Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Xoves, 18 de marzo de 1999 Páx. 3.169

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO.

En virtude das atribucións que me outorga a lexilación vixente en materia de réxime local resolvo:

Convoca-las probas selectivas para cubir polo sistema de concurso oposición libre para a contratación de: técnico en educación física, 1 praza.

Bases da convocatoria

I. Obxecto da convocatoria.

A provisión dunha praza vacante no cadro de persoal laboral do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, que se vai cubrir por concurso oposición libre, que se acorda ofertar a través de convocatoria pública e que é a seguinte:

-Técnico en educación física: 1 praza. Equiparado ó grupo A, cun complemento de destino 26 e un complemento específico 11.

II. Natureza e características.

Laboral fixo do organismo autónomo do Concello de Vigo Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

III. Publicidade das convocatorias.

A convocatoria xunto coas súas bases publicaranse no BOP, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro

de edictos da casa do concello, sen prexuízo da publicación do seu anuncio no BOE e na prensa local.

IV. Condicións dos e das aspirantes.

a) Ser español/a.

Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea poderán acceder en idénticas condicións cás dos españois a aqueles sectores da función pública ós que, segundo o dereito comunitario, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

As reservas a aspirantes de nacionalidade española deberán estar motivadas en estar relacionadas específicas e directamente co exercicio do poder público e farase constar expresamente en cada convocatoria específica.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade e non exceder de 55, salvo que por disposición legal ou regulamentaria se estableza outra idade de xubilación distinta dos 65 anos ou unha idade máxima distinta para o ingreso, o que se fará constar nas bases específicas.

c) Estar en posesión da titulación de licenciado en educación física ou ciencias da actividade física e o deporte.

No caso de equivalencia ou homologación deberá xustificarse con certificado expedido polo organismo competente para establecelas.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desenvolvemento das funcións do cargo, sen prexuízo de que sexan admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cós demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas salvo que veñan establecidas por lei ou que sexan incompatibles co desenvolvemento das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou períodos de prácticas se estivesen previstos, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización. Os interesados deberán formula-la correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para resolver, os tribunais poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos competentes da Administración laboral ou sanitaria da Xunta de Galicia.

e) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración local, nin atoparse inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas.

f) Non atoparse incurso/a en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente.

g) Carta de pagamento acreditativa de ter ingresado na tesourería do Instituto Municipal dos Deportes, en concepto de dereitos de exame, a cantidade de 4.120 ptas. para praza do grupo A.

h) Calquera outro requisito que se fixe nas bases específicas desta convocatoria.

V. Forma de presentación da documentación que hai que xuntar para a fase de concurso.

Os aspirantes deberán presentar, xunto coa solicitude e, en todo caso, antes da finalización do prazo de presentación de instancias, a documentación acreditativa dos méritos que aleguen dos establecidos no correspondente baremo, a través de orixinal ou copia compulsada.

Para a xustificación dos méritos o/a aspirante que deba achegar documentación proveniente doutros organismos oficiais que non lla facilitasen antes da finalización do prazo de presentación de instancias, deberá aportar no devandito prazo a correspondente solicitude ou copia compulsada, xunto cunha declaracion comprometéndose a presentala nos dous días seguintes a aquel no que lle fose expedida. En todo caso non procederá a súa valoración se non fose achegada antes da data de celebración da sesión de valoración do concurso.

O tribunal poderá solicitar que se complete ou aclare a documentación presentada para xustifica-los méritos alegados, pero non pedir nova documentación para acreditar méritos soamente alegados.

Como excepción se o mérito que se alega é ter prestado servicios no Concello de Vigo, bastará con facelo constar en declaración xurada que se achegará xunto coa solicitude e na que figure a data ou datas de inicio e finalización dos servicios ó concello e ó departamento, servicio ou unidade na que se prestaron. No caso contrario deberase achega-la correspondente certificación de servicios prestados por parte do aspirante.

VI. Presentación de solicitudes.

As instancias dirixiranse ó presidente do Consello de Administración do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, e presentaranse no Rexistro do IMD, Avda. Castrelos nº 1 en Vigo, no prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que apareza o anuncio da convocatoria no BOE.

As instancias tamén poderán presentarse nas demais formas que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

No Rexistro do IMD facilitaranse modelos normalizados das devanditas instancias.

VII. Admisión.

Rematado o prazo de presentación de instancias a presidencia do IMD dictará resolución no prazo máximo dun mes, na que se aprobe a lista de aspirantes admitidos/as e excluídos/as cos motivos da exclusión, así como o lugar e data de realización das probas e a designación do tribunal cualificador.

A resolución publicarase no BOP e no taboleiro de edictos da corporación, e conterá a indicación de que as listas certificadas completas de admitidos e excluídos se encontran expostas ó público no taboleiro de edictos da corporación xunto coa composición do tribunal cualificador, concedéndose un prazo de 10 días, a partir do seguinte ó da publicación da resolución no BOP para a corrección por parte de quen fose excluído/a, dos defectos a que alude o Art. 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e a abstención e recusación dos membros dos tribunais. A publicación da dita resolución no BOP será determinante, así mesmo, para efectos de posibles impugnacións e recursos, de conformidade co previsto na invocada lei.

A dita lista elevarase a definitiva polo transcurso do prazo de reclamacións, se non as houbese; no caso contrario exporase de novo a lista definitiva, no mesmo lugar que a provisional, así como a resolución das solicitudes de abstención ou recusación, sen necesidade de novo anuncio nos diarios oficiais, nun prazo máximo dun mes a partir da finalización do prazo de reclamacións.

VIII. Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador estará integrado polos seguintes membros:

-Presidente: o da corporación, suplente o presidente do IMD.

-Secretario: o secretario xeral do concello, suplente o secretario delegado no IMD.

-Vocais: dous membros designados polo Consello de Administración do IMD. Catro representantes dos delegados de persoal do IMD e o director deportivo do IMD.

Xunto cos titulares designaranse os respectivos suplentes.

Tódolos membros do tribunal contarán con voz e voto, agás o secretario/a, que só contará con voz.

O tribunal poderá autoriza-la presencia dun asesor/a, con voz e sen voto.

O tribunal non poderá declarar que superaron as probas un número de aspirantes superior ó de postos convocados.

Tódolos membros do tribunal deberán contar con titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza, agás o presidente, ou estar integrados/as no grupo de titulación que corresponda a aquela.

Tódalas actuacións do tribunal publicaranse no taboleiro de edictos da corporación e no de anuncios do lugar onde se leven a cabo as probas.

Os membros do tribunal e os asesores que poida designar aquel, que asistan ás sesións, percibirán axudas de custo por asistencia na contía legalmente establecida.

Para tal efecto as categorías dos tribunais serán as seguintes:

A correspondentes a selección de funcionarios/as do grupo A.

IX. Contratación.

Unha vez aprobada a proposta polo órgano competente, notificaráselles ós/ás interesados/as para que subscriban os seus contratos laborais-fixos no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación do acordo.

Quen non o subscriba no citado prazo perderá o dereito a acceder ó posto de traballo.

Previamente deberán ter presentada na oficina de persoal toda a documentación esixida na base IV en relación coa XII, no prazo máximo de 20 días naturais contados a partir da publicación da lista de aspirantes aprobados/as no taboleiro de anuncios. No contrato farase consta-la manifestación da persoa interesada de non estar desempeñando ningún posto ou actividade no sector público, e que non realiza actividade privada remunerada, así como non atoparse percibindo pensión de xubilación, retiro ou orfandade por dereitos pasivos de calquera réxime da Seguridade Social público e obrigatorio.

X. Comezo dos exercicios.

O comezo dos exercicios deberá anunciarse con 15 días de antelación no BOP e no taboleiro de edictos da corporación. A data de inicio das probas atrasarase para cumpri-lo mentado prazo, se fose preciso.

Os exercicios e as probas practicaranse en chamamento único.

Nos concursos-oposicións comezarase pola fase de concurso, reuníndose o tribunal coa antelación necesaria para que se cumpra a data dos exercicios e probas.

A cualificación da fase de concurso e dos exercicios da oposición así como a relación de aprobados por orde de puntuación, publicaranse no taboleiro de edictos e no de anuncios do lugar onde se realicen.

XI. Sistemas de selección.

Establécese o concurso-oposición.

1. Fase de concurso:

Para a cualificación da fase de concurso rexerá o seguinte baremo de méritos.

a) Coñecemento e experiencia profesional:

Valorarase con 0,20 puntos por mes, ata un máximo de 2 puntos. Deberase acreditar que corresponden a funcións propias da praza á que se aspira, e acreditaranse con certificación de servicios prestados expedida polo organismo oficial no que se prestaron; ou con contrato de traballo inscrito no INEM e certificación da Seguridade Social se os servicios se prestaron en empresas privadas, nos que se poda comprobar que as funcións ou tarefas realizadas se corresponden coa da praza.

b) Por participación en cursos impartidos polo Instituto de Estudios da Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública ou o concello dentro do seu labor formativo, ben directamente ou a través de empresas ou organismos autorizados, sempre que o certificado de asistencia o expida o concello.

-Por cada curso de 60 horas de duración, ou no seu defecto 10 xornadas como mínimo: 0,60 puntos.

-Por cada curso entre 30 e 59 horas de duración ou no seu defecto de 5 a 9 xornadas: 0,40 puntos.

-Por cada curso entre 10 e 29 horas de duración ou no seu defecto entre 2 e 4 xornadas: 0,20 puntos.

-Por cada curso no que non se especifique a duración: 0,10 puntos.

A puntuación máxima por este apartado non poderá exceder de 2 puntos.

c) Titulacións ou certificados de estudios que teñan relación coas funcións da praza.

-Por cada título ou certificado de estudios expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia, excluído o necesario para o acceso á praza e os que serviron para obte-los superiores que se alegan como mérito: 1 punto, se son superiores ós do grupo de titulación da praza; 0,50 puntos se son do mesmo nivel.

-Por cada título ou certificado de estudios expedido por outros organismos oficiais cos mesmos requisitos anteriores: 0,50 puntos.

Deberá acreditarse de maneira que faga fe que a duración dos estudios necesarios para obte-lo título ou certificado académico é como mínimo dun curso académico ou, no seu defecto, de nove meses.

A puntuación por este apartado non poderá exceder de 2 puntos.

2. Fase de oposición.

A fase de oposición constará de 2 exercicios, un teórico e outro práctico.

O exercicio teórico realizarase con carácter xeral por escrito. Así mesmo, o tribunal poderá acorda-la lectura dos exercicios polos/as aspirantes unha vez finalizada a súa realización, sempre en sesión pública.

A forma de practicarse o exercicio será acordada polo tribunal en cada caso en función das características da praza e o previsto nas bases específicas de cada convocatoria.

No exercicio práctico o tribunal poderá propoñe-los casos prácticos que se sinalen nas bases específicas de cada convocatoria, sempre relacionados coas materias do temario específico, e de acordo con eles establece-la súa duración, sen prexuízo do que poida establecerse nas bases específicas.

A solución dos casos prácticos, ou cando menos os criterios para a súa valoración deberán ser fixados polo tribunal antes de iniciarse o exame e constar na correspondente acta.

Ademais practicarase unha proba de coñecemento de idioma galego, que fixará o tribunal atendendo á categoría e funcións da praza, sen prexuízo do establecido regulamentariamente ou nas bases específicas de cada convocatoria

Os exercicios teórico e práctico cualificaranse cun máximo de 10 puntos cada un, quedando eliminado o aspirante que non obteña un mínimo de 5 puntos en cada un deles.

A proba de coñecemento de idioma galego cualificarase cun máximo de 2 puntos.

A/O aspirante que non obtivese 1 punto como mínimo nesta proba deberá participar no primeiro curso de idioma galego que celebre o concello, co fin de obte-la debida capacitación.

A puntuación obtida polo/a aspirante na fase de concurso non poderá exceder do 40% do total que obtivese na dita fase de concurso e en tódolos exercicios da oposición, rebaixándose cando fose preciso para non exceder do dito tope.

A suma das puntuacións obtidas na fase de concurso co límite máximo do 40% da puntuación total, nos exercicios da oposición e nas probas de coñecemento do idioma galego, suporá a puntuación total da proba selectiva, que servirá para elabora-la relación de aprobados por orde de puntuación.

A puntuación de cada aspirante nos diferentes exercicios será a media aritmética das cualificacións de tódolos membros do tribunal asistentes á sesión. Non se valorará a puntuación máis alta e a máis baixa (só unha delas en caso de empate), sempre que entre elas exista unha diferencia de 3 puntos ou máis.

O número de temas será de 92.

No temario deberán figura-los temas a que fai referencia o R.D. 896/1991, do 7 de xuño.

Se os exames non foran corrixidos ó remate da proba, introduciranse nun sobre que se pechará e selará, asinando sobre o precinto tódolos membros do tribunal presentes, así como o mesmo número de aspirantes elixidos ó chou. O sobre quedará baixo a custodia do secretario/a para a súa apertura ó inicio da sesión na que se corrixan.

Os membros do tribunal só poderán cualifica-los exames daqueles aspirantes ós que lles corrixiran o exame, ou presenciaran a súa lectura, se é o caso.

No caso de empate, o desempate resolverase a favor do/a aspirante con maior puntuación na fase de oposición; de persisti-lo empate polo que obtivese maior puntuación polo apartado de coñecementos ou experiencia profesional; se seguira persistindo o empate, resolverase a favor do/a de maior idade.

XII. Calendario preciso para a realización das probas.

Para o seu inicio haberá que se ater ó disposto na base X.

Entre a celebración de cada un dos exercicios da oposición (excluídos os non eliminatorios), deberá transcorrer un mínimo de 48 horas e un máximo de 40 días.

XIII. Contratación.

Unha vez aprobada a proposta polo órgano competente, notificaráselles ós/ás interesados/as para que subscriban os seus contratos laborais-fixos no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación do acordo.

Quen non o subscriba no citado prazo perderá o dereito a acceder ó posto de traballo.

Previamente deberán ter presentada no IMD, toda a documentación esixida na base IV, no prazo máximo de 20 días naturais contados a partir da publicación da lista de aspirantes aprobados/as no taboleiro de anuncios.

No contrato farase consta-la manifestación da persoa interesada de non estar desempeñando ningún posto ou actividade no sector público, e que non realiza actividade privada remunerada, así como non atoparse percibindo pensión de xubilación, retiro ou orfandade por dereitos pasivos de calquera réxime da Seguridade Social público e obrigatorio.

XIV. Incidencias.

As convocatorias e as súas bases e cantos actos administrativos se deriven destas e da actuación dos tribunais poderán ser impugnadas polas e polos interesados nos casos, termos e forma que prevé a Lei de procedemento administrativo.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde da selección.

ANEXO

Técnico en educación física

I. Número de prazas: 1.

II. Características.

Equiparada ó grupo A; escala, Administración especial; subescala, técnica; clase, superior. Estarán dotadas coas retribucións básicas que legalmente corresponden ó grupo A, e as complementarias seguintes CD 26 e CE 11.

Figurará incluída no réxime de dedicación exclusiva.

III. Sistema de selección.

Establécese o de concurso-oposición co baremo previsto para a fase de concurso nas bases xerais.

IV. Condicións dos aspirantes.

Ademais das que figuran na base IV das xerais, os aspirantes deberán estar en posesión do título de licenciado en educación física ou licenciado en ciencias da actividade física e do deporte.

V. Exercicios da oposición.

Constará de dous exercicios un teórico e outro práctico. Ademais dunha proba de coñecemento do idioma galego, consonte co previsto na base XI das xerais.

Primeiro exercicio. De carácter obrigatorio e eliminatorio.

Consistirá en contestar por escrito durante un tempo máximo de 2 horas a 4 temas elixidos ó chou, dos que figuran como anexo a estas bases, un dos temas corresponderá ó temario común e os outros tres ó temario específico.

Segundo exercicio. De carácter igualmente obrigatorio e eliminatorio.

Consistirá en desenvolver por escrito dous supostos prácticos de conformidade co previsto na base XI das xerais.

Terceiro exercicio. De carácter obrigatorio e non eliminatorio.

Consistirá na proba de coñecemento de idioma galego que se realizará conforme o previsto na base XI das xerais.

A cualificación de cada exercicio e a final farase de conformidade co previsto na base XI das xerais.

ANEXO TEMARIO

Temas comúns.

Tema 1. A Constitución española de 1978: principios xerais e estructura.

Tema 2. O Estatuto de autonomía de Galicia: principios xerais e estructura.

Tema 3. Os poderes do Estado. A división de poderes. A coroa.

Tema 4. Principios de actuación da Administración pública: eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación.

Tema 5. Formas de actuación administrativa: fomento, policía e servicio público.

Tema 6. A Administración do Estado no ordenamento español: estructura e funcións. A Administración periférica. A Administración institucional e corporativa.

Tema 7. A Unión Europea: nacemento e fase da súa evolución. Exame xeral da Acta de Adhesión de España á Unión Europea. Tratado da Unión Europea.

Tema 8. O ordenamento xurídico comunitario. As súas fontes. Relación co dereito interno dos estados. As liberdades básicas do sistema comunitario, libre circulación de mercadorías, de persoas, de servicios e de capitais.

Tema 9. As institucións da Unión Europea. Órganos executivos e os seus poderes. O Consello de Ministros. A Comisión. O Parlamento Europeo: composición e atribucións. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Tema 10. A Xunta de Galicia e o seu presidente. O Parlamento de Galicia. Control parlamentario da acción do Goberno. O Valedor do Pobo.

Tema 11. A Administración pública da Comunidade Autónoma. Estructura e funcións. A Administración periférica.

Tema 12. O municipio. O termo municipal. A poboación. Consideración especial do veciño. O empadroamento.

Tema 13. Organización municipal.

Tema 14. Competencias municipais.

Tema 15. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos locais. Faltas e sancións. O procedemento disciplinario.

Tema 16. O procedemento administrativo local. O rexistro de entrada e saída de documentos. Requisitos da presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 17. Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria e orde do día. Actas e certificados dos acordos.

Tema 18. Ordenanzas e regulamentos. Procedemento de elaboración. Os bandos.

Temas específicos.

Tema 19. O deporte en idade escolar. Desenvolvemento da actividade deportiva escolar. O deporte en idade escolar no currículo de educación física.

Tema 20. O deporte en idade escolar en Galicia: evolución, organización e características.

Tema 21. A animación deportiva: aspectos xerais, análise histórica, principais tendencias.

Tema 22. Os programas de animación deportiva: concepto, aspectos metodolóxicos, avaliación.

Tema 23. Competencias das administracións públicas en materia de educación física e deportes.

Tema 24. O organismo autónomo municipal de deportes: órganos de goberno, competencias.

Tema 25. Formas de xestión dos servicios deportivos municipais.

Tema 26. A xestión directa dos servicios deportivos municipais.

Tema 27. A xestión indirecta dos servicios deportivos municipais.

Tema 28. Planificación e dirección de intalacións deportivas municipais. Principios xerais.

Tema 29. Os programas deportivos municipais: clasificación, características.

Tema 30. A acción de fomento nun servicio deportivo: as subvencións, os convenios, características, lexislación de aplicación.

Tema 31. A actividade física para adultos: principais programas de intervención.

Tema 32. A actividade física infantil: principais programas de intervención.

Tema 33. A actividade física en 3º idade: principais programas de intervención.

Tema 34. A actividade física especial: físicos e psíquicos.

Tema 35. O deporte nos físicos e psíquicos: características da actividade, regulamentos.

Tema 36. A condición física na 3º idade: cualidades físicas básicas, evolución.

Tema 37. A condición perceptivo motriz na 3º idade: capacidades perceptivo motrices. Evolución.

Tema 38. Organización de probas populares.

Tema 39. O sistema de punto deporte: os organizadores, as instalacións, os deportistas.

Tema 40. O deporte universitario en Galicia: organización, programas actuais, os servicios deportivos universitarios.

Tema 41. O deporte para todos en España: análise histórica, evolución.

Tema 42. A organización do deporte para todos en España.

Tema 43. O Consello Superior de Deportes.

Tema 44. As titulacións universitarias deportivas en España: os INEFs, a especialidad en educación física.

Tema 45. A actividade física no medio natural: análise histórica, principais tendencias, a actividade física no medio natural nos países da Unión Europea.

Tema 46. As actividades na natureza: clasificación, características.

Tema 47. A programación de organización de actividades na natureza: o cross de orientación, aspectos técnicos.

Tema 48. Os deportes alternativos.

Tema 49. Os xogos deportivos municipais: estructura e organización.

Tema 50. Habilidade e proceso de aprendizaxe no deporte.

Tema 51. Os distintos mecanismos da actividade motriz: mecanismo perceptivo, mecanismo de decisión, mecanismo efector.

Tema 52. Principios metodolóxicos do acondicionamento físico: bases didácticas.

Tema 53. A resistencia: consideracións teóricas, medios e metodoloxía.

Tema 54. A forza: consideracións teóricas, medios e metodoloxía.

Tema 55. A velocidade: consideracións teóricas, medios e metodoloxía.

Tema 56. A flexibilidade: consideracións teóricas, medios e metodoloxía.

Tema 57. Sistemas de adestramento da forza.

Tema 58. Sistemas de adestramento da resistencia.

Tema 59. Sistemas de adestramento da velocidade.

Tema 60. Sistemas de adestramento da flexibilidade.

Tema 61. As escolas deportivas municipais: estructura e organización.

Tema 62. As instalacións deportivas cubertas: clasificación e características.

Tema 63. As instalacións deportivas descubertas: clasificación e características.

Tema 64. As piscinas de uso público: tipoloxía, principais elementos.

Tema 65. Piscinas: tratamento físico químico da auga.

Tema 66. Programas deportivos en piscinas muncipais: infantís, adultos, 3º idade. Obxectivos e metodoloxía.

Tema 67. Piscinas municipais: Regulamento sanitario de piscinas de uso colectivo.

Tema 68. Pavimentos deportivos: aspectos xerais, clasificación.

Tema 69. Os pavimentos deportivos nas instalacións cubertas.

Tema 70. Os pavimentos deportivos nas instalacións ó aire libre.

Tema 71. As salas de musculación: as máquinas de musculación, tipos de máquinas de musculación, características, clasificación.

Tema 72. Mantemento das instalacións deportivas.

Tema 73. A recreación: tempo de lecer e exercicio físico.

Tema 74. Os deportes individuais: características, aspectos técnicos, didáctica aplicada.

Tema 75. Os deportes de adversario: características, aspectos técnicos e tácticos, didáctica aplicada.

Tema 76. Os deportes colectivos: características, aspectos técnicos e tácticos, didáctica aplicada.

Tema 77. As titulacións técnico deportivas: finalidade e organización, estructura do ensino, especialidades deportivas.

Tema 78. Sociedades anónimas deportivas, administración das SAD.

Tema 79. As fundacións das sociedades anónimas deportivas: características, intervención na promoción do deporte.

Tema 80. Os entes de promoción deportiva : constitución, réxime e funcionamento

Tema 81. O clubs deportivos: constitución, réxime e funcionamento.

Tema 82. As federaciós deportivas: constitución, réxime e funcionamento.

Tema 83. A Lei galega do deporte: principios e contido.

Tema 84. O Consello Superior de Deportes: órganos rectores, estructura órganica.

Tema 85. A Lei española do deporte: principios e contido.

Tema 86. O Comité Olímpico Español: estructura orgánica, competencias.

Tema 87. O asociacionismo deportivo en Galicia, o Rexistro de Entidades Deportivas e Deportistas de Galicia.

Tema 88. A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia: estructura orgánica, a Subdirección Xeral de Deportes.

Tema 89. O deporte en Europa: O Consello de Europa (Clearing House), a carta europea do deporte para todos.

Tema 90. O censo nacional de instalacións: antecedentes, sistemática e tratamento da información.

Tema 91. O rendemento deportivo: os centros de tecnificación deportiva.

Tema 92. O Comité Galego de Xustiza Deportiva: composición, funcións e competencias.

Contra a presente resolución os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, ou calquera outro que estime oportuno.

Vigo, 1 de marzo de 1999.

Manuel Pérez Álvarez

Alcalde de Vigo