Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 29 de abril de 1999 Páx. 5.096

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de abril de 1999 pola que se modifica a do 18 de abril de 1996.

A conveniencia de adaptar determinados artigos da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, publicada no DOG nº 86, do 2 de maio, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas á nova configuración normativa motivada polo Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, así como de actualiza-lo texto correspondente á definición de Peme, fai necesaria a modificación deles.

Por outra parte, subscritos os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, entre a Xunta de Galicia e os axentes sociais, resulta conveniente adaptar ó contido do dito acordo a Orde do 18 de abril de 1996, que desenvolve o programa de axudas financeiras ás empresas galegas consistentes na subsidiación ó tipo de xuro de operacións financeiras destinadas ó financiamento de investimentos ou á reestructuración de empresas previsto no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación normativa.

Un.- Substitúese o texto do artigo 1º.- Obxecto, da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, pola seguinte redacción:

«O obxecto da presente orde é desenvolve-lo programa de axudas financeiras ás empresas galegas consistentes na subsidiación ó tipo de xuro de operacións de préstamo, crédito ou arrendamento financeiro concertadas con entidades de crédito e destinadas ó financiamento de investimentos ou á reestructuración de empresas, previsto no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 95/1999, do 8 de abril».

Dous.- As referencias normativas das alíneas a) e b) do punto 1º do artigo 2 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, entenderanse referidas, tanto ó Decreto 309/1995, do 23 de novembro, como ó Decreto 95/1999, do 8 de abril, polo que se modifica o anterior.

Tres. Substitúese o texto do punto 1 do artigo 3º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, pola seguinte redacción:

«1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas pola presente orde aquelas empresas que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas (Pemes) conforme a definición adoptada pola Comisión da Unión Europea o 3 de abril de 1996. Para os ditos efectos, terá a consideración de Peme a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores.

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de euros e

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de Peme. Este limiar poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa;

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quen o posúe e se a empresa declara que pode presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de Peme.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste punto, o valor do euro é de 166,386 ptas.

En caso de que durante a vixencia desta orde a Unión Europea establecese unha definición de Peme diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza».

Catro.-Modifícanse as letras a) e d) do artigo 8 da Orde do 18 de abril de 1996 de axudas para o financiamento das empresas galegas, que pasan a te-la seguinte redacción:

«a) Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión, en especial as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal ou, en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas da actividade das cales dependese de forma importante a poboación desa zona.

d) Parques empresariais de promoción pública, especialmente o Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense».

Cinco.-Modifícase a letra g) do número 4 do artigo 9 da Orde do 18 de abril de 1996, que terá o seguinte contido:

«g) A creación e mantemento de emprego, en especial aquel relacionado con traballadores pertencentes a colectivos laborais con maior taxa de paro e dificultade de inserción laboral, entendéndose por tales os parados de longa duración, as mulleres, os discapacitados e os mozos menores de vintecinco anos».

Seis.-Modifícase o texto do punto 4 do artigo 12 da Orde do 18 de abril de 1996, que terá o seguinte contido:

«Tipo de xuro resultante para o beneficiario.

Para os efectos de aplicación da subsidiación, o tipo de xuro resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó 2%, agás para aqueles proxectos de investimento que sexan preferentes por localización ou actividade e que creen emprego neto por conta allea na Comunidade Autónoma de Galicia, nos que o citado tipo non poderá ser inferior ó 1%. No caso de que o tipo resultante sexa inferior ós ditos límites, reducirase ou suspenderase a subsidiación durante o período correspondente. Nos convenios que se subscriban coas entidades de crédito poderanse establecer límites superiores».

Sete.-Engádese un último parágrafo ó artigo 20 da Orde do 18 de abril de 1996 co seguinte contido:

«No caso de axudas concedidas ó abeiro do programa de investimentos desta orde que estean cofinanciadas con fondos FEDER, en tanto a Comunidade Autónoma de Galicia non dispoña dunha base de datos común para o control de axudas, o Igape, no momento en que o beneficiario xustifique a total realización do proxecto de investimento subvencionado, solicitará declaración xurada do beneficiario das axudas concedidas ou solicitadas e pendentes de resolución para o mesmo proxecto».

Oito.-Engádese unha disposición adicional á Orde do 18 de abril de 1996 co seguinte contido:

«Disposición adicional terceira.

As axudas concedidas ó abeiro do programa de investimentos da presente orde a aqueles proxectos que superen os cincuenta millóns de pesetas de investimento subvencionable serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda