Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Xoves, 18 de marzo de 1999 Páx. 3.121

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Servicios Sociais, pola que se fixa o prazo para a presentación de solicitudes para a realización de convenios de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade e se establecen os prezos máximos de praza/día.

A Orde do 16 de maio de 1995, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se regula o establecemento de convenios de colaboración en materia de reserva e ocupación de prazas en centros residenciais e vivendas tuteladas para a terceira idade, establece a posibilidade de que estas poidan ofertar prazas para a súa reserva e ocupación, logo da sinatura do correspondente convenio,

O seu artigo 8.2º sinala que a Dirección Xeral de Servicios Sociais fixará anualmente o prazo para presentar solicitudes por parte das entidades interesadas na subscrición dos citados convenios,

Pola súa banda o artigo 6 determina que a Dirección Xeral de Servicios Sociais establecerá anualmente o custo máximo da praza/día ocupada.

Por todo isto o director xeral de Servicios Sociais en uso das súas atribucións,

DISPÓN:

Primeiro.-O prazo para presentar solicitudes para a formalización dos convenios ós que se refire a Orde do 16 de maio de 1995 será de 15 días naturais desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-Os custos máximos por praza/día ocupada nos centros/vivendas cos que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais estableza convenios de reserva e ocupación de prazas, durante o ano 1999 serán os seguintes:

-Prazas de persoas válidas: 3.531 ptas./día.

-Prazas de persoas asistidas: 6.471 ptas./día.

Terceiro.-As obrigacións contraídas pola consellería para o financiamento das prazas conveniadas serán con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.212.B.262.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1999.

Manuel Aguilar López

Director xeral de Servicios Sociais