Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 28 de abril de 1999 Páx. 5.070

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ANUNCIO do 15 de abril de 1999, da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, de notificación a Antonio Mourín Pérez, como representante da empresa Interfrutos Santiago, S.A., da incoación do procedemento de revogación da axuda concedida para o proxecto titulado Implantación de industria de elaboración de castaña, por incumprimento das condicións da resolución de concesión.

Intentada notificación no último domicilio coñecido e non podendo practicarse ó ser devolta polo servicio de correos, de conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase, mediante anuncios no taboleiro de edictos do Concello de Paradela e no Diario Oficial de Galicia, o seguinte:

A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación está a inicia-lo procedemento de revogación da axuda concedida ó abeiro da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 8 de setembro de 1995, sobre o procedemento de xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios e silvícolas, a favor da empresa Interfrutos Santiago, S.A., (Expd. L-10-866-95), da que é representante Antonio Mourín Pérez.

A axuda foi concedida por Resolución do 30 de novembro de 1995, aprobándose unha subvención de 244.949.601 ptas., correspondentes ó 47% do investimento considerado subvencionable, que foi de 521.169.364 ptas., consistindo o proxecto aprobado na implantación dunha industria de manipulación de castañas no lugar de Gandarón, parroquia de Vilaragunte, concello de Paradela, establecendo a propia resolución como data límite para a pre

sentación da xustificación dos investimentos o 31 de outubro de 1996.

Transcorrido amplamente este prazo, e trala constatación de que os investimentos non están iniciados, esta dirección xeral comunícalle ó interesado a incoación do procedemento de revogación da axuda concedida, por incumprimento do previsto nas cláusulas I.3, I.4, II.1 e II.2 da resolución de concesión e do establecido no artigo 7.1º da Orde do 8 de setembro de 1995, e de acordo co previsto nas alíneas b) e c) do artigo 9.1º desta orde.

Así mesmo, outórgaselle un prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación ou exposición no taboleiro municipal de anuncios, tomándose para o inicio do cómputo o derradeiro entre eles, para que formule as alegacións e presente a documentación e xustificacións que coide pertinentes, de conformidade co artigo 84 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Previo á realización deste trámite pode o interesado, se o cre conveniente, examina-lo expediente nas dependencias da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, San Caetano s/n, Santiago de Compostela, en horario de atención ó público, das 9 h ás 14 h.

Transcorrido o citado prazo sen presentar alegacións, o contido da iniciación do procedemento de revogación será considerado proposta de resolución.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1999.

Secundino Grobas Mosquera

Director xeral de Industrias e Alimentación