Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 08 de abril de 1999 Páx. 3.971

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 77/1999, do 11 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Silleda (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento e dotación de servicios da estrada PO-211, tramo entre o C.P. e entronque coa avenida Recinto Feiral.

O Concello de Silleda (Pontevedra), en sesión celebrada o día 31 de xullo de 1998, aprobou o proxecto de acondicionamento e dotación de servicios da estrada PO-211, tramo entre o C.P. e entronque coa

Avda. Recinto Feiral e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 26 de xaneiro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de febreiro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata dunha vía principal e arteria en solo urbano, onde está situado o colexio público de Silleda, acceso ó recinto feiral da Fundación Semana Verde de Galicia, e por outra banda a rúa está situada en solo urbano carecendo, á data de hoxe, dos servicios de rede de sumidoiros, beirarrúas e luz pública, non se presta con normalidade o servicio de abastecemento de auga por se-la sección extremadamente reducida, o que ocasiona que durante as épocas de seca se careza de tal elemental servicio.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Silleda (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento e dotación de servicios da estrada PO-211, tramo entre o C.P. e entronque coa Avda. Recinto Feiral.

Santiago de Compostela, once de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais