Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 16 de abril de 1999 Páx. 4.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 15 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca concurso de premios entre escolares de niveis non universitarios para a elaboración de carteis ou debuxos e traballos de redacción sobre a educación do consumidor en conmemoración do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor 1999.

Co motivo da conmemoración o 15 de marzo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor 1999, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, conscientes da necesidade de forma-los alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma galega cara á adquisición do espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo e optar de maneira libre e responsable, convocan para o ano 1999 un concurso de premios de carteis ou debuxos e de traballos de redacción sobre a educación do consumidor na escola invitando os escolares galegos a reflexionaren sobre a sociedade de consumo e a que utilicen como medio a creación artística e literaria.

Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de carteis ou debuxos e traballos de redacción en materia de educación do consumidor, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros de niveis educativos non universitarios da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Os premios distribuiranse do modo seguinte:

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo do alumnado de educación infantil, dotado con 125.000 pesetas, das cales 50.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 75.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo realizados por alumnos ou alumnas do 1º e 2º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos e alumnas do 3º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc, para o gañador ou gañadores e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos ou alumnas do 1º ciclo de ESO, dotado con 175.000 pesetas, das cales 75.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 100.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción para o nivel educativo de ensinanzas medias (formación profesional, bacharelato, COU ou 2º ciclo de ESO e novos bacharelatos), dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

Tódalas contías correspondentes ós centros deberán investirse na adquisición de material didáctico ou lúdico.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos finaliza o día 31 de maio de 1999.

Cuarta.-Os traballos deberán presentarse nos servicios centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidos ó presidente do Instituto Galego de Consumo, acompañados dun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os sus estudios, nos que consten os datos do alumno, nivel educativo, curso, ciclo ou modalidade que realiza.

Quinta.-Os traballos que concorran ó premio de debuxos correspondente ó alumnado de educación infantil e 1º e 2º ciclo de educación primaria serán colectivos e terán como protagonista a mascota Camaleo, que ensina os nenos a consumir, inter

pretada de xeito libre, e deberá versar sobre algún dos seguintes temas: alimentación, ambiente, xogos ou tempo de lecer.

O tema proposto para o traballo de redacción será: «O euro, a nosa moeda».

Para os carteis presentados polas escolas de arte, o tema será: «O Día Mundial do Consumidor».

Sexta.-Os debuxos presentados polos alumnos/as de infantil e 1º e 2º ciclo de primaria serán colectivos e cunhas dimensións máximas de 0,80x0,70 m para os carteis ou debuxos e unha extensión máxima de tres follas a dobre espacio por unha soa cara para os traballos de redacción.

Sétima.-Os premios que se concedan faranse efectivos na súa contía global de 1.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 1999.

Oitava.-A concesión dos premios farase por proposta dun xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Novena.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios

anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si ou compartidos segundo a súa calidade.

Décima.-A participación no concurso supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito de propiedade no caso de carteis ou debuxos e os traballos de redacción gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á finalidade e serán utilizados polo Instituto Galego de Consumo no deseño dos seus programas de información e divulgación dos dereitos dos consumidores.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1999.

Jorge J. Rodríguez Vázquez-MolezúnJosé Luis Mira Lema

Presidente do Instituto Galego deDirector xeral de Orde-

Consumonación Educativa e For-

mación Profesional