Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 31 de marzo de 1999 Páx. 3.629

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 69/1999, do 18 de marzo, polo que se modifica o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

O Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, como consecuencia do Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se estableceu a estructura orgánica da Xunta de Galicia e seus distintos departamentos, determinou a estructura orgánica e funcional da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

A experiencia acadada no primeiro ano de funcionamento da consellería fai necesario acomete-la modificación da súa estructura orgánica co fin de acomodala dun xeito máis eficaz no desenvolvemento das súas funcións e máis acorde con elas.

Na súa virtude, de conformidade co disposto na Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo do informe favorable das consellerías da Presidencia e Administración Pública e Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Modifícase a denominación da Subdirección Xeral de Desenvolvemento Rural contida no artigo 8 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, que pasará a denominarse Subdirección Xeral de Estructuras Rurais.

2. Engádese un novo punto 1.3 ó artigo 8 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, que queda redactado do seguinte xeito:

«1.3. Servicio de Supervisión de Proxectos: corresponderalle a supervisión e coordinación de tódolos proxectos de obras da consellería, así como as súas modificacións e a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras na materia. Poderá tamén redactar ou colaborar na redacción dos proxectos, así como exerce-la superior vixilancia, seguimento e apoio da execución das obras que correspondan».

3. Modifícase o punto 2.2 do artigo 8 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, que queda redactado do seguinte xeito:

«2.2. Servicio de Capacitación Agraria: desenvolverá as funcións referentes á promoción, capacitación e formación dos agricultores, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas.

Deste servicio dependerán funcionalmente os centros de capacitación agraria, aínda que organicamente queden integrados dentro da estructura da delegación provincial na que territorialmente estean radicados».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 13 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, queda redactado do seguinte xeito:

«Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con categoría de servicio:

1. Secretaría.

Baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de personal, parque móbil da consellería, información ó público, elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación, e administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; elaboración de estatísticas dos demais servicios da delegación provincial e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

2. Servicio Técnico-Xurídico.

3. Servicio de Estructuras Rurais.

4. Servicio de Extensión e Capacitación Agraria.

5. Servicio de Sanidade e Producción Animal.

6. Servicio de Sanidade e Producción Vexetal.

7. Servicio de Industrias e Comercialización Agroalimentaria».

Disposición derogatoria

Queda derrogada calquera disposición de rango igual ou inferior que se opoña ó establecido no presente decreto.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria