Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 08 de abril de 1999 Páx. 3.970

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 76/1999, do 11 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Silleda (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura e urbanización da rúa 2 de Bandeira.

O Concello de Silleda (Pontevedra), na sesión do día 31 de xullo de 1998, aprobou o proxecto de apertura e urbanización da rúa 2 de Bandeira e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 26 de xaneiro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de febreiro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque coa execución da citada rúa, incluída no plan xeral como tal, e que vai ter un gran tránsito de viandantes e vehículos, se resolverá unha situación perigosa por ser un dos accesos que vai posibilitar un servicio máis de cara á problemática de infraestructuras próximas ó colexio público de Bandeira cun censo de 700 alumnos, e por outra banda trátase dunha obra incluída no Programa Operativo Local que debe estar executada dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Silleda (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura e urbanización da rúa 2 de Bandeira.

Santiago de Compostela, once de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais