Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 29 de abril de 1999 Páx. 5.091

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de abril de 1999 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dedica á educación das persoas adultas o seu título III, e nos artigos 52 e 53 establece a competencia das administracións educativas para promover medidas tendentes a facilitarlle á persoa adulta a oportunidade de acceder ós niveis e graos de ensinanzas da educación secundaria obrigatoria e das ensinanzas postobrigatorias establecidas no sistema educativo. Todo isto coa finalidade de que a persoa adulta poida logra-lo desenvolvemento persoal e profesional que non acadou no seu día e que lle permitirá unha promoción satisfactoria no mundo social e laboral.

Igualmente, nesta lei establécese que as persoas adultas que desexen adquiri-los coñecementos equivalentes ó bacharelato e á formación profesional específica poderán facelo en centros ordinarios, sempre que estean en posesión da titulación requirida. Non obstante, prevese tamén que estas persoas dispoñan dunha oferta específica e organizada acorde coas súas condicións, necesidades e intereses, que difiren, loxicamente, das motivacións e necesidades do alumnado que cursa estes estudios dentro do réxime ordinario.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, define no seu artigo 11 a educación e promoción de adultos como un conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles proporcionar a tódolos residentes no territorio da Comunidade Autónoma galega que superaron a idade de escolaridade obrigatoria, o acceso, de forma gratuíta e permanente, á súa formación persoal, así como a ámbitos de formación ligados a niveis educativos superiores.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que as ensinanzas deberán desenvolverse para as persoas adultas desde a formación inicial ata o acceso á universidade e terán como finalidade a adquisición dunha formación básica que facilite a transición da persoa adulta á vida activa, á promoción e recualificación laboral, así como á súa orientación e preparación para acceso ós estudios superiores.

Reguladas e adaptadas as ensinanzas básicas iniciais nos seus diferentes niveis, que van desde a adquisición de coñecementos instrumentais básicos

ata as ensinanzas conducentes ó título de graduado en educación secundaria, pola Orde do 26 de maio de 1997, Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo, é necesario agora regula-las ensinanzas postobrigatorias e darlle así continuidade ó proceso formativo iniciado. En consecuencia, cómpre adaptar a este tipo de alumnado as ensinanzas de bacharelato establecidas no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Así, nesta orde introdúcense determinadas modificacións na organización desta etapa educativa, adecuando a súa organización ás características do alumnado adulto, ligadas a condicións laborais, situacións de responsabilidade familiar, tempo dispoñible para dedicarse ás tarefas educativas.

En atención ás peculiaridades das persoas ás que está dirixida a oferta das ensinanzas de bacharelato no réxime que establece esta orde, posibilítase un modelo organizativo que permita adapta-la permanencia nestas ensinanzas e cursalas segundo o establecido con carácter xeral ou en función das propias necesidades e posibilidades, no marco dun horario específico para a impartición destas ensinanzas.

En consecuencia co anteriormente exposto e en virtude das atribucións conferidas pola disposición adicional segunda do Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma e pola disposición derradeira primeira do Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a regulamentación e organización das ensinanzas de bacharelato establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, de xeito que poidan acceder a elas as persoas adultas e, en consecuencia, adquiri-los coñecementos necesarios para obte-lo título de bacharelato.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación nos centros educativos públicos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine e naqueles centros privados autorizados para implanta-las ensinanzas do bacharelato para as persoas adultas.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán acceder ás ensinanzas do bacharelato para as persoas adultas, en calquera das súas modalidades, as persoas que, ademais de calquera dos

requisitos académicos establecidos no artigo 8º desta orde, reúnan os requisitos de idade que se determinan:

a) Con carácter xeral, ter cumpridos dezaoito anos ou cumprilos no ano natural no que comeza o curso escolar.

b) Excepcionalmente, e en cumprimento do artigo 10º do Decreto 87/1995, do 10 de marzo, a delegación provincial que corresponda, e logo do informe da Inspección Educativa, poderá autoriza-lo acceso a estas ensinanzas daquelas persoas que, con menos de dezaoito anos e a partir de dezaseis, no momento de realiza-la matrícula, acrediten a súa condición de traballadores ou encontrarse en circunstancias excepcionais que lles impidan realiza-los estudios de bacharelato polo réxime ordinario.

Capítulo II

Organización académica das ensinanzas de bacharelato para persoas adultas

Artigo 4º

1. As ensinanzas do bacharelato para as persoas adultas configúranse coa ordenación establecida con carácter xeral para o réxime ordinario no Decreto 275/1994, do 29 de xullo. En consecuencia, estas ensinanzas comprenderán dous anos académicos e organizaranse en modalidades.

2. Dadas as condicións, necesidades e intereses das persoas adultas, as ensinanzas do bacharelato poderán impartirse, con carácter xeral, entre as dezaseis horas e as vintedúas horas, de luns a venres. En todo caso, o horario deberá adaptarse ó establecido no anexo I desta orde e os períodos lectivos non poderán ser inferiores a cincuenta minutos.

3. Para o establecemento do horario teranse en conta as necesidades específicas dos alumnos e alumnas que desexen cursar estas ensinanzas.

Capítulo III

Autorización de centros e modalidades do bacharelato

Artigo 5º

As ensinanzas de bacharelato para as persoas adultas impartiranse naqueles centros e modalidades que autorice a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos termos que se establecen neste artigo:

1. Cando as circunstancias persoais, sociais e laborais dun número suficiente de alumnos o requiran, poderán impartir bacharelato para persoas adultas nas modalidades que en cada caso se determinen os centros que sexan expresamente autorizados pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

2. A modalidade ou modalidades de bacharelato que un centro poida impartir neste réxime de ensinanzas para as persoas adultas estarán comprendidas entre as que, con carácter xeral, teña autorizadas cada centro para as ensinanzas de bacharelato de réxime ordinario.

Artigo 6º

Os centros privados poderán ser autorizados para impartir estas ensinanzas pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, por instancia do titular do centro perante o delegado provincial correspondente, segundo prevé a disposición derradeira primeira do Decreto 133/1995, do 10 de maio, (DOG do 22 de maio), sobre a autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) pola que se desenvolve este decreto.

Artigo 7º

Na autorización deberán consta-las modalidades de bacharelato e o número de grupos que poden establecerse.

Capítulo IV

Acceso dos alumnos e alumnas

Artigo 8º

1. Poderán acceder ás ensinanzas de bacharelato para persoas adultas os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos de idade establecidos no artigo 3º desta orde e calquera dos requisitos académicos que se sinalan:

a) Posuí-lo título de graduado en educación secundaria.

b) Ter superados os estudios do primeiro ciclo do programa experimental de reforma das ensinanzas medias (REM).

c) Posuí-lo título de técnico auxiliar de formación profesional de primeiro grao.

d) Ter aprobado o segundo curso do bacharelato unificado e polivalente ou, como máximo, con dúas materias non superadas.

e) Ter superados os cursos comúns dos estudios de artes aplicadas e oficios artísticos.

f) Estar en posesión do título de técnico correspondente á formación profesional específica de grao medio.

2. Os alumnos que accedan ó bacharelato desde os ciclos formativos de grao medio e desexen validar algunha das materias cursadas, deberanlle solicitar á dirección do centro educativo a correspondente validación, quen resolverá á vista da certificación académica dos estudios realizados e do establecido nos reais decretos dos correspondentes títulos.

Capítulo V

Matrícula

Artigo 9º

O alumnado que desexe cursa-las ensinanzas de bacharelato para as persoas adultas deberá someterse ó procedemento e prazos establecidos con carácter xeral para a admisión de alumnos en bacharelato e deberá formalizar unha única matrícula nun único centro.

Artigo 10º

Logo de admitido, o alumnado poderá solicita-la formalización da súa matrícula adecuando o itinerario formativo ás súas características e necesidades, polo que poderá optar por calquera das dúas opcións que se sinalan:

1. Por curso completo e para unha das modalidades do bacharelato.

2. Por materias e para unha das modalidades do bacharelato.

2.1. Cando a organización do centro así o permita, o alumnado poderá ser avaliado de materias tanto pertencentes ó primeiro como ó segundo curso, agás naquelas materias que se imparten con idéntica denominación en ámbolos dous cursos ou que teñen contidos total ou parcialmente progresivos -física ou química de segundo con relación a física e química de primeiro; e bioloxía ou xeoloxía de segundo, con relación a bioloxía e xeoloxía de primeiro-, por estar supeditada a avaliación do segundo curso á cualificación positiva da materia de primeiro.

2.2. O alumnado poderá conforma-lo seu propio itinerario académico, que poderá resultar diferente dos establecidos no anexo II para cada modalidade. En todo caso, respectarase a modalidade elixida.

2.3. O alumnado non poderá supera-la carga lectiva semanal de 32 horas prevista para estas ensinanzas nun curso completo, segundo se establece no anexo I.

Artigo 11º

Con carácter excepcional e coa finalidade de facilitarlles ás persoas adultas a permanencia no ensino de bacharelato, cando se estea seguindo estudios presenciais nestas ensinanzas e se dean circunstancias que impidan asistir a algunhas materias, logo do informe da Inspección Educativa, a delegación provincial que corresponda poderá autoriza-la matrícula en réximes distintos - ordinario e a distancia-.

Capítulo VI

Permanencia

Artigo 12º

1. Os alumnos que cursen as ensinanzas de bacharelato para as persoas adultas poderán permanecer durante seis anos académicos cursando en réxime presencial estas ensinanzas. Para estes efectos non

serán computables os anos de escolarización no réxime ordinario.

2. No caso de que un alumno esgote o prazo de permanencia establecido para o ensino en réxime presencial, poderá continua-los estudios de bacharelato polo réxime de ensino a distancia ata rematar estas ensinanzas, segundo o establecido no artigo 31 do Decreto 88/1999.

3. Coa finalidade de non esgota-los anos previstos no punto 1 deste artigo, os alumnos poderán solicita-la anulación da matrícula ó director do centro, antes de remata-lo mes de abril, cando concorran circunstancias de enfermidade prolongada de carácter físico ou psíquico, prestación do servicio militar ou servicio social substitutorio, incorporación a un posto de traballo ou obrigas de tipo familiar que impidan a asistencia regular ás clases.

Capítulo VII

Avaliación e promoción

Artigo 13º

Para a avaliación das aprendizaxes das persoas adultas que cursan ensinanzas de bacharelato e a prelación entre materias, estarase suxeito ó disposto nas normas que regulan esas ensinanzas con carácter xeral e na Orde do 1 de marzo de 1995, pola que se regula a avaliación e cualificación dos alumnos e alumnas que cursan estas ensinanzas, así como os criterios seguintes:

1. O proceso de avaliación continua das persoas adultas require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades programadas para as distintas materias do currículo. De non cumprirse esta norma perderase o dereito á avaliación continua.

2. O referente para avalia-las aprendizaxes dos alumnos e alumnas serán os obxectivos educativos de cada unha das materias, así como os criterios de avaliación que, para cada materia, estableza o proxecto curricular do centro. Este proxecto deberá axustarse ó establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo.

3. Realizaranse, como mínimo, tres avaliacións de carácter formativo durante o curso. Rematado o período lectivo, e coincidindo coa sesión da última avaliación, procederase á realización da avaliación final do alumnado, considerando os criterios de avaliación establecidos no proxecto curricular de centro, así como á valoración global das aprendizaxes e a madurez académica en relación cos obxectivos xerais desta etapa educativa.

4. Aqueles alumnos e alumnas que non superaron tódalas materias na avaliación final ordinaria poderán realiza-las probas extraordinarias que se leven a cabo para supera-las disciplinas nas que non obtiveran cualificación positiva.

5. As materias nas que o alumnado obteña cualificación positiva consideraranse definitivamente superadas. A este respecto, os alumnos e as alumnas

que se incorporen ós estudios de bacharelato para as persoas adultas procedentes doutras comunidades autónomas, para obte-lo título de bacharelato, deberán completa-lo número de materias comúns, propias de modalidade e optativas que correspondan á modalidade e opción elixida.

Artigo 14º

No caso dos alumnos que opten por matricularse por curso completo, para a promoción do curso primeiro ó segundo será preciso que o alumno supere tódalas materias, con dúas excepcións como máximo. No caso de non poder promocionar do primeiro ó segundo curso por ter máis de dúas materias suspensas poderá realiza-la matrícula por materias independentes sen supera-la carga lectiva establecida no artigo 10º punto 2.3.

Artigo 15º

Para as posibles reclamacións sobre as cualificacións das convocatorias de xuño e setembro haberá que aterse ó disposto no regulamentado para as ensinanzas do bacharelato de réxime ordinario.

Capítulo VIII

Documentos de avaliación

Artigo 16º

Os documentos básicos de avaliación son os establecidos pola Orde do 1 de marzo de 1995, pola que se regula a avaliación e a cualificación dos alumnos e das alumnas que cursan o bacharelato (Diario Oficial de Galicia do 9 de maio).

Artigo 17º

No que atinxe ó libro de cualificacións do bacharelato rexerá o disposto no artigo 14º da Orde do 1 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 9 de maio de 1995), coa excepción do punto 2, que queda redactado da forma seguinte: «No libro de cualificacións recolleranse, se é o caso, a información referida ós cambios de centro, modalidade e materias superadas, así como a renuncia á matrícula e/ou solicitude, por parte do alumno, de expedición do título correspondente, unha vez superadas tódalas materias».

Artigo 18º

A cobertura dos documentos básicos de avaliación axustarase ás instruccións que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional dea para o efecto.

Capítulo IX

Titulación de bacharelato

Artigo 19º

1. De acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 275/1994, do 29 de xullo, os alumnos e alumnas que acadaran avaliación positiva en tódalas materias poderán recibi-lo título de bacharelato.

2. O título de bacharelato será único e no seu texto deberá consta-la modalidade cursada e a cualificación media obtida.

3. En consecuencia co establecido no artigo anterior, para obte-lo título de bacharelato, os alumnos que realizaron a matrícula por materias deberán ter superado as materias comúns, seis materias propias dunha modalidade e tres materias optativas.

4. O centro educativo, no que os alumnos ou alumnas finalicen os seus estudios de bacharelato para as persoas adultas, proporaos para a obtención do título de bacharelato de acordo co que se establece na norma que regula a obtención e expedición dos títulos non universitarios.

Capítulo X

Mobilidade entre os diversos réximes de ensinanzas de bacharelato

Artigo 20º

As persoas adultas poderán incorporarse desde o réxime presencial establecido nesta orde para o bacharelato a calquera outro réxime destas ensinanzas. Así mesmo, poderán incorporarse procedentes de calquera outro réxime ó réxime presencial establecido nesta orde, respectando en todo caso as condicións seguintes:

1. Ós alumnos que se incorporen ó bacharelato procedentes do sistema ordinario, o primeiro ano que se matriculen nestas ensinanzas para as persoas adultas seranlles de aplicación o artigo 6 e o artigo 7 da Orde do 1 de marzo de 1995, Diario Oficial de Galicia do 9 de maio.

2. Os alumnos procedentes do bacharelato no réxime de educación a distancia conservarán as cualificacións das materias superadas.

3. No caso de que non se imparta no centro algunha materia propia de modalidade ou optativa que o alumno tivera avaliada negativamente no réxime de escolarización do que procede, deberá substituíla por outra equivalente das que aparecen no anexo II desta orde.

4. Os alumnos que desde as ensinanzas de adultos se incorporen ó sistema ordinario farano nas condicións de promoción deste último, establecidas na Orde do 1 de marzo de 1995, Diario Oficial de Galicia do 9 de maio. En todo caso, no primeiro ano, non será necesario volver a cursa-las materias aprobadas.

5. No expediente académico e no libro de cualificacións do alumno redactarase dilixencia, asinada polo secretario e visada polo director, que se faga constar que o alumno efectuou o cambio de modalidade de ensino de acordo co previsto nesta orde.

Disposición adicional

Única.-Para aqueles aspectos non regulamentados nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 275/1994,

do 29 de xullo, na Orde do 1 de marzo de 1995 e na normativa que os desenvolva.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-las instruccións precisas para a aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Directores Xerais de Centros e Inspección Educativa, e de Ordenación Educativa e Formación Profesional.