Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 23 de abril de 1999 Páx. 4.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 9 de abril de 1999 pola que se publica o calendario das feiras do debuxo e o gravado que vai celebra-la Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

As feiras culturais de Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, son acontecementos nalgúns casos de enraizada aceptación popular, como as seccións de feiras do libro, con décadas tras de si de presencia nas nosas cidades e vilas e noutros de aínda nova e cada ano máis forte impulso, como as de debuxo e gravado de cada vez maior demanda e éxito. Para o ano 1999 a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten a intención de mante-la presencia destes eventos nas nosas prazas e rúas, e achegar así novos aspectos da cultura ó cidadán galego, en diferentes xornadas, o calendario das cales, xunto co modelo de inscrición, procede publicar para coñecemento público e para facilita-lo acceso a elas a tódolos posibles interesados.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As feiras de debuxo e gravado obxecto desta orde constitúense como seccións das feiras culturais de Galicia organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Artigo 2º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia realizará, neste ano de 1999, feiras do debuxo e o gravado nos seguintes lugares e datas:

LocalidadeData

Santiago de Compostela23 ó 28 de abril

Lugo21 ó 23 de maio

Ourense11 ó 13 de xuño

Vigo13 ó 18 de xullo

Pontevedra22 ó 25 de xullo

A Coruña12 ó 17 de agosto

Estas datas poderán variarse en función das solicitudes presentadas ou de calquera circunstancia imprevista que puidese obrigar á anulación da feira ou ó cambio de data ou lugar. Nese caso informarase do cambio ou anulación a tódolos los participantes nela.

Artigo 3º

As solicitudes para participar nestas feiras deberán facerse segundo o modelo de instancia que acompaña

a presente orde (anexo I). Os solicitantes de participación nas feiras de debuxo e gravado deberán igualmente xuntar currículum para o caso de as solicitudes excederen o número de prazas dispoñibles. O prazo de presentación de solicitudes, agás para a feira de Santiago de Compostela, será de vinte días naturais a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde.

Artigo 4º

Poderán participar nas feiras de debuxo e gravado tódolos artistas que o soliciten. No caso de existiren maior número de solicitudes que de prazas dispoñibles farase unha selección dos participantes que terá en conta de forma prioritaria o currículum artístico dos solicitantes, en especial nos campos obxecto da feira. Poderanse ter en conta tamén outros aspectos, como a participación noutras feiras de debuxo e gravado organizadas pola a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. O comité de selección poderá tamén realizar invitacións a artistas que considere que sirvan para mellora-la calidade e o interese da feira. Estas invitacións non poderán exceder en ningún caso o 10% das prazas existentes.

O comité de selección estará presidido polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que este delegue, os xefes de servicio do Libro e Bibliotecas de Promoción Cultural e o coordinador das feiras.

Artigo 5º

Os materiais permitidos nas feiras de debuxo e gravado son exclusivamente os realizados sobre papel ou materiais análogos. Están expresamente prohibidos outros tipos de obras artísticas, como óleo ou pintura sobre lenzo, escultura ou cerámica, traballos sobre camisetas ou prendas de vestir e, en xeral, calquera que non se axuste á citada normativa. En caso de dúbida o comité de selección poderá decidir acerca da inclusión ou non do material.

Artigo 6º

Os participantes comprométense a ter aberta a caseta da feira no horario sinalado para a feira. O non cumprimento desta norma será considerado como motivo de exclusión en posteriores feiras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo