Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 19 de abril de 1999 Páx. 4.529

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de abril de 1999 pola que se establecen axudas económicas individuais para asistencia a actividades de formación do profesorado.

O plan de formación continuada do profesorado dos centros de formación dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura persegue, como obxectivo xeral, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade e crear actitudes proclives á investigación e á renovación pedagóxica coa incorporación de novas metodoloxías educacionais.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Finalidade.

Establecer axudas individuais, cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para o profesorado que asista a actividades que teñan por obxecto a súa propia formación, actualización e perfeccionamento profesional, que se leven a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro durante o ano 1999.

Artigo 2º.-Obxecto.

As axudas concederanse para actividades de formación: cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía da axuda será fixada de forma individual, para o cal teranse en conta os gastos ocasionados ó profesorado pola asistencia ás actividades formativas, que poderán abrangue-los seguintes conceptos:

-Importe da matrícula e documentación entregada pola organización.

-Gastos de desprazamento.

-Gastos de aloxamento.

-Gastos de mantenza.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

4.1. Poderán solicitar axudas os profesores con destino nos centros docentes de formación profesional náutico e marítimo-pesqueira, dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e sempre que para a mesma actividade non sexan beneficiarios doutra axuda.

4.2. Os interesados deberán presenta-la súa solicitude ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través da dirección do centro onde presten os seus servicios, cunha antelación mínima de 20 días hábiles antes do comezo da actividade para a que se solicite a axuda.

4.3. Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación :

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria, e, se é o caso, do programa da actividade para a que se solicita a axuda.

b) Orzamento dos gastos de matrícula, estadía e desprazamento.

c) Memoria explicativa dos motivos polos que se desexa asistir á actividade, con referencia á repercusión na súa formación como docente na súa área concreta.

d) Informe do director do centro onde se xustifique que o solicitante desenvolve na actualidade a súa actividade formativa na disciplina, área, ciclo ou especialidade pertinentes ou a conveniencia da súa asistencia á actividade por causa da súa futura dedicación a outras disciplinas formativas.

Artigo 5º.-Comisión e criterios de adxudicación.

5.1. Para o estudio das axudas nomearase unha comisión que estará formada por:

O xefe do Servicio de Ensinanzas Náutico e Marítimo-Pesqueiras.

O xefe da Sección de Ensinanzas Náutico e Marítimo-Pesqueiras.

O xefe da Sección de Centros, que á súa vez actuará como secretario.

5.2. Ademais dos que normalmente decida a citada comisión, serán criterios de adxudicación os seguintes:

-A relación entre a actividade formativa e a súa práctica docente.

-A proporción entre o gasto e o potencial de beneficio profesional reportado pola actividade.

-A calidade dos informes presentados en ocasións anteriores.

-No caso de limitacións de medios orzamentarios, daráselles prioridade, en igualdade de condicións, ós solicitantes que menos participasen neste tipo de actividades formativas.

Artigo 6º.-Exclusións e incompatibilidades.

6.1. Exclúense do ámbito desta orde as actividades formativas organizadas e convocadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, que terán cobertura e tratamento específico.

6.2. Estas axudas serán incompatibles coas indemnizacións por razón de servicio reguladas polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 7º.-Concesión e denegación.

7.1. As solicitudes de axudas serán resoltas polo director xeral de Formación Pesqueira e Investigación no prazo de 10 días naturais.

7.2. A concesión ou denegación da axuda seralle notificada ó interesado a través do centro ó cal estea adscrito.

Artigo 8º.-Reclamacións.

Contra a resolución de concesión ou denegación, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 9º.-Pagamento.

O pagamento da axuda farase efectivo unha vez que finalice a actividade. Para iso, o interesado deberá remitir á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, dentro dos 15 días seguintes ó remate da actividade, os seguintes documentos:

a) Informe valorativo sobre a actividade desenvolta, que inclúa alomenos os seguintes apartados:

-Avaliación xeral da calidade da actividade (organización, nivel técnico, utilidade, etc.).

-Aspectos relevantes que poden incidir na calidade da propia acción formativa.

-Suxestións e perspectivas innovadoras que se deducen da experiencia.

b) Fotocopia debidamente compulsada do resgardo da matrícula ou documento que xustifique a inscrición, no que se especificará o importe da matrícula.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento segundo corresponda (billete de avión, de tren, factura da axencia, ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio), e todo isto en documentos orixinais.

Salvo en circunstancias excepcionais, e con desprazamentos no territorio galego, non se autoriza o uso de vehículo propio. No caso de autorizarse para desprazamentos fóra de Galicia, por causa xustificada, a contía será a correspondente ó importe do billete de avión, tren ou calquera outro medio de transporte colectivo.

d) Facturas do hotel polo aloxamento.

e) Facturas polas comidas.

As cantidades aboadas polos conceptos d) e e) non poderán ser superiores ó establecido na normativa que regula as indemnizacións por razón de servicio para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

f) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia expedido pola entidade organizadora ou documento equivalente.

Artigo 10º.-Financiamento.

As citadas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S 640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, ata un límite de 8.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións precisas para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura