unha visión máis ampla e rica da realidade, moito máis no caso dun período do seu desenvolvemento no que os nenos e as nenas teñen unha representación do mundo egocéntrica, pero que poden transcender nun ambiente escolar atractivo e no xogo. O grao de curiosidade que amosan os nenos e as nenas destas idades facilitará o achegamento a outras linguas sempre que este se realice nun contexto pedagóxico adecuado no que se entre en contacto coa lingua estranxeira en situacións de comunicación lúdicas e próximas á súa realidade: saúdos, presentacións, instruccións sinxelas, xogos, cancións, etc.

En consecuencia cómpre impulsar e favorecer que os centros inicien ou continúen experiencias de introducción da lingua estranxeira nas primeiras idades de escolarización e en contextos de aprendizaxe axeitados ó nivel de desenvolvemento dos nenos e as nenas, co fin de motivalos cara á súa aprendizaxe. Por isto, e en virtude das competencias que lle son

atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Convoca-la realización, con carácter experimental, de proxectos de impartición da primeira lingua estranxeira no segundo e terceiro cursos do segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, co fin de inicia-los nenos e as nenas da nosa Comunidade no contacto temperán con outras linguas da Unión Europea.

Artigo 2º

Poderán participar nestes proxectos os centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan as etapas de educación infantil e/ou educación primaria.

Artigo 3º

Os centros interesados en participar nesta experiencia deberán presenta-la súa solicitude de acordo co establecido no artigo 5º desta orde, que deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Xuntarase á dita solicitude:

1. Breve descrición do proxecto que se pretende desenvolver, especificando os obxectivos, estratexias metodolóxicas e distribución espacio-temporal.

2. Relación de profesores especialistas en lingua estranxeira dos que dispón o centro e que se comprometen a participar no proxecto ou, se fose o caso, necesidades de profesorado segundo o número de horas que se vaian impartir.

3. Número de alumnos e grupos que participarán na experiencia.

4. Exposición das necesidades de formación do profesorado que se teñan ou se prevexan.

5. Certificación da aprobación do proxecto polo claustro e o consello escolar.

Artigo 4º

Os proxectos que se presenten para a súa autorización deberán cumpri-los requisitos seguintes:

1. O proxecto deberá desenvolverse durante os dous cursos do ciclo para o que se presente. Nos centros que imparten educación infantil e primaria, se o proxecto se iniciase no segundo curso do segundo ciclo da educación infantil, este deberá desenvolverse ata o remate do primeiro ciclo de primaria de forma que non haxa interrupción no contacto coa lingua estranxeira.

2. O proxecto deberá ser aprobado polo claustro e mailo consello escolar de cada centro.

3. A distribución temporal:

3.1. A impartición da primeira lingua estranxeira no primeiro ciclo da educación primaria será dunha

hora e media semanal, para a que o equipo de ciclo realizará unha proposta no proxecto en función da dispoñibilidade de profesorado, espacio e tempo. Como orientación proponse a posibilidade de organización de espacios curriculares para a lingua estranxeira, en dúas sesións semanais de corenta e cinco minutos como máximo cada unha, utilizando esta como un instrumento de comunicación en contextos ligados ós seus ámbitos de experiencia e introducindo algunhas actividades de ensino-aprendizaxe propias doutras áreas: cantos, xogos, expresión rítmica, plástica, etc.

3.2. A distribución temporal en cada un dos dous cursos do segundo ciclo da educación infantil será de corenta minutos semanais, distribuídos en dúas sesións de vinte minutos ou en catro sesións de dez minutos, concibidas estas como unha familiarización e sensibilización cara á lingua estranxeira ligada ó estímulo da curiosidade do neno ou a nena. Neste ciclo unha das sesións deberá coincidir, de ser posible, coa hora de entrada ó colexio ou coa hora de saída, de xeito que se creen situacións reais de comunicación: benvidas, saúdos, instruccións sinxelas, etc.

4. O profesorado que participe nesta experiencia deberá ser especialista no idioma estranxeiro ou estar habilitado para imparti-la devandita especialidade. Sen prexuízo de reunir estes requisitos, terá preferencia o profesorado que, ademais, teña experiencia docente en educación infantil ou no primeiro ciclo de educación primaria. No caso de que o centro non dispoña de profesorado para imparti-la totalidade das horas lectivas, dotarase co persoal necesario con destino provisional.

5. Ós alumnos do primeiro ciclo de educación primaria que participen nesta experiencia faráselles constar esta circunstancia nas páxinas destinadas a observacións do seu libro de escolaridade e no seu expediente académico.

Artigo 5º

1. A solicitude de autorización deberá tramitarse a través da delegación provincial correspondente antes do 25 de maio anterior ó comezo do curso no que se desexe inicia-la experiencia.

2. As delegacións provinciais remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional as solicitudes de autorización xunto co informe da inspección educativa.

Artigo 6º

Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a selección e autorización dos proxectos, para o que se seguirán os seguintes criterios:

1. Adecuación do proxecto ós aspectos sinalados no artigo 4º desta convocatoria.

2. Adecuación das propostas pedagóxicas e organizativas ó nivel de desenvolvemento madurativo dos nenos e as nenas ós que se dirixen.

3. Dispoñibilidade de recursos no centro e/ou na zona educativa.

Artigo 7º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prestará apoio ó profesorado que participe nos proxectos que resulten autorizados mediante as asesorías técnicas dos centros de formación do profesorado e o desenvolvemento de cursos de formación específicos. Así mesmo, a estes profesores e profesoras acreditaráselle-la súa participación anual na experiencia como actividade de innovación educativa e terán preferencia para participar nas actividades de formación no estranxeiro.

Artigo 8º

Co fin de poder avalia-lo desenvolvemento desta experiencia de impartición temperá da primeira lingua estranxeira, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional solicitará dos centros ós que se lles autorizase o proxecto a información necesaria para tal fin.

Artigo 9º

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las instruccións precisas para a aplicación desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria