Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 24 de marzo de 1999 Páx. 3.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 10 de marzo de 1999 pola que se declara a alienabilidade de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Irixoa, Mugardos, Sada, Trazo, Vilasantar e Monterrei.

Polos decretos 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), e 233/1998, do 30 de xullo (DOG nº 154, do 11 de agosto) desafectáronse, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Irixoa, Mugardos, Sada, Trazo, Vilasantar e Monterrei.

Unha vez obtida a inscrición nos correspondentes rexistros da propiedade dos ditos bens inmobles a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e artigo 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-lo tráfico destes bens patrimoniais.

En virtude do anteriormente exposto, tendo en conta a proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, e logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen a continuación:

1. Edificio de planta baixa de 121 m construídos sobre un terreo chamado Agro do Pazo, no lugar e municipio de Irixoa (A Coruña), hoxe rúa Pazo de Irixoa nº 18, cunha superficie de 256 m. Linda: norte, máis de Tomás López Vázquez; sur, predio de Ramón Parga Rodríguez; leste, camiño; e oeste, Ramón Parga Rodríguez.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos no tomo 1.456, libro 72, folio 90, predio nº 5.757, inscrición 3ª.

2. Soar no sitio de Silveiro, parroquia de Franza, hoxe Avda. Francisco Vizoso, nº 5, no municipio de Mugardos (A Coruña), cunha superficie aproximada de dous ferrados e medio ou 1.370 m. Sobre esta parcela construíuse un edificio de planta baixa de 150 m aproximadamente, dedicado a almacén

e oficinas. Linda o conxunto: norte, Camiño dos Olmos; sur, estrada de Mugardos a Cabanas; leste, Antonio Vara Carpente; e oeste, Ricardo Vizoso Cancela.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 667, libro 72, folio 224, predio nº 5.387, inscrición 4ª.

3. Campo inculto que se atopa entre camiños sito no lugar de Riobao, municipio de Sada (A Coruña), cunha superficie de 691 m. Linda: norte, sur e leste, camiño que de Riobao vai a Sada de Arriba; e oeste, camiño de Riobao a Sada. Sobre este terreo construíuse un edificio de planta baixa de 140 m aproximadamente, dedicado a oficinas e almacén, que ten na súa parte posterior unha caseta anexa. Linda por tódolos seus ventos co predio sobre o que se asenta.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos no tomo 1470, libro 209, folio 46, predio nº 7.806, inscrición 3ª.

4. Edificio de planta baixa de 140 m e alta de 90 m, dedicado a almacén e oficinas, que ocupa a totalidade do soar sobre o que se asenta, no lugar de Viaño Pequeno, parroquia de Campo, municipio de Trazo (A Coruña). Linda: norte ou dereita entrando, terreo de Antonio Pena Louzao e Manuela Ramas Otero; sur, propiedade de Antonio Andrade Veiras, con casa; leste ou fronte, estrada, nunha liña de 7 m.; e oeste ou fondo, Antonio Pena e Manuela Ramas Otero.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 617, libro 46, folio 128, predio nº 4.654, inscrición 3ª.

5. Edificio de dúas alturas, baixa e primeira, que ocupa 100 m por planta, encravado nun terreo no lugar de Foro, parroquia de Présaras, municipio de Vilasantar (A Coruña), de forma triangular cunha superficie de 275 m en total, repartidos en 18,2 m de fronte á estrada e un lado unha estrema perpendicular de 30,3 m. Linda: fronte-norte, estrada de Betanzos á Agolada; esquerda entrando, leste, monte de Silvestre Guerra; dereita-oeste, Jesús Sánchez Raposo; e fondo ou sur, remata en punta.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 551, libro 26, folio 35, predio nº 461, inscrición 5ª.

6. Edificio de planta baixa e alta, que se asenta sobre un predio de 520 m, da que ocupa 50 m, no lugar chamado O Ranto, no sitio de Vilaza, termo municipal de Monterrei (Ourense). Linda: norte, Mariano Feijoo; sur, Mariano Sandoval; leste, río; e oeste, estrada de Vilaza a Albarellos.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Verín no tomo 699, libro 124, folio 10, predio nº 14.233, inscrición 2ª.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 1999.

(P.D. Orde 13-12-1993)

Emilio Álvarez Rey

Secretario xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda