Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 29 de marzo de 1999 Páx. 3.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a mellora da competitividade do sector téxtil e da confección, así como para a súa diversificación.

Durante os últimos anos, o escenario económico internacional relacionado co sector téxtil sufriu profundas alteracións, principalmente pola intensificación da competencia, o incremento no coñecemento e esixencias dos consumidores e a necesidade de incrementar mercados, o que induciu a unha mellora de competitividade constante nas empresas do sector, ou a unha diversificación das súas actividades, tanto desde o punto de vista da empresa como social e económico no caso de zonas de alta dependencia.

Criterios tales como a cooperación interempresarial, a modernización da xestión, a calidade e o servicio marcan, principalmente, o grao de diferenciación nos mercados actuais, que se caracterizan por seren tremendamente competitivos.

Neste contexto, a Comisión Europea impulsou a Iniciativa RETEX, ó observar que o sector téxtil e da confección da Comunidade debía afronta-los rigores desta competencia urxente co obxecto de acelera-la adaptación daquel á nova conxuntura.

Esta iniciativa, dirixida ás rexións que dependen estreitamente do sector téxtil-confección, intervén onde pode satisface-las necesidades, sobre todo no

ámbito dos coñecementos específicos e os recursos humanos, é dicir, o soporte lóxico, do cal o desenvolvemento leva consigo a asistencia ás empresas co fin de optimiza-los métodos organizativos, a cooperación e as tecnoloxías.

Galicia é unha das rexións encadradas dentro das rexións-obxectivo que poden beneficiarse desta iniciativa para facilita-la adaptación e a diversificación da actividade económica, e así poder competir con garantías dentro do novo contexto económico globalizado.

Coa intención de continuar co desenvolvemento desta iniciativa, é obxecto da presente orde o regular aquelas actuacións levadas a cabo polas empresas que contribúan dunha forma máis eficaz á consecución dos obxectivos fixados por esa iniciativa.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde desenvolve-lo marco que regule a convocatoria de axudas, que se concedan no exercicio de 1999, para a incentivación de actuacións amparadas pola iniciativa RETEX, dentro das unidades económicas que integran o sector téxtil e da confección na nosa Comunidade Autónoma, co obxectivo de acada-la súa adaptación competitiva.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Estas axudas outorgaranse con cargo á partida orzamentaria, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999, 08.03.742-A.770.0 «Axudas á industria do complexo téxtil-confección».

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán seren beneficiarios destas axudas as empresas, agrupacións, asociacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no ámbito dos sectores téxtiles e da confección, debendo te-lo seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado nalgunha das zonas elixibles da Comunidade Autónoma galega que se relacionan no seguinte parágrafo.

Para os efectos da aplicación da presente orde, e segundo a normativa reguladora do RETEX, terán a consideración de zonas elixibles as seguintes:

-Provincia da Coruña.

-Provincia de Ourense.

-Na provincia de Pontevedra os seguintes concellos: Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, A Estrada, Agolada, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Portas, Poio, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Vilaboa.

Artigo 4º.-Preferencia na concesión das axudas.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas teranse en conta a tipoloxía da actuación, a súa localización, a súa contribución ó PIB e ó desenvolvemento local, o seu efecto multiplicador, a contribución á xeración de valor engadido e, en xeral, o recollido no artigo 5 do Decreto

309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Actuacións subvencionables.

Terán carácter subvencionable aqueles investimentos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou algunhas das seguintes accións:

a) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a mellora dos coñecementos técnicos. A título orientativo, este asesoramento poderá referirse ós seguintes puntos:

-Implantación de sistemas de estratexia empresarial ou para o fortalecemento da estructura de talleres (mellora dos sistemas de distribución, aumento da flexibilidade e eficacia empresarial, consecución de mellores niveis de calidade e servicio, etc.).

-Diagnóstico e implantación de técnicas de xestión empresarial encamiñadas á mellora da eficacia nos procesos xa implantados, dentro das distintas áreas funcionais da empresa.

-Realización de auditorías tecnolóxicas e estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial.

-Realización de diagnósticos e auditorías de deseño, así como proxectos encamiñados á incorporación, desenvolvemento e integración das tecnoloxías de deseño nas actividades empresariais vinculadas á creación dunha imaxe corporativa da empresa.

-Estudios de coñecemento e análise prospectivo de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking).

-Actuacións vinculadas á difusión empresarial, co obxecto de captar novos mercados ou de consolidar aqueles xa captados, mediante a aplicación e utilización das novas tecnoloxías de difusión.

-Actuacións vinculadas á mellora dos sistemas de xestión da calidade ou dos seus procedementos, dentro de procesos sistemáticos de mellora continua, así como de procesos de certificación de empresas.

b) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a realización de proxectos concertados desenvolvidos por empresas (coa adhesión mínima de tres) ou para a realización de actuacións desenvolvidas por asociacións empresariais. A título orientativo, este asesoramento poderá referirse ós seguintes puntos:

-A mellora dos coñecementos técnicos relativos ós epígrafes citados na letra a).

-A difusión acelerada de métodos de producción innovadores e novas formas de organización.

-O fortalecemento dos vínculos entre as empresas e os seus subministradores e clientes, con obxecto de responder ás novas esixencias de flexibilidade e calidade.

-A mellora da información sobre as tendencias do mercado en relación coas medidas de apoio ó deseño, á calidade e á comercialización.

-A creación, exclusivamente por asociacións empresariais, de redes de contacto con outros lugares do Estado e coa Comunidade Europea en relación coas medidas antes citadas.

-Análise e implantación de estratexias orientadas á exportación.

-Análise de mercados para a estructuración de coleccións.

-Diagnósticos e implantación de melloras da competitividade e custos.

-Análise e implantación de estratexias de aprovisionamento competitivo.

Todos estes proxectos e/ou actuacións deberán caracterizarse pola súa posibilidade de desenvolvemento e implantación nas distintas empresas participantes neles.

c) Custo de adquisición de hardware e software para o seu emprego específico en deseño asistido por ordenador (CAD).

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 50% do custo da actuación subvencionable.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaborción para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación das ditas solicitudes rematará o día 30 de abril de 1999 inclusive.

Estas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Memoria explicativa do proxecto que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das súas actividades principais, descrición detallada dos investimentos do proxecto por unidade de actuación e efectos esperados.

-Orzamento desagregado do investimento e/ou actuación.

-Calendario de execución do investimento, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes de inicio/mes de finalización).

-Incluirase, segundo o anexo III, declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública, indicando a súa contía; declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido pola delegación provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial en que conste tal circunstancia; copia compulsada

da licencia fiscal ou NIF/CIF e do imposto de actividades económicas (IAE).

-Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI.

Así mesmo, e co fin de leva-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse debidamente un exemplar do anexo II da presente orde, por cada tipo de actuación que se vai desenvolver, xuntándose por triplicado exemplar á solicitude.

Artigo 8º.-Emenda de erros.

Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de 10 días a partir do seguinte á recepción deste requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 9º.-Valoración dos proxectos.

Os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada unha das solicitudes, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos requisitos administrativos.

As solicitudes, acompañadas do dito informe, serán estudiadas por unha comisión técnica de valoración constituída polo director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa en quen delegue, sendo vocais os catro delegados provinciais da consellería ou xefes de servicio de xestión en quen deleguen, así como un subdirector e un xefe de servicios da dirección xeral, actuando este último como secretario.

Artigo 10º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión técnica de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a axuda, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A falta de resolución expresa no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Período subvencionable.

Considérase como período subvencionable, para os efectos da realización dos investimentos acollidos á presente orde, o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 1999.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da axuda, o beneficiario deberá ter realizado, antes do 15 de novembro deste ano, as actuacións que fosen obxecto de axuda, debendo presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio a documentación acreditativa de ter realizado o

investimento, que estará composta por tres exemplares dos seguintes documentos:

-Informe técnico no que se describa a realización do proxecto e/ou actuación e os datos e incidencias máis significativos producidos na súa execución.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación.

-Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase presentar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, etc. que se realizaran ou desenvolveran.

-Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de axuda e o recollido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Así mesmo, para as actuacións subvencionables recollidas na letra c) do artigo 5ª desta orde, cando a entrega do equipamento no presente exercicio esixira o pagamento de calquera tipo de anticipos no exercicio anterior, os ditos pagamentos consideraranse parte do investimento do presente exercicio.

Artigo 14º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de industria e Comercio antes do 15 de outubro deste ano. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio, ás ditas modificacións, requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

Artigo 15º.-Reducción e concorrencia de axudas.

No caso de que o investimento e/ou actuación realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto,

e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda deberá reducirse proporcionalmente.

Cando por concorrencia de axudas, o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá ó reintegro do exceso percibido á Administración Autonómica, conforme o establecido no artigo 16º desta orde, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, asi como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio