Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 29 de abril de 1999 Páx. 5.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN conxunta do 19 de abril de 1999, da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados e da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca un curso de formador de formadores para profesorado dos cursos de normalización e tipificación dos productos pesqueiros.

A vindeira entrada en vigor do R.D. 331/1999, do 26 de febreiro, de normalización e tipificación dos productos da pesca frescos, refrixerados ou cocidos, vén de dar cumprimento no ámbito estatal ás disposicións do Regulamento CE 3759/1992, que establece entre os seus obxectivos incentiva-la calidade dos productos mediante o establecemento dun conxunto de normas comúns en materia de comercialización destinadas á consecución dunha maior transparencia nos mercados e unha mellor identificación dos productos. Este obxectivo debe redundar nunha maior rendibilidade da producción.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura conta entre as súas competencias en materia da ordenación pesqueira a normalización e tipificación dos productos pesqueiros e a promoción de accións tendentes a mellora-la súa calidade.

Dando cumprimento a este mandato e como primeiro paso no esforzo que suporá a instrumentalización dun proceso de adaptación das actuais estructuras de comercialización - xa desde a primeira venda e ata o consumidor final - ó novo marco derivado da aplicación das disposicións do R.D. 331/1999 , a administración pesqueira galega entende necesario artella-los medios axeitados para facilita-la súa aprendizaxe e aplicación práctica ós profesionais que exercen a súa actividade en todas e cada unha das fases da comercialización dos productos pesqueiros, principiando pola necesaria formación dun profesorado encargado pola súa vez de impartir esta materia. Na súa virtude

DISPOÑEMOS:

Primeira.-Convocatoria.

Convocar un curso de formación de formadores destinado ó profesorado dos cursos de normalización e tipificación dos productos pesqueiros.

Segunda.-Destinatarios.

Todas aquelas persoas que estean en posesión do título de licenciado/a en ciencias biolóxicas, ciencias do mar, capitán de pesca, patrón de altura ou veterinario.

Terceira.-Organización do curso.

a) Número de prazas: 15.

b) Duración: 160 horas lectivas.

c) Lugar: Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), sito na Illa de Arousa.

d) Datas: do 7 de xuño ó 7 de xullo de 1999.

e) Horario: das 10 ás 14 horas e das 16 ás 19 horas.

Cuarta.-Selección.

A selección realizarase en dúas fases, unha primeira onde se realizará unha proba para demostra-lo nivel de coñecementos sobre as especies que se comercializan en Galicia e unha segunda proba onde se valorará o currículum académico e outros méritos que se acrediten documentalmente.

O baremo que se empregará na selección dos aspirantes basearase nos seguintes criterios:

1º) Currículum académico (para obte-la puntuación dividirase a suma total entre o número total de convocatorias) :

-aprobado: 1 ptos.

-notable: 2 ptos.

-sobresaliente: 3 ptos.

-matrícula de honra: 4 ptos.

2º) Experiencia profesional relacionada co tema, ata un máximo de 4 puntos :

I) Experiencia na área do ensino:

-por cada mes traballado: 0,1 ptos.

II) Experiencia laboral:

-por cada mes traballado: 0,1 ptos.

3º) Cursos, de máis de 40 horas, ata un máximo de 2 ptos.:

-relacionados co tema: 0,2 ptos.

4º) Cursos de galego (ata un máximo de 0,2 ptos.):

-Iniciación: 0,1 ptos.

-Perfeccionamento: 0,2 ptos.

A proba de recoñecemento de especies terá lugar ás 11 horas do día 24 de maio de 1999, na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) sita en Rúa de Madrid, 2-4 - Polígono das Fontiñas. Santiago de Compostela. A puntación obtida nesta proba por cada un dos aspirantes será publicada no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados e da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación o día 26 de maio de 1999.

Para participar na segunda fase da selección será condición indispensable supera-la proba de recoñecemento de especies.

Rematada a selección, a relación das puntuacións obtidas por cada un dos aspirantes será publicada no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados e da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Quinta.-Solicitudes.

a) Os interesados/as deberán presenta-la solicitude, segundo modelo que se publica no anexo, cuberta en tódolos epígrafes que correspondan, que

se presentará no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

b) Xuntaráselle á solicitude fotocopia compulsada do DNI, título profesional, certificado académico de estudios e aqueles documentos que acrediten os datos que se fagan constar na solicitude. Os datos que non se acrediten documentalmente non se valorarán no proceso de selección.

c) O prazo máximo de presentación de instancias será de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Certificados de participación.

Ó remate do curso expedirase un certificado de participación ós asistentes que non teñan un número de faltas superior ó 10%.

Sétima.-Programa do curso.

Módulo I.-Psicopedagoxía da educación de adultos. Metodoloxía da formación e técnicas da comunicación.

Módulo II.-Hixiene e manipulación.

Módulo III.-Conservación. Control dos puntos críticos.

Módulo IV.-Recoñecemento de especies. Prácticas de determinación do grao de frescura e calibres.

Módulo V.-O Real decreto 331/1999, de normalización e tipificación dos productos da pesca, frescos, refrixerados ou cocidos.

Módulo VI.-Elaboración da unidade didáctica e material para imparti-los cursos.

Oitava.-Os aspirantes que acrediten, a xuízo da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados e da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, ter realizado o módulo I do programa, quedarán exentos, se así o desexan, da asistencia a este.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 1999.

Andrés Hermida TrastoyJoaquín Mariño Cadarso

Director xeral de EstructurasDirector xeral de Formación

Pesqueiras e Mercados Pesqueira e Investigación