Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 24 de marzo de 1999 Páx. 3.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 64/1999, do 11 de marzo, polo que se desafecta do dominio público unha parcela que integra o inmoble onde se sitúa o Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova, situado na rúa Ramón y Cajal, s/n, no polígono de Esteiro, termo municipal de Ferrol (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, ostenta a titularidade do inmoble denominado Instituto de Bacharelato Camilo Alonso, na actualidade coñecido como Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova, situado na rúa Ramón y Cajal, s/n, no polígono de Esteiro, termo municipal de Ferrol (A Coruña).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) solicitou á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a cesión dunha parcela de terreo que forma parte do dito inmoble e estrema coa parcela 28 A do polígono de Esteiro, e que resulta necesaria para a urbanización da dita parcela 28 A.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ten na actualidade adscrito o inmoble, emitiu informe favorable da cesión solicitada, o que implica, á vista do disposto no artigo 24 de Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio

da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do devandito inmoble.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

A alínea segunda do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da Consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desáfectase do dominio público unha parcela de 171,42 m do inmoble onde se sitúa o Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova situado na rúa Ramón y Cajal, s/n, no polígono de Esteiro, termo municipal de Ferrol (A Coruña), e que se describe como segue:

«Parcela de forma triangular, na parte posterior da franxa de edificación futura na Avda. de Esteiro, que estrema ó norte, en liña recta de 47 metros aproximadamente, co resto do terreo ocupado polo Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova; ó sur, en liña recta de 46 metros aproximadamente, coa parcela 28 A do Polígono de Esteiro (Ferrol); ó leste, en liña recta de 8 metros aproximadamente coa dita parcela 28 A.».

Artigo 2º

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de

marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda