Examinados os expedientes instruídos por instancia dos titulares dos centros privados Galaxia de Ribeira (A Coruña) e Vila do Arenteiro do Carballiño (Ourense), solicitando autorización definitiva para a súa apertura e funcionamento.
Tendo en conta que os expedientes foron tramitados polas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondentes, que se remiten cos respectivos informes.
Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.
Considerando que concorren nos expedientes os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.
Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,
DISPÓN:
Primeiro.-Autoriza-la apertura e funcionamento dos centros de educación secundaria e, como consecuencia disto, establece-la configuración definitiva dos centros existentes no mesmo edificio ou recinto escolar, segundo se especifica no anexo.
Segundo.-Esta autorización producirá efectos progresivamente, a medida que se implanten as ensinanzas autorizadas conforme o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.
Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia nos ditos centros.
Cuarto.-Os centros de educación secundaria que por esta orde se autorizan, deberán cumpri-la norma básica da edificación NBE-CPI/1996, de condicións de protección contra incendios nos edificios, aprobada por Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro (BOE do 29). Todo isto sen prexuízo de que teñan que cumprirse outros requisitos esixidos pola normativa municipal ou autonómica.
Quinto.-Quedan os centros obrigados ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1999.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
ANEXO
Provincia: A Coruña.
Concello: Ribeira.
Localidade: Ribeira.
Enderezo: Nove de Agosto, s/n.
Código do centro: 15014520.
Denominación específica: Galaxia.
Titular: Colegio Galaxia, Sociedad Limitada.
Composición resultante:
a) Centro de educación infantil: 4 unidades.
b) Centro de educación primaria: 12 unidades.
c) Centro de educación secundaria: 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.
Provincia: Ourense.
Concello: O Carballiño.
Localidade: O Carballiño.
Enderezo: Corzos, s/n.
Código do centro: 32016066.
Denominación específica: Vila do Arenteiro.
Titular: Vila do Arenteiro, Sociedad Cooperativa Limitada.
Composición resultante:
a) Centro de educación infantil: 3 unidades.
b) Centro de educación primaria: 8 unidades.
c) Centro de educación secundaria: 4 unidades de educación secundaria obrigatoria.