Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 09 de abril de 1999 Páx. 4.061

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 1999 de delegación de competencias.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo leva consigo unha concentración de funcións na persoa do seu rector que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias nos membros do equipo de goberno, sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1ª.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e os estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación, este rectorado decide dicta-la seguinte resolución:

I. Con independencia das competencias que lle recoñecen o artigo 19 da LRU e os artigos 102 e 103 dos estatutos desta universidade:

1. Deléganse na secretaría xeral as seguintes competencias:

a) Dependencia funcional da Asesoría Xurídica, sendo este o camiño a seguir para o pedimento de consultas e informes, que deba render aquela, ós órganos colexiados e unipersoais, así como ós restantes membros da comunidade universitaria.

b) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos.

c) A expedición de certificados de actos presuntos.

d) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

e) As materias de protocolo, medios de comunicación e coordinación do equipo rectoral.

f) As relacións exteriores da universidade e as relativas á ORI.

g) As relativas ós rexistros da universidade.

h) A coordinación de matrícula e proposta de calendario escolar.

i) As relativas á normalización lingüística.

2. Deléganse no vicerrector de profesorado as seguintes competencias:

a) Aprobación dos POD e cadro de persoal docente.

b) A convocatoria dos concursos de profesorado contratado.

c) A aprobación das listas provisionais e definitivas de admitidos nos concursos de persoal docente funcionario e contratado.

d) Tódolos actos relativos á situación administrativa do persoal docente, incluídos os procedementos de xubilación.

e) A presidencia da comisión de reclamacións.

3. Deléganse no vicerrector de organización académica as seguintes competencias:

a) As referentes á coordinación na aprobación e desenvolvemento das ensinanzas conducentes a titulacións propias da Universidade de Vigo e cursos de posgrao.

b) As correspondentes ó procedemento de elaboración, aprobación ou modificación de plans de estudios desta universidade.

c) As referentes a organización e desenvolvemento das áreas e departamentos.

d) As de coordinación e control dos centros adscritos.

e) Oferta de prazas (límite de prazas).

f) Oferta educativa anual.

g) Actualizar e/ou modifica-la normativa de xestión académica, de se-lo caso.

4. Delégase no vicerrector de docencia e alumnado as seguintes competencias:

a) As correspondentes ó acceso dos alumnos á universidade.

b) As referidas á organización, seguimento e avaliación da calidade docente.

c) As correspondentes ó rendemento escolar dos alumnos da Universidade de Vigo.

d) As da presidencia ou representación no xurado de bolsas do MEC, e nos procedementos das bolsas compensatorias da Xunta de Galicia, así como en calquera outra na que se convoquen bolsas para estudiantes.

e) Delegación da sinatura en RR.RR. polas que se resolvan pedimentos de alumnos en relación con súa actividade académica.

5. Deléganse no vicerrector de planificación as seguintes competencias:

a) A de avaliación das infraestructuras e servicios existentes, a súa mellora, modificación e programación das novas necesidades nos tres campus.

b) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten á Universidade de Vigo.

c) As de coordinación, en materias económicas, que esixan programas ou exposicións de recursos e previsións a longo e medio prazo.

d) A presidencia da mesa de contratación.

e) As relativas a tecnoloxía da información e os seus servicios.

6. Deléganse no vicerrector de extensión universitaria as seguintes competencias:

a) As de proxección da universidade na vida cultural e deportiva do territorio de influencia da Universidade de Vigo.

b) As correspondentes a servicios sociais, aloxamento e atención e información ó estudiante.

c) As de organización, celebración e seguimento dos cursos de verán.

d) As relativas a asociacións universitarias e voluntariado.

7. Deléganse no vicerrector de investigación as seguintes competencias:

a) A proposta, formalización e contratación de proxectos europeos.

b) O relacionado coas bolsas de estudios, tanto das propias coma as autonómicas, nacionais e internacionais, convocando e resolvendo as primeiras e solicitando e informando as restantes.

c) A promoción e avaliación da investigación.

d) As relativas ó servicio de bibliotecas e de publicacións.

e) As de equipamento de centros de investigación e as de xestión e coordinación dos recursos da investigación.

f) As do terceiro ciclo e doutoramento, con exclusión da sinatura dos títulos de doutor e doutora Honoris Causa.

g) As de política científica e difusión da actividade investigadora.

h) As correspondentes ós institutos universitarios.

i) A de formalización de pólizas de seguros de accidentes dos bolseiros.

8. Deléganse no vicerrector de desenvolvemento e transferencia de ciencia e tecnoloxía as seguintes competencias:

a) As de contratos, informes e cursos do artigo 11 da LRU.

b) As correspondentes á Oficina de I+D e relacións con outros centros de I+D.

c) A solicitude de proxectos de transferencia de resultados de investigación.

d) As de transferencias de tecnoloxía e patentes.

e) As de cursos de especialización.

f) As relacionadas con empresas en tódalas materias obxecto desta delegación, incluíndo a sinatura de convenios de colaboración e de cooperación educativa.

9. En canto ó xerente e con independencia das competencias que lle outorga o artigo 20 da LRU e o artigo 115 dos estatutos, deléganse nel as seguintes competencias:

a) As de xefatura de persoal funcionario e laboral de Administración e servicios.

b) A de ordenación dos pagamentos.

c) As de negociación colectiva e carreira administrativa.

d) As da contratación administrativa que a Lei 13/1995 e o regulamento de contratación desta universidade lle outorgan ó rector coas excepcións seguintes:

1º Resolución das adxudicacións e formalización dos contratos.

2º As resolucións de modificación, suspensión e revogación dos contratos administrativos.

3º As resolucións de execución forzosa.

II. 1) Os actos dictados como consecuencia desta delegación non poderán excede-los límites dela xa que, en caso contrario, serán nulos de pleno dereito e, en todo caso, faríase constar expresamente esta resolución rectoral e terían a consideración de actos dictados por esta autoridade.

2) En ningún caso poderán delegarse as competencias que se delegan nesta resolución. O rector, en todo momento, poderá avocar para si todas e cada unha das facultades que se atribúen a esta resolución.

3) Quedan derrogadas tódalas resolucións que se opoñan ou contradigan a esta resolución rectoral e de forma específica a R.r. do 24 de xuño de 1998.

4) Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Vigo, 3 de marzo de 1999.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo