Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 23 de marzo de 1999 Páx. 3.307

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 1999, do Servicio de Desenvolvemento Rural de Pontevedra, pola que se anuncia a aprobación e publicación das bases definitivas da zona de concentración parcelaria de Ribela (A Estrada-Pontevedra).

O xefe do Servicio de Desenvolvemento Rural de Pontevedra pon en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Ribela (A Estrada-Pontevedra), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto Orde do 15 de novembro de 1972 (BOE nº 289, do 2 de decembro), que a xunta local da zona, na súa reunión do 24 de febreiro de 1999, aprobou as bases definitivas de concentración. As mencionadas bases estarán expostas ó público no local da casa do Concello da Estrada e nos lugares de costume da zona durante un prazo de trinta días, contados a partir do seguinte a aquel en que sexa publicado o último dos avisos que corresponde facer no Diario Oficial de Galicia, no BOP, no xornal de máis circulación da zona e no taboleiro de anuncios da casa do concello, de conformidade co que determina a Lei de concentración parcelaria para Galicia (artigo 36).

Os documentos que se poden examinar refírense á determinación do perímetro (colección de planos cos predios incluídos e excluídos e relación destes), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes, que servirán de base para face-las compensacións que sexan necesarias, e a determinación dos propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas das que se declara formalmente a súa titularidade.

Contra estas bases, os interesados poden interpoñer, por si mesmos ou por representación, recurso de alzada ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro dos trinta días sinalados. Os recursos pódense presentar no rexistro da Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria sito na rúa Benito Corbal, 47, 4º, de Pontevedra, no rexistro xeral da consellería sito no edificio administrativo de San Caetano, s/n, de Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No escrito de recurso deberán expresar un domicilio dentro do termo municipal para facérlle-las notificacións que procedan, e, se é o caso, a persoa residente nel a quen teñan que facérselle as notificacións.

Pontevedra, 24 de febreiro de 1999.

Miguel Ángel Pérez Dubois

Xefe do Servicio de Desenvolvemento Rural

de Pontevedra