Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 30 de abril de 1999 Páx. 5.162

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 1999 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta da Galicia do 18 de marzo de 1999, no que se lle dá aplicación á previsión do artigo 103 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, respecto do control financeiro.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de marzo de 1999, aprobou o seguinte acordo.

Acordo do Consello de Goberno para a implantación dun sistema integrado de información e control permanente da xestión económica de sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de favorece-lo seu coñecemento e aplicación, publícase como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Acordo do Consello de Goberno para a implantación dun sistema integrado de información e control permanente da xestión económica de sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición adicional sexta da Lei de contratos das administracións públicas establece o concepto básico de que tódalas sociedades mercantís cun capital en que sexa maioritaria a participación directa ou indirecta das administracións públicas ou os seus organismos autónomos, ou entidades de dereito público, se axustarán na súa actividade contractual ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Con base nesta disposición foi aprobada a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas participadas nas que ten parti

cipación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación.

Inclúense, así mesmo, no ámbito de aplicación desta lei, as fundacións constituídas maioritariamente ou na súa totalidade por contribucións da Administración.

Considérase tamén para estes entes e empresas a esixibilidade de que na selección do seu persoal se respecten os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

Pola súa parte, o artigo 103 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, establece que o control financeiro será exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma mediante a realización de auditorías ou outros tipos de control de conformidade co que se estableza regulamentariamente.

A dimensión actual do sector público empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, considerando tanto o número de entidades coma o volume de recursos que mobilizan en desenvolvemento do seu obxecto social, fai necesario establecer un sistema de información e control periódico e próximo, tanto no momento da toma de decisións de xestión como no rexistro contable da súa actividade.

Este sistema, que non exclúe a realización de controis financeiros ordinarios ou, de se-lo caso, auditorías financeiras, perfílase como un conxunto de medidas tendentes a obter información do grao de actividade das sociedades públicas e unha verificación da súa xestión económica.

ACORDO

Punto 1.-Ámbito de aplicación do acordo.

Este acordo será de obrigado cumprimento para as sociedades públicas da Comunidade Autónoma, de conformidade coa definición que delas realiza o artigo 12 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Así mesmo, será extensivo a todas aquelas fundacións incluídas no ámbito de aplicación do artigo 1º b) da Lei 10/1996, do 5 de novembro, e a aquelas sociedades mercantís con participación minoritaria da Xunta que o soliciten.

Punto 2.-Sistema integrado de información e control permanente.

1. Establécese un sistema integrado de información e control permanente da xestión económica das sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma, que se estructura sobre un sistema de información periódica actualizada e un control permanente posterior.

2. O sistema de información esixe das sociedades e fundacións públicas que lle remitan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información contable e orzamentaria derivada da realización da súa actividade económica.

3. O control permanente será realizado mediante:

-O exame dos expedientes de gasto xestionados polas entidades referidas no punto anterior, que se encontren no trámite de proposta de adxudicación.

-Un control posterior e periódico que terá por obxecto revisa-lo cumprimento dos requisitos esixidos por este acordo, e verifica-la adecuada xustificación das transaccións sobre as que se fundamenta a información transmitida á Intervención Xeral.

Punto 3.-Información trimestral.

1. As sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia remitiranlle trimestralmente á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma os seguintes estados contables na data de finalización de cada trimestre natural:

a) Balance de situación.

b) Avance da conta de perdas e ganancias.

c) Avance do estado de execución do orzamento.

Todo isto segundo os modelos que a Consellería de Economía e Facenda estableza e comunique oportunamente.

2. Os devanditos estados deberanse achegar asinados polo responsable do departamento de contabilidade de cada entidade, co visto e prace do xerente.

3. Antes da súa remisión á Intervención Xeral, daráselle conta ó Consello de Administración ou ó órgano equivalente das entidades da información trimestral correspondente.

4. Esta información remitirase á Intervención Xeral dentro do mes seguinte ó da finalización de cada trimestre natural. Esta remisión non substitúe a das contas anuais definitivas unha vez que se produza a súa formulación, de conformidade co disposto no artigo 121 da Lei 11/1992.

Punto 4.-Comunicación previa do gasto.

1. Serán obxecto de comunicación preceptiva á Intervención Xeral as decisións que supoñan a realización dun gasto para as sociedades e fundacións públicas en materia de:

a) Contratos de obras, subministracións, asistencias técnicas e contratos patrimoniais.

b) Contratos de persoal.

c) Contratación de activos e pasivos financeiros e adquisición de participacións doutras empresas.

2. Non serán obxecto de comunicación preceptiva aqueles contratos de obras, subministracións, asistencia técnica e patrimoniais sempre que pola súa contía non poidan ser considerados como gasto menor, tal como os define o artigo 7 da Lei 7/1998, de medidas tributarias de réxime orzamentario, función pública e xestión, e as sucesivas que anualmente se publiquen.

3. A comunicación previa do gasto realizaralla a entidade á Intervención Xeral mediante a remisión dos modelos de extracto do expediente que para tal efecto determine e comunique o conselleiro de Economía e Facenda, sen prexuízo de que a Intervención Xeral poida requiri-la remisión de todo o expediente ou dalgún documento que forme parte deste, se o considera necesario.

A devandita comunicación efectuarase cando exista unha proposta de adxudicación, previa á sinatura do contrato.

4. A Intervención Xeral verificará para cada tipo de contrato:

a) Contratos de obras, subministracións, asistencias técnicas e contratos patrimoniais.

a.1) A existencia de recursos financeiros adecuados á natureza do gasto.

a.2) Que existe unha memoria xustificativa da necesidade de realiza-lo gasto ou o investimento.

a.3) O cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

b) Contratos de persoal.

Verificarase a existencia dos correspondentes informes favorables da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Presupostos.

c) Contratación de activos e pasivos financeiros e adquisición de participacións doutras empresas.

A Intervención Xeral verificará para este tipo de contratos:

c.1) A existencia de recursos financeiros adecuados á natureza do gasto.

c.2) Que existe unha memoria xustificativa da necesidade de realiza-lo gasto ou o investimento.

5. Todo isto sen prexuízo de que, atendendo á especificidade de cada tipo de contrato, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma puidese verifica-lo cumprimento dalgún outro requisito básico.

6. A Intervención Xeral, sobre a revisión efectuada, emitirá, nun prazo máximo de 5 días hábiles desde a recepción da comunicación, á que se refire o punto 3 desta alínea, un informe dirixido ó órgano de goberno da entidade. O dito informe non terá, en ningún caso, a natureza de fiscalización previa.

7. As entidades públicas poderán solicitar ó conselleiro de Economía e Facenda, tralo informe previo da Intervención Xeral, a exención da comunicación previa establecida neste punto para determinadas operacións relativas ó tráfico mercantil habitual que veñan desenvolvendo, por causas debidamente xustificadas.

Punto 5.-Control posterior.

1. A Intervención Xeral controlará, con carácter posterior, que existe concordancia entre a información contable e orzamentaria transmitida polas sociedades e fundacións públicas, e que as decisións de

gasto adoptadas polos seus respectivos órganos de goberno se adaptaron ó establecido con carácter xeral neste acordo.

2. Para tal efecto, a Intervención Xeral aprobará un plan de actuacións que estableza o alcance do control posterior. Neste plan determinaranse as sociedades que serán obxecto de control así como as áreas que se verificarán, cun dobre obxectivo:

-Revisa-lo cumprimento dos termos deste acordo.

-Verifica-las operacións incluídas no ámbito de aplicación deste acordo.

3. Como resultado do control posterior, a Intervención Xeral emitirá un informe que se remitirá ó consello de administración das sociedades públicas ou, de se-lo caso, ó órgano rector das fundacións públicas, e á consellería á que estean adscritas ou das cales o seu protectorado exerza e dea conta das actuacións realizadas ó conselleiro de Economía e Facenda.

4. O control posterior non exclúe o control financeiro ordinario que a Intervención Xeral realiza a través do Plan Anual de Auditorías establecido de conformidade co disposto no artigo 105.1º da Lei 11/1992.

Punto 6.-Exercicio 1999.

Para o exercicio 1999, a primeira remisión da información trimestral, nos termos establecidos neste acordo, entenderase necesariamente referida desde o comezo do exercicio ata o remate do dito trimestre.

Punto 7.-Desenvolvemento e aplicación.

Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste acordo.

Punto 8.-Entrada en vigor.

Este acordo entrará en vigor ós trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.