Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 16 de abril de 1999 Páx. 4.467

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 1999 pola que se convocan seis bolsas de colaboración para a realización de tarefas de análise e investigación do valor de mercado dos inmobles en Galicia.

A xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e do imposto sobre sucesións e doazóns aséntase sobre o valor real dos inmobles transmitidos.

Consonte o artigo 16 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a citada xestión é da competencia da Consellería de Economía e Facenda que, entre os medios de comprobación do valor real, utiliza os sinalados no artigo 52 da Lei xeral tributaria. A fonte da que se nutren algúns destes medios debe reuni-los requisitos de obxectividade, fiabilidade e exhaustividade, en canto determina cál é o valor medio do mercado. Sen esquecer que tamén ten que responder ó principio de publicidade e poder ser consultada para a súa contrastación cando o contribuínte o desexe.

Desde que se produciu a transferencia dos medios materiais e humanos necesarios para a xestión dos tributos descritos, a Consellería de Economía e Facenda veu realizando a través dos seus servicios centrais e territoriais estudios de mercado dos municipios galegos para a súa utilización como fonte no proceso de comprobación do valor.

As fluctuacións que experimentou o mercado inmobiliario fan necesaria a revisión dos estudios de mercado dispoñibles, considerándose necesario que nesta tarefa os facultativos adscritos ós servicios de valoracións conten coa colaboración de persoas que acaban de remata-los seus estudios universitarios e poidan acceder a unha acción formativa valiosa para o desenvolvemento da súa futura actividade profesional.

Na súa virtude apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Consellería de Economía e Facenda convoca seis bolsas de colaboración en tarefas de análise e investigación do valor do mercado dos inmobles situados en Galicia. Delas, dúas corresponderanlle, exclusivamente, ás tarefas que se desenvolverán en relación co mercado inmobiliario urbano e as outras catro, ás relativas ó mercado inmobiliario rústico.

Segunda.-Contía das bolsas.

As bolsas terán unha dotación mensual de 150.000 pesetas, sobre a que se practicará a retención fiscal que en cada caso corresponda.

Os desprazamentos que se realicen consonte o disposto na base oitava serán obxecto de indemnización a razón de 24 pesetas por quilómetro percorrido.

Así mesmo, compensaranse os gastos de manutención e hospedaxe consonte a contía establecida para o grupo 4º no anexo II do Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

A asignación mensual será pagada a fin de cada mes pola Secretaría Xeral e do Patrimonio trala certificación emitida pola Dirección Xeral de Tributos. As indemnizacións por desprazamentos e os gastos de manutención e hospedaxe tamén serán satisfeitas mensualmente pola Secretaría Xeral e do Patrimonio logo da certificación expedida polo funcionario da Consellería de Economía e Facenda a quen se lle encomende a dirección dos bolseiros.

O conxunto de tódolos gastos previstos nesta base atenderase con cargo á partida orzamentaria 05.01.511.A.480.0, por unha contía máxima total de 13.550.000 ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Terceira.-Duración.

As tarefas relativas ás bolsas iniciaranse a partir da data de incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 1999.

Estas bolsas poderán prorrogarse ata un máximo de tres anos, incluído o período inicial, á vista do traballo realizado polo bolseiro e do grao de execución en que se atopen os traballos de investigación en relación coa totalidade dos municipios galegos, sempre que exista crédito orzamentario para iso.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

-Son requisitos específicos para as dúas bolsas relativas ó mercado inmobiliario urbano: terse licenciado ou estar en condicións de obte-lo título de arquitecto superior ou arquitecto técnico durante os catro anos anteriores á data desta convocatoria.

-Son requisitos específicos para as catro bolsas relativas ó mercado inmobiliario rústico: terse licenciado ou estar en condición de obte-lo título de enxeñeiro técnico agrícola ou enxeñeiro técnico forestal durante os catro anos anteriores á data desta convocatoria.

-Son requisitos comúns ás seis bolsas:

a) Posuír coñecementos de lingua galega.

b) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

c) Ter coñecementos no manexo de programas informáticos: Acces, Approceh, Word, Excel, Windows, etc.

d) Dispoñer de vehículo e estar en posesión de carné de conducir.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se achega como anexo, irán dirixidas ó secretario xeral e do Patrimonio e entregaranse no rexistro da Consellería de Economía e Facenda en Santiago de Compostela, rexistros das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, oficinas de correos, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de 15 días naturais que comezarán a contar a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, acompañadas da seguinte documentación:

-Certificación académica completa, na que se detallen as cualificacións obtidas.

-Relación de méritos, con especial incidencia en canto ós coñecementos de lingua galega e manexo de programas informáticos, acompañada de copia de cantos documentos acrediten os méritos nel alegados.

-Fotocopia do carné de conducir e da documentación do vehículo do que se dispón.

-Declaración xurada pola que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas e axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Memoria descritiva de tres folios como máximo na que se desenvolvan as seguintes cuestións:

1. Análise do mercado inmobiliario nun municipio: relacionaranse fontes de obtención de información sobre valores reais ou aproximativos dos bens inmobles que se consideren oportunos.

2. Metodoloxía de valoración: realizarase unha breve análise crítica dos distintos métodos de valoración que coñeza, destacando as súas vantaxes e inconvenientes en relación coa súa aproximación ó valor medio de mercado.

Sexta.-Comisión de selección.

Presidenta: directora xeral de Tributos.

Vocais:

Subdirector xeral de Impostos Cedidos.

Un facultativo ó servicio da Consellería de Economía e Facenda.

Secretario: xefe do Servicio de Inspección Tributaria da Dirección Xeral de Tributos.

Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Expediente académico: ata 5 puntos.

-Relación de méritos: ata 4 puntos.

-Memoria descritiva: ata 5 puntos.

A comisión poderá levar a cabo unha entrevista con aqueles aspirantes que obtiveran unha puntuación igual ou superior a nove puntos na aplicación dos criterios sinalados. A devandita entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria terá unha duración máxima de quince minutos e valorarase ata un máximo de 3 puntos.

Finalmente, a comisión fará pública a relación dos candidatos por orde de puntuación e as bolsas adxudicaranse por resolución do secretario xeral e do Patrimonio.

Oitava.-Réxime de colaboración.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, trala aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais desde a notificación do seu outorgamento. No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo aspirante seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros desenvolverán o seu labor nas dependencias da Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda da Coruña, baixo as indicacións do facultativo que designe a Dirección Xeral de Tributos, sen prexuízo dos desprazamentos que por indicación deste deban realizar ós restantes municipios galegos. O seu horario de traballo acomodarase ás tarefas que en cada momento lles sexan encomendadas.

Ó remate da bolsa, os bolseiros presentarán un traballo sobre a metodoloxía utilizada nos estudios sobre a investigación de valor de mercado dos inmobles de Galicia, o cal quedará en propiedade da Xunta de Galicia. Igualmente, serán de propiedade da Xunta de Galicia cantos informes, enquisas, bases de datos e estatísticas realicen ou obteñan os bolseiros durante o desenvolvemento das tarefas de investigación.

Novena.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a Secretaría Xeral e do Patrimonio poderá, por proposta da Dirección Xeral de Tributos e despois de escoita-lo interesado, extingui-la bolsa concedida e atribuirlla ó aspirante que ocupe o primeiro lugar en orde de puntuación ó remate do proceso de selección, ou ó seguinte ou seguintes cando os chamados non puideran presta-la súa colaboración por calquera motivo.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

Emilio Álvarez Rey

Secretario xeral e do Patrimonio da Consellería

de Economía e Facenda