Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 23 de abril de 1999 Páx. 4.873

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 15 de abril de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal da empresa Amalis, S.A., concesionaria do servicio de limpeza do Hospital do Meixoeiro durante a folga convocada para os días 26, 27 e 28 de abril de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal dependente da empresa Amalis, S.A., concesionaria do servicio de limpeza do Hospital do Meixoeiro, que presta os seus servicios no devandito centro sanitario, que se levará a efecto os días 26, 27 e 28 de abril de 1999, afectando as tres quendas de mañá, tarde e noite na xornada completa, oído o comité de folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afectará o persoal dependente da empresa Amalis, S.A., concesionaria do servicio de limpeza do Hospital Meixoeiro, que presta os seus servicios no dito centro sanitario, que se levará a efecto os días 26, 27 e 28 de abril de 1999, afectando as tres quendas de mañá, tarde e noite, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, e para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrando na análise dos criterios da determinación dos servicios mínimos, pódese sinalar que para a súa fixación se tivo en conta a necesidade de manter unha porcentaxe de actividade imprescindible e como tal irreductible para cubri-las necesidades de limpeza do centro. E para garanti-la actividade de aseguramento da hixiene necesaria no hospital, requírese a presencia de vinte traballadores na quenda de mañá, dezasete na quenda de tarde e un na de noite.

Convén precisar que o número de efectivos determinado constata unha reducción do número total de efectivos existentes en presencia física durante os días da folga para que, deste xeito, non se empece o lexítimo dereito de folga. Por iso, na súa concreción tívose en conta a ineludible necesidade de cubrir fundamentalmente as áreas de carácter asistencial coa conseguinte maior reducción dos efectivos en áreas ou servicios non asistenciais.

Xa que logo, non cabe facer unha simple extrapolación porcentual de carácter absoluto sobre o cadro de persoal de efectivos en presencia física sen atende-los citados criterios de atención preferente ás áreas asistenciais e maior flexibilidade respecto ás outras áreas ou servicios do centro.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección da empresa Amalis, S.A., procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos establecidos no artigo 16.1º do Real decreto 17/1997, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a nor

mativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Quenda de mañáQuenda de tardeQuenda de noite

15 limpadores15 limpadores1 limpador
5 peóns3 peóns