Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 05 de abril de 1999 Páx. 3.733

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución: gasificación do Noroeste, rede de Vilagarcía de Arousa, addenda I, no termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Con data do 16 de outubro de 1997 a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Segundo.-Por Resolución do 17 de novembro de 1997, da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, aprobouse o proxecto de execución e se autorizou a Enagás, S.A. a instalación da rede de distribución de gas natural para usos industriais de Vilagarcía de Arousa.

Terceiro.-Con data do 17 de setembro de 1998, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado por Decreto 2913/1933, do 26 de xullo, a aprobación do proxecto de gasificación do Noroeste, rede de Vilagarcía de Arousa, addenda I, xuntándolle á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado

por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e do 9 de marzo de 1994.

As modificacións no trazado afectan ó termo municipal de Vilagarcía de Arousa e, en resumo, serán as seguintes:

Acometidas a Hospital Salnés e Fundiciones Rey:

-É unha derivación da rede de Vilagarcía de Arousa no seu vértice V-PO-085 B, no termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

-Discorre en paralelo ó FF.CC. Pontevedra - Santiago de Compostela para seguidamente cruzar tanto este ferrocarril coma a estrada N-640. Seguindo un camiño accédese ó Hospital Salnés.

-Dous metros antes da acometida ó Hospital do Salnés parte a nova acometida a Fundiciones Rey, bordeando a industria.

A lonxitude do trazado é de 378 m.

O orzamento da addenda ascende á cantidade de 9.213.145 ptas.

Carto.-Por resolución desta dirección xeral do 30 de setembro de 1998 someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, sendo publicada no Diario Oficial de Galicia do 15 de outubro, no BOP de Pontevedra do 14 de outubro e no diario Faro de Vigo do 13 de outubro de 1998, e exposto igualmente no taboleiro de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Quinto.-Durante o período legalmente establecido recibiuse a seguinte alegación ó proxecto:

-Luis Carlos Rey Raño, como director xerente de Fundiciones Rey, S.A., solicita que a conducción de gas natural discorra por vías, sen atravesa-las propiedades privadas que poidan estar situadas ó longo destas. Isto agrávase no seu caso ó ter prevista a construcción dunha nave que lle permita almacenar materias primas e productos de fundición, instalación da que ten preparados os cimentos da súa estructura, resultando inviable a súa construcción ó atoparse limitada a súa edificación polas prohibicións que pola tubería se impoñen.

A alegación foi remitida á empresa beneficiaria.

Sexto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural, recibíndose contestacións destes indicando as condicións en que se deben verifica-las afeccións correspondentes.

Séptimo.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, de 24 de xullo, o Decreto 132/1982,

do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 9 de decembro e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así coma as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista da alegación presentada, da contestación a esta por parte da empresa Enagás, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifiesto que:

-Enagás, S.A. modificará o trazado dentro da parcela afectada, de forma que discorra desde a entrada no predio polos seus lindeiros, ben cara ó oeste ou ben cara ó este, non afectando a novos propietarios que puideran á súa vez opoñerse a este trazado, chegando ó punto de acometida do Hospital Salnés e ó propio de Fundiciones Rey sen atravesar pola metade o predio propiedade do alegante.

Cuarto.-Enagás procederá igualmente a realiza-los cruzamentos ou afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto terceiro dos antecedentes, correspondentes ó termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

-Aprobar a Enagás, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto de gasificación do Noroeste, rede de Vilagarcía de Arousa, addenda I, no tramo relacionado previamente, correspondente ó termo municipal de Vilagarcía de Arousa, manténdose con total validez o resto das características do proxecto orixinal.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria