Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 29 de marzo de 1999 Páx. 3.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 11 de marzo de 1999 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as do último curso de formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación nos centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica e a súa coveniencia para os alumnos do último curso de FP2, teñen un enorme interese polo seu valor didáctico-pedagóxico e a posibilidade, no eido sociolaboral, de achega-los alumnos/as ó mundo no que se desenvolverá a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as do último curso de formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao medio e superior

de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as no último curso dunha especialidade de formación profesional ou ciclo formativo de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2.2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, que estean asinadas polo interesado/a e teñan o visto e prace do director do centro conforme reúnen tódolos requisitos.

2.3. Para acceder ó período de formación en centros de traballo será preciso, con carácter xeral, ter aprobados tódolos restantes módulos profesionais. O equipo docente poderá autoriza-lo acceso a este período a aqueles alumnos/as que teñan un único módulo avaliado negativamente, sempre que se considere que o alumno/a ten fundadas posibilidades de superalo mediante as actividades de recuperación que se establezan.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

3.1. Os alumnos/as que reúnan os requisitos para participaren destas axudas presentarán a correspondente solicitude, no modelo anexo a esta orde, no

centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para os alumnos/as do 2º curso do ciclo superior e de FP2, nun prazo de 20 días hábiles a partir do 15 de marzo de 1999.

b) Para os alumnos/as do ciclo medio, nun prazo de 20 días hábiles a partir do 1 de xuño de 1999.

Cuarto.-Contía das axudas.

4.1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun radio de 5 km: 320 ptas.

-De 6 km ata 15 km: 520 ptas.

-De 16 km ata 30 km: 725 ptas.

-De 31 km ata 50 km: 1.125 ptas.

-Máis de 50 km (con retorno no día): 1.330 ptas.

-Máis de 50 km (sen retorno no día): 5.150 ptas.

4.2. O número máximo de xornadas para a formación profesional de segundo grao será de quince e, para os ciclos formativos, as suficientes para completa-las horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá supera-las 135.000 ptas. no grao superior e as 180.000 ptas. no grao medio.

4.3. Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para reaxusta-la contía en razón da distancia e do orzamento dispoñible. Neste caso, comunicaráselles ós interesados/as a modificación efectuada.

4.4. O alumno/a estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita polo centro educativo onde cursa as ensinanzas.

Quinto.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

5.1. A selección das peticións e o seguimento das axudas levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O delegado territorial da Conselleria de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou persoa en quen delegue.

-O xefe de servicio de ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras.

-Os directores dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Os xefes de estudio dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, que actuará como secretario/a, con voz e voto.

5.2. Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sexto.-Adxudicación de axudas.

6.1. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico para a formación en empresas. Este expediente económico, xunto cunha copia de tódalas solicitudes, remitirase á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación dentro dos 15 días seguintes ó do remate do prazo de presentación de solicitudes.

6.2. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, logo de revisa-las solicitudes e comproba-la vixencia dos concertos de colaboración, reexpedirá toda a documentación á Comisión de Selección e Seguimento de axudas.

6.3. A comisión, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos e o crédito dispoñible, fará a oportuna proposta de adxudicación ó director xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

O director xeral resolverá, notificándolle a cada centro a concesión ou denegación provisional das axudas e, se é o caso, a modificación das contías solicitadas.

6.4. A partir da data de comunicación ós centros mencionada no punto anterior, abrirase un prazo de 15 días naturais para os interesados formularen as reclamacións que consideren oportunas perante a comisión de selección.

6.5. Resoltas as reclamacións formuladas, a dirección xeral, no prazo dun mes, dictará resolución na que se farán consta-las adxudicacións definitivas.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes.

A falta de notificación no termo de tres meses determinará a súa denegación presunta.

Sétimo.-Aboamento das axudas.

O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que se remataron as xornadas de prácticas e ata un límite de 5.000.000 de ptas. (30.050,61E), con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. -Formación Profesional FSE-, existindo crédito suficiente na partida indicada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Oitavo.-Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudios.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura