Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 05 de abril de 1999 Páx. 3.730

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se outorgan destinos definitivos correspondentes ó concurso de traslados do 15 de setembro de 1998, polo que se ofertaban prazas para secretarías de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes entre secretarios de paz a extinguir e oficiais da Administración de xustiza.

Visto o expediente instruído como consecuencia do concurso de traslados convocado por Resolución do 15 de setembro de 1998 (BOE do 7 de outubro), para cubri-las prazas vacantes para secretarías de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes entre secretarios de paz a extinguir e oficiais da Administración de xustiza.

Esta dirección xeral, de conformidade co disposto nos artigos 455 e 494 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, o Regulamento orgánico do corpo de secretarios da xustiza municipal, aprobado por Decreto do 12 do xuño de 1970 e os artigos 54, 55 e 57 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza,

DISPÓN:

Primeiro.-Facer públicos os destinos que con carácter definitivo se adxudicaron ós funcionarios que participaron no concurso de traslados convocado por resolución da data mencionada anteriormente, que se corresponden cos relacionados no anexo I da resolución da convocatoria .

Segundo.-Excluír do concurso de traslados os funcionarios que no anexo II se relacionan.

Terceiro.-Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes no presente concurso que non obtiveron destino, polo que non se terán en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto.-Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, polo que se cubrirán na forma prevista no artigo 458 da Lei orgánica do poder xudicial, por funcionarios de novo ingreso.

Quinto.-O cesamento dos funcionarios no seu anterior destino efectuarase o próximo día 6 de abril de 1999.

A toma de posesión deberá efectuarse nos tres días naturais seguintes ó cesamento cando teña lugar

dentro da mesma poboación e dentro dos dez días naturais seguintes se se producise en poboación distinta á do cesamento, sendo retribuído o devandito prazo posesorio pola Administración competente respecto á praza obtida no presente concurso.

Non corresponde o permiso de dez días por traslado de domicilio con cambio de residencia previsto no artigo 66.1º b) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, ó outorgarse un prazo para tomar posesión retribuído.

Se a resolución comporta reingreso no servicio activo á Administración de xustiza no corpo de oficiais, o prazo de dez días naturais para a toma de posesión deberá comezar a contar desde o día 6 de abril de 1999, pero no presente caso o devandito prazo non resulta retribuído, xa que se produce antes de formalizarse o reingreso no corpo de oficiais e, por tanto, non pode computarse como de servicios efectivos.

No caso do que os funcionarios reingresados por medio do presente concurso se atopen en activo noutro corpo e non desexaran que se lles interrompese a súa relación de servicio coa Administración, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectua-la toma de posesión, poderán solicitar ó presidente, xuíz, fiscal ou xefe do organismo do seu actual destino, un permiso retribuído dun día cando teña lugar dentro da mesma poboación ou de dous en caso contrario, agás aqueles casos que deban desprazarse ás Canarias, Illes Balears, Ceuta ou Melilla, no que o permiso poderá ser de ata tres días (artigo 66.1º g) do Regulamento orgánico), tendo o cesamento no seu anterior destino data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso.

Esta Comunidade Autónoma competente concederálle-la excedencia de oficio no corpo de procedencia se esta se produce nun corpo ó servicio da Administración de xustiza, e o cesamento neste destino terá data anterior á da súa posesión no corpo de oficiais co obxecto de evita-la interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión do seu titular.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da provincia da Coruña no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1999.

José Antonio Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local