Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 26 de marzo de 1999 Páx. 3.454

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 12 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para as actuacións en materia de calidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

No mercado, cada vez máis globalizado e competitivo no que as empresas desenvolven a súa actividade, a calidade constitúe un dos factores clave para acada-la posición competitiva que estas necesitan e asegura-la súa permanencia nel.

É necesario que as empresas industriais adopten modernas técnicas de xestión empresarial que lles permitan acada-lo grao de desenvolvemento axeitado para competir nos diferentes mercados.

Coa finalidade de acada-los obxectivos, faise preciso impulsa-las actividades de certificación para que as empresas e entidades acaden os valores competitivos diferenciais que lles permitan afronta-los retos competitivos e garantan a súa supervivencia.

Dentro deste proceso para acada-los valores de competitividade é preciso demostra-la conformidade do producto cos requisitos do mercado, polo que as empresas acometen plans de calibración que permitan determina-la exactitude dos equipos de medida e a súa aptitude para acada-la precisión requirida.

Impulsa-las actuacións que permitan a identificación e valoración dos custos asociados á non calidade, co obxecto de poñer de manifesto as situacións de desaproveitamento dos recursos e aquelas accións encamiñadas á aplicación de ferramentas avanzadas dirixidas de forma sistemática, por medio da mellora continua á calidade total, convértese nunha necesidade prioritaria para o desenvolvemento da xestión empresarial.

Coa finalidade de impulsa-lo esforzo investidor que para as empresas e entidades representa o afronta-los novos retos competitivos, esta orde proporcionará axudas económicas para o desenvolvemento de actuacións en materia de calidade.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

É obxecto desta orde de convocatoria desenvolve-lo marco regulamentario das axudas, para o exercicio de 1999, co obxectivo de potencia-la cultura de calidade mediante a incentivación de actuacións conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Convócanse axudas para a calidade, con cargo á partida orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, 08.03.661-C.770.0 -Fomento da calidade industrial.

Artigo 3º.-Beneficiarios das axudas.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas por esta orde as empresas, as agrupacións ou asociacións de empresas e as entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Preferencia na concesión das axudas.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas terase en conta a tipoloxía da actuación, a súa localización, a súa contribución ó PIB e ó desenvolvemento local, o seu efecto multiplicador, a xeración de valor engadido mediante o peche de ciclos productivos a partir de materias primas ou productos autóctonos, a súa relación coas actividades de conglomerados industriais de empresas e, en xeral, o recollido no artigo 5 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Período subvencionable.

Considérase como período subvencionable, para os efectos da realización dos investimentos acollidos a esta orde, o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 1999.

Artigo 6º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou algunhas das accións que se indican a continuación:

a) Obtención da certificación correspondente á implantación de sistemas de xestión da calidade, de sistemas de xestión ambiental, de persoas ou de productos. Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos de certificación, da entidade certificadora acreditada polo organismo correspondente, derivados das auditorías, así como da concesión, tramitación, rexistro ou emisión dos certificados.

Para acceder a esta axuda será necesario que a data de concesión do certificado estea comprendida entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 1999. Non serán subvencionables os custos correspondentes á renovación de certificados.

b) Accións encamiñadas ó desenvolvemento de plans de calibración de equipos de medida co obxecto do aseguramento da trazabilidade e uniformidade dos resultados das medicións, incluíndo os instrumentos e patróns de medida, os materiais de referencia e aparellos auxiliares necesarios para as medicións.

Nesta alínea terán a consideración de investimento subvencionable a adquisición de patróns de medida necesarios para o desenvolvemento do plan de calibración, así como os custos externos da calibración dos equipos de medida, realizada por unha entidade independente acreditada polo organismo correspon

dente. Para a determinación da preferencia de estas axudas, ademais do recollido no artigo 4º desta orde, priorizaranse os plans de calibración vencellados a conglomerados industriais ou clusters de empresas (coa adhesión mínima de tres), así como a integración na relación entre empresas e organismos interface ou centros tecnolóxicos de apoio ó complexo empresarial.

c) Proxectos ou estudios de identificación e valoración de custos de non calidade. Consideraranse custos de non calidade tanto os debidos a fallos internos como externos, correspondentes a unha actividade, área ou proceso determinado.

Nesta alínea terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización, por parte de entidades de recoñecida experiencia nesta materia, dos citados proxectos ou estudios.

d) Accións que teñan por obxecto, dentro dun proceso sistemático, a aplicación de ferramentas avanzadas encamiñadas a un proceso de xestión da calidade total.

e) Proxectos concertados co obxecto de impulsa-las actuacións sectoriais encamiñadas á implantación de sistemas de xestión da calidade, incluída a certificación deles, optimizando os traballos e custos que para o colectivo de empresas implicado supón establecer unha acción concertada mediante a coordinación a través dunha asociación empresarial, entidade sen ánimo de lucro, empresa tractora e/ou centro tecnolóxico. Así, nos proxectos presentados polas empresas individuais acollidas ó concerto, poderán ser subvencionables, ademais dos custos de certificación segundo a alínea a) do artigo 6º, os custos vinculados a actuacións de consultoría de apoio.

Artigo 7º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable, sendo, ademais, de aplicación o seguinte:

Para as actuacións contidas na alínea a) e as relativas ós custos de certificación da alínea e), a axuda poderá acadar un máximo de 500.000 pesetas.

Para as actuacións comprendidas nas alíneas b), c) e as relativas á consultoría de apoio da alínea e), as axudas poderán ser como máximo de 500.000 pesetas por proxecto.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes de axuda dirixiranse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que

se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes presentaranse a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG, ata o 30 de abril de 1999 inclusive.

Presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Memoria explicativa do alcance dos proxectos e/ou actuacións que se van desenvolver, suficientemente detallada, na que se recollan, entre outros, os obxectivos do proxecto, a súa xustificación e vantaxes que achega, así como unha breve descrición da entidade solicitante e das súas principais actividades. Para as accións indicadas na alínea b) do artigo 6º desta orde, relativas ós plans de calibración, deberá presentarse a relación dos equipos de medida que se van calibrar indicando a súa data de calibración e a referencia ou identificación deles. Así mesmo, para as indicadas na alínea e) do devandito artigo, documento do centro coordinador da iniciativa onde se recolla o correspondente acordo, que constará de memoria de actuacións que se van desenvolver, alcance económico e empresas acollidas coa inclusión da solicitante.

-Orzamento desagregado do investimento e/ou actuación.

-Prazo de execución do investimento e/ou actuación, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto ou actuación, utilizando para iso un diagrama de Gantt.

-Incluirase, segundo o anexo III, declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevexa solicitar para o mesmo investimento en calquera institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e declaración de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido pola Delegación Provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

-Copia compulsada da licencia fiscal ou NIF/CIF e do Imposto de Actividades Económicas (IAE) e documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante xunto coa fotocopia do seu DNI.

Así mesmo, e co fin de poder leva-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse debidamente un exemplar do anexo II desta orde por cada unidade de actuación.

Toda a documentación deberá presentarse por triplicado, orixinais e/ou copias compulsadas.

Artigo 9º.-Emenda de erros e análise das solicitudes.

De conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai, se considerará desistido na súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Por cada expediente, os xefes do Servicio de Xestión das distintas unidades tramitadoras emitirán, como paso previo para procederen á súa valoración, un informe de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

As solicitudes, ás que se lles achegará o devandito informe, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa na que delegue, que a presidirá, actuando como vocais un subdirector e un xefe do Servicio da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e mailos catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou, no seu defecto, os xefes do Servicio de Xestión de cada delegación provincial. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio da dirección xeral.

Artigo 10º.-Concesión e aceptación das axudas.

Vista a proposta elevada pola comisión técnica, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial correspondente emitirá a resolución que proceda, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e ás que, se é o caso, se inclúan na resolución. Se, transcorridos os sinalados quince días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

A non resolución expresa no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Actuacións plurianuais.

No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro

e presupostario de Galicia, deberá presentarse, ademais, a documentación establecida no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

No caso de que estes prazos sufrisen calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 12º.-Xustificación das axudas.

O beneficiario deberá realiza-lo investimento que foi obxecto da subvención ó longo do período subvencionable, sinalado no artigo 5º desta orde.

O prazo para a presentación da documentación xustificativa da realización do investimento rematará o día 15 de novembro de 1999.

Esta documentación xustificativa, que se presentará na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, deberá estar composta polos seguintes documentos:

-Informe técnico no que se describa a realización dos proxectos e/ou as actuacións e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución, suficientemente detallada. Ademais, para as actuacións acollidas ás alíneas a), b) e as relativas ós custos de certificación da alínea e) do artigo 6º, deberá presentarse copia dos certificados que se obtivesen. Para todas aquelas actuacións recollidas nas alíneas c), d) e as relativas á consultoría de apoio da alínea e) do devandito artigo, deberá presentarse unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, plans, documentos, etc., que se realizasen ou desenvolvesen.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación.

-Declaración de axudas solicitadas e certificación das obtidas para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto,

coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no Imposto sobre Actividades Económicas.

-No caso de tratarse dunha subvención plurianual, xustificante acreditativo da constitución por tempo indefinido de aval bancario (ou de entidade aseguradora) que garanta o importe da anualidade da que se estea a tramita-lo seu pagamento así como dos seus correspondentes xuros de demora (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea nese momento vixente) por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades.

-Calquera outros documentos que se requiran na resolución particular de concesión da subvención.

Esta documentación deberase presentar por triplicado, orixinais e/ou copias compulsadas.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

O libramento da subvención terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analicen a documentación xustificativa do investimento e/ou a actuación e certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención.

Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionadas.

Artigo 14º.-Modificación do proxecto subvencionado.

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do investimento ou a súa implicación con outros procesos e/ou procedementos implantados ou que se van implantar, se varíe o contido específico da tipoloxía dos proxectos ou actuacións recollidas na solicitude e que incidan no investimento subvencionado, o beneficiario deberá, previamente á súa materialización, comunica-las correspondentes modificacións solicitándolle a conformidade á Consellería de Industria e Comercio. E a súa autorización, se as devanditas modificacións non alteran significativamente o obxectivo inicial do investimento, requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas.

Artigo 15º.-Reducción e concorrencia de axudas.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta reducción non supoña unha realización deficiente do proxecto ou actuación, a axuda deberá minorarse proporcionalmente.

Cando por concorrencia de axudas, o importe total subvencionado exceda dos límites máximos estable

cidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, conforme o establecido no artigo 16º, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 16º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas nesta orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a comisión e o tribunal de contas das comunidades europeas, no suposto do cofinanzamento con fondos europeos.

Artigo 17º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio