Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 26 de marzo de 1999 Páx. 3.461

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 8 de marzo de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a adaptación, reparación e conservación de centros de saúde.

O Servicio Galego de Saúde, consciente da importacia que no ámbito da sanidade teñen os centros de saúde, dirixidos a mellora-la atención dos cidadáns, e co obxecto de colaborar e promociona-la mellora e conservación destes, que deben conservar e mante-las corporacións locais galegas, dado que forman parte do seu patrimonio, vén establecendo anualmente subvencións de capital con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Neste sentido, a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999 inclúe a oportuna consignación para a finalidade sinalada.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade a teor do sinalado no artigo 78.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o que esixe a realización da correspondente orde reguladora, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Servicio Galego de Saúde poderá concederlles subvencións, ata o límite sinalado na correspondente partida orzamentaria, ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia para actuacións de reparación e conservación de centros de saúde que teñan carácter de investimento, quedando excluídos, en consecuencia, os gastos correntes.

Artigo 2º

O obxectivo da subvención é incentiva-la iniciativa local na execución de proxectos que complementen os programas de construcción, adaptación, reparación e fornecemento de centros de saúde.

Artigo 3º

1. Poderán ser beneficiarios dunha subvención as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ó seu cargo o mantemento e a conservación de centros de saúde.

2. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se une como anexo a esta orde, e a ela achegaranse os seguintes documentos:

Memoria descritiva dos investimentos que haxa que realizar.

Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

Certificación do acordo adoptado polo órgano municipal competente, que aprobe a solicitude de subvención.

3. As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral do Servicio Galego de Saúde (edificio administrativo San Caetano, bloque 2, 2ª planta en Santiago de Compostela), nas súas direccións provinciais, ou por calquera do procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

4. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

Os acordos de concesión de subvencións serán adoptados polo presidente do Servicio Galego de Saúde por proposta do director xeral da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

Para as resolucións pertinentes teranse en conta os seguintes criterios:

-Necesidade e rendibilidade do proxecto, en función dos índices asistenciais do centro.

-Contía total do proxecto e, se é o caso, porcentaxe de participación no seu custo da entidade solicitante.

-Situación sanitaria e necesidades existentes na zona de influencia do centro destinatario da subvención.

Artigo 5º

Os concellos ós que se lles outorgue unha subvención ó abeiro do disposto nesta orde estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, e á súa xustificación, antes do 30 de outubro de 1999, mediante certificación expedida polo secretario do concello (co visto e prace do alcalde-presidente) na que se fará consta-la realización e conclusión da acción, a contía do gasto realizado, así como a súa aprobación polo órgano municipal competente.

A dita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Estes prazos poderán ser ampliados por causas debidamente xustificadas por resolución do presidente do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 6º

A División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias coa finalidade de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos dos acordos con base nos cales se concederon as subvencións.

Artigo 7º

1. As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a citada división para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

Artigo 8º

As obrigas económicas que se deriven da aplicación desta orde satisfaranse con cargo á aplicación 50.01.2121.760.0, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 ata

o total do seu importe, así como doutros créditos que no futuro se consignen para tal finalidade.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleriro de Sanidade e Servicios Sociais