Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 09 de abril de 1999 Páx. 4.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 26 de marzo de 1999 pola que se establecen axudas para a primeira transformación de productos forestais.

O Plan Forestal de Galicia define as accións no sector forestal que deben dar lugar a unha xestión racional deste recurso natural renovable nos seus distintos ámbitos de ordenado aproveitamento.

O crecemento racional continuado da producción madeireira, pretendido polo Plan Forestal nos seus corenta anos de vixencia, precisa do bo funcionamento e competitividade dun sector industrial de aserrado en Galicia, principal utilizadora dos recursos forestais en materia prima, e sobre a que se apoian os restantes sectores de primeira e sucesivas transformacións.

Así mesmo, resulta prioritario o desenvolvemento e implantación de novas tecnoloxías neste sector industrial que melloren o rendemento e a eficacia dos procesos de producción que permitan un incremento do valor engadido da producción forestal galega, así como a investigación e descubrimento de novos productos con orixe forestal que amplíen e diversifiquen a oferta do referido sector.

O Real decreto 2666/1998, do 11 de decembro (BOE do 30-12-1998), ó abeiro da competencia exclusiva do Estado sobre as bases e coordinacións da planificación xeral da actividade económica (Art. 149.1º da Constitución), establece os criterios de selección aplicables ás medidas de fomento da comercialización e transformación de productos da silvicultura.

En virtude de todo iso e ó abeiro do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre o fomento da actividade empresarial en Galicia, e de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Poderán ser subvencionables os seguintes tipos de actuacións:

1) Investimentos en activos fixos materiais productivos que sexan subvencionables de acordo co

R.D. 2666/1998, nas industrias de serrado da madeira ou que desenvolvan novas formas de aproveitamento da materia prima de orixe forestal.

2) Actividades de difusión e extensión do uso de tecnoloxías aplicadas, promoción e demostración de resultados ás industrias de aproveitamento da materia prima de orixe forestal, organizados por empresas, asociacións de empresas e institucións.

3) Accións de formación dos traballadores e dos empresarios do sector dirixidas ó desenvolvemento da capacidade empresarial e organizativa local.

4) Prospección de mercados nacionais e de exportación, realizados polas asociacións de empresas, entidades e institucións que determinen a viabilidade de novos mercados de consumo e a comercialización externa para os productos forestais transformados galegos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as industrias forestais e entidades públicas e privadas relacionadas total ou parcialmente co sector forestal, así como as agrupacións das referidas empresas e institucións.

Os beneficiarios deberán ter, alomenos, o 35% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo concedido para xustifica-lo investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 10 millóns de pesetas. Tampouco se esixirá en relación ós centros de traballo situados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de empresas con menos de 10 traballadores, a porcentaxe mínima de estabilidade laboral esixida reducirase ó 33%.

As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de se-lo caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

De xeito excepcional e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración da axuda, do que se dará coñecemento á Comisión de Seguimento dos Acordos dos Apoios á Promoción Económica e Fomento Empresarial.

Os non industriais deberán carecer de ánimo de lucro e estar avalados por equipos, departamentos ou entidades de contrastado nivel técnico.

Artigo 3º.-Importe das axudas.

O importe máximo porcentual das axudas é do 30%.

A contía máxima anual da subvención non superará con carácter xeral os 30 millóns de pesetas, e non será superior ós 4 millóns en actividades de difusión e extensión tecnolóxica, formación dos traballadores e prospección de mercados.

Artigo 4º.-Exclusións.

Non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) A adquisición de terreos.

b) Os gastos non amortizables, salvo os honorarios de redacción de proxectos e dirección de obra polos importes que se xustifiquen de acordo coas taxas colexiais vixentes, sempre que se correspondan coa acción subvencionada.

c) A adquisición de equipos de oficina e mobiliario, salvo equipos de informática con software axeitado.

d) Os vehículos de motor.

e) A maquinaria usada.

f) O IVE e outros tributos recuperables polo beneficiario.

g) Os investimentos iniciados sen inspección previa.

Artigo 5º.-Prioridades estratéxicas segundo o obxectivo do investimento.

Os investimentos deberán acadar algún dos seguintes obxectivos:

1. Enfoque da estructura da industria de serra á elaboración de productos adaptados á demanda actual e potencial do mercado e ás características da materia prima galega de orixe forestal.

2. Mellora da calidade dos productos.

3. Mellora da productividade en tódalas fases do proceso industrial.

4. Racionalización das operacións de elaboración e manipulación dos productos.

5. Optimización do rendemento da materia prima na súa transformación.

6. Desenvolvemento de novas formas de aproveitamento da materia prima de orixe forestal.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión de axudas levarase a cabo mediante un proceso de selección de proxectos, no que se establecen os seguintes criterios por orde de importancia:

a) Viabilidade técnica, económica e financeira.

b) Capacidade de producción superior a 5.000 m de productos transformados.

c) Melloras na orientación comercial da producción.

d) Creación de postos de traballo directos.

e) Adaptación do proceso productivo á elaboración de productos normalizados.

f) Aproveitamento e grao de transformación das materias primas de orixe forestal.

Artigo 7º.-Ámbito temporal.

A presente orde aplicarase ás actividades iniciadas e/ou realizadas durante o ano natural de 1999.

No caso de que pola súa importancia ou complexidade o investimento que se pretenda levar a cabo requirise un financiamento máis prolongado, a subvención poderá plurianualizarse, sen prexuízo das disposicións que para este efecto considera a lexislación orzamentaria e demais normativa de aplicación.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

Os interesados deberán presentar, perante as delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Instancia-solicitude, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo I desta orde.

No caso de sociedades que se vaian constituír, a solicitude deberá realizala por unha persoa física en nome propio; constituída a sociedade, solicitarase o cambio de titularidade a favor desta.

b) Estudio, anteproxecto ou proxecto onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo II da presente orde.

c) Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos investimentos.

d) Acreditación do cumprimento formal das obrigas fiscais e coa Seguridade Social por parte do solicitante ata o momento de solicita-la subvención.

e) Declaración xurada de non ter iniciados os investimentos obxecto do proxecto con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1999 e solicitude de inspección previa comprobatoria. Pódese presentar acta notarial de non inicio dos investimentos.

f) Balance económico actualizado, asinado por administrador legalmente autorizado, así como copia oficial do último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF. Así mesmo, presentarase a declaración de operacións con terceiros (modelo 347).

g) Copia da cédula do NIF ou CIF.

h) Licencia municipal de actividade e, no caso de obra civil, informe urbanístico emitido polo concello no que se indique a conformidade do proxecto coa normativa vixente no municipio.

i) Programa de execución e pagamentos dos investimentos, asinado polo beneficiario. Neste punto convén tomar como referencia a data límite do 30 de outubro de cada ano.

j) Declaración xurada, se é o caso, dos postos de traballo que se vaian crear coa execución do investimento proxectado, especificándose o número de fixos, os que se reconverten de temporais en fixos e os temporais.

No caso de que nestes contratos se determine, nalgún deles, xornada a tempo parcial, indicarase a duración desta. Nesta declaración, o beneficiario deberase comprometer a mante-la porcentaxe mínima do 35% do persoal da empresa con contratos por tempo indefinido.

k) Copia dos TC1 e TC2 da empresa.

l) Aval suficiente de equipos, departamentos e entidades de contrastado nivel técnico para concorrer ós puntos 2), 3) e 4) do artigo 1º da presente orde. Así mesmo, para os devanditos puntos haberá de ser presentada unha memoria, onde queden perfectamente definidos: os antecedentes da materia que se propón investigar, xustificación, obxectivos xerais e específicos que se pretenden conseguir, estimación de resultados que se van acadar e aplicación práctica da investigación ós determinados subsectores da industria forestal.

Artigo 9º.-Prazo de presentación de solicitudes.

Establécese un prazo máximo de presentación de solicitudes de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Mellora e corrección da solicitude.

1) Na fase de iniciación do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requerirase o interesado para que sexan corrixidos os erros, ou xunte a documentación preceptiva, no prazo de dez días hábiles, con indicación de que, se así non o fixera, se lle terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite posterior.

2) Recibidas as solicitudes, o servicio de producción e industrias forestais procederá á inspección previa para comproba-lo non inicio dos investimentos. Serán denegadas as solicitudes que correspondan a investimentos comezados e non acheguen acta notarial de non inicio, ou certificado equivalente, de data posterior ó día 31 de decembro de 1998.

3) Se no transcurso da realización do proxecto se vise a necesidade de introducir modificacións, solicitarase autorización da Consellería de Medio Ambiente, xuntando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal.

Artigo 11º.-Tramitación e concesión de axudas.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá a proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as estratexias e criterios indicados nos artigos 5º e 6º da presente orde.

A resolución notificaráselle ó interesado.

Contra a resolución da axuda o interesado poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo na forma e prazo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes que, unha vez transcorridos tres meses desde a súa presentación, non tiveran unha comunicación coa correspondente aprobación provisional ou definitiva, poderán entenderse desestimadas.

Unha vez recibida a comunicación, o beneficiario terá que enviar, no prazo de dez días hábiles, a súa aceptación das condicións especificadas na resolución da concesión, quedando sen efecto a concesión en caso contrario. O beneficiario comunicará igualmente a data de inicio dos investimentos.

En calquera fase do proceso de tramitación, a Consellería de Medio Ambiente poderá solicitarlle ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación esixible.

O pagamento da subvención poderase condicionar ó cumprimento por parte do solicitante dos obxectivos empresariais declarados.

Artigo 12º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1) Se a axuda estivese dividida en anualidades, para a percepción dos pagamentos, deberá presentarse antes do 30 de outubro de cada ano a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobro da subvención.

b) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados, segundo modelo do anexo III.

c) Xustificación dos investimentos realizados mediante fotocopias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, así como copias dos documentos bancarios de pagamento. E de forma específica:

-Respecto á construcción de edificios, obras e instalacións en xeral, presentarase o certificado de fin de obra, asinado por técnico agrario competente e visado polo correspondente colexio profesional no que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado, así como o cumprimento das condicións técnicas e regulamentarias que lle sexan de aplicación. Así mesmo, presentarase licencia municipal de obra na xustificación final dos investimentos.

-Para a adquisición de edificacións presentarase certificado da oficina liquidadora competente, no que constará o valor que servirá de base para a

liquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais ou IVE, descontando o valor do solo.

-Para honorarios de proxecto e dirección de obra presentaranse as correspondentes fotocopias compulsadas das facturas emitidas polo colexio profesional correspondente e copias dos documentos bancarios de pagamento.

d) Declaración xurada do beneficiario sobre as axudas concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

e) Certificación do cumprimento formal das obrigas fiscais e de Seguridade Social por parte do beneficiario, ata o momento do pagamento da subvención.

f) Certificación de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

g) Xustificación do cumprimento das condicións especificadas na resolución da axuda.

h) Ficha bancaria, certificado bancario de conta corrente onde realiza-lo ingreso, e copia do NIF/CIF.

i) Xustificación da creación de emprego e da situación laboral dos traballadores, mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente. Xuntarase o compromiso, asinado polo solicitante, de mantemento dos postos creados e dos contratos por tempo indefinido durante un mínimo de tres anos desde a súa creación.

2. Á vista da documentación presentada e logo da oportuna inspección, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emitirá a correspondente proposta de pagamento.

3. Poderanse realizar anticipos e pagamentos parciais nas condicións establecidas na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano en curso.

4. De acordo coa Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, poderanse considerar obxecto de subvención os importes derivados do pagamento parcial de maquinaria e outros investimentos subvencionables non materializados.

Así mesmo, poderanse considerar para efectos de subvención os pagamentos parciais correspondentes ós contratos de leasing nos que aínda non se efectuara a opción de compra, descontando as cantidades relativas a gastos de financiamento, que deberán quedar suficientemente desagregadas no contrato.

Para o referido nos dous parágrafos anteriores, será necesario que no expediente de xustificación destas se xunte, ademais do indicado no presente artigo, a factura ou contrato de subministración e un aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido á disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia.

O referido aval garantirá a cantidade anticipada mailos xuros calculados ó xuro legal do diñeiro para o ano en curso (4,25%), e por un prazo que medie entre a data de solicitude do anticipo e o último día en que este ten que ser xustificado.

O correspondente certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención, e no caso de contratos de tipo leasing, que se leve a cabo a opción de compra.

Artigo 13º.-Disposicións comúns.

1) As axudas ós investimentos establecidas na presente orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins e procedentes de administracións públicas, ata un límite de subvención neta equivalente ó 50% sobre o investimento total, de acordo co mapa español de axudas rexionais, segundo notificación da Comisión Europea N 463/94 (96/C25/03).

2) No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación da resolución da axuda. Se o beneficiario percibise pagamentos parciais ou anticipos e a execución parcial non cumprira os obxectivos iniciais previstos así como as condicións da resolución, procederase, logo da tramitación do expediente correspondente, ó reintegro da subvención percibida mailos xuros de mora.

3) No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.

4) Os investimentos subvencionados deberanse manter por un período mínimo de cinco anos, contados a partir da data do seu pagamento.

Disposición adicional

O aboamento das axudas fixadas na presente orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.731A.771, dotada con 52.733.000 pesetas.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1999.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente