Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 28 de abril de 1999 Páx. 5.036

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 14 de abril de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, con domicilio en Padrón, centro social e cultural Campo do Souto.

Supostos de feito:

Primeiro.-José Luis Sánchez-Agustino López, na súa calidade de fundador, en escrito do dezaseis de marzo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Padrón, o día dez de marzo de mil novecentos noventa e nove, ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia Francisco León Gómez, co número cincocentos corenta e un do seu protocolo, por José María Bello Maneiro, Victoriano Trenco Romay, Jesús Villamor Calvo, Antonio Castroagudín Valladares, Rosa Oubiña Solla, Francisco Charlín Pérez, Alberto García García, Ramón Rego Mieites, Ramona Castaño López, José Antonio Galiñanes Mascato, Manuel Dieste Mos, José Luis Rodríguez Lorenzo, Lucinda Diz Besada, Ramón Rodríguez García, Jorge Domínguez Rosal, José Fernando Vila Brión, Pedro Piñeiro Hermida, Ángel Luis Lorenzo Pereira e José L. Sánchez-Agustino López, que interveñen en representación dos concellos de Valga, Pontecesures, Padrón, Teo, Cambados, Vilanova de Arousa, Catoira, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Ribeira, Sanxenxo, A Illa de Arousa, Boiro, Meaño, Dodro, Rianxo e Vilagarcía de Arousa; Ángel Luis Lorenzo Pereira, por

razón do seu cargo de comandante militar de mariña de Vilagarcía de Arousa e José L. Sánchez-Agustino López en nome propio, como fundador da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 24 de marzo de 1999 (DOG do 7 de abril) clasificouse como de interese cultural a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a promoción e desenvolvemento cultural, turístico e económico de tódolos concellos que se integran na senda apostólica recoñecida pola tradición e a historia como parte substancial dos Camiños de Santiago, por tratarse da conmemoración e actualización da senda mariñeira da translación do Señor Santiago, desde Jaffa, en Palestina, a Iria Flavia, hoxe actual vila de Padrón.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polos alcaldes presidentes dos concellos representados, o comandante de mariña de Vilagarcía de Arousa e José Luis Sánchez-Agustino López.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983,

en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dárlle-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo