Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 29 de marzo de 1999 Páx. 3.529

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a delimitación do contorno de protección do mosteiro cisterciense de Ferreira de Pantón, no concello de Pantón, provincia de Lugo.

Por Decreto do 23 de agosto de 1975 (Boletín Oficial del Estado do 23 de outubro) foi declarado monumento histórico-artístico o mosteiro cisterciense de Ferreira de Pantón, concello de Pantón, provincia de Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor á Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (Boletín Oficial del Estado do 29 de xuño) cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección, consonte o disposto na disposición transitoria primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia, do 8 de novembro).

En consecuencia, vistos os informes dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, en materia de bens culturais, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a delimitación do contorno de protección do mosteiro cisterciense de Ferreira de Pantón, no concello de Pantón, provincia de Lugo, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola citada incoación do xeito que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II da presente resolución.

Terceiro.-Notifica-la presente resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble, e de conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais

de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberen realizarse con carácter inaprazable, precisarán en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1999.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

O punto 1 sitúase na estrada C-546 de Ourense a Monforte de Lemos, á altura da desviación que desde o lugar de Curro conduce a Pantón.

1-2. Tramo de estrada de Ferreira de Pantón, uns 200 metros, ata o desvío que conduce ó lugar de Ramos.

2-3. Tramo do camiño que conduce ó lugar de Ramos, uns 300 metros.

3-4. Liña que une este camiño coa estrada que vai de Ferreira ós lugares de Mato e Vila do Souto, coincidindo no tramo final cos lindeiros norte das parcelas catastrais nº 542, 540, 539, 538, 537 e 536 do polígono 29.

4-5. Tramo da estrada que conduce a Ferreira.

5-6. Tramo da estrada C-546 en dirección leste ata o lindeiro oeste da parcela catastral nº 996 do polígono 39, coincidente co río Ferreira.

6-7. Liña quebrada que percorre os lindeiros oeste e sur da parcela catastral 996 e sae á estrada que conduce ó lugar da Torre.

7-1. Liña coincidente co muro de peche dos antigos terreos do mosteiro ata saír á estrada C-546.